Manuel Naveira González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaManuel Naveira González

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento20 de marzo de 1837 Editar o valor em Wikidata
Betanzos, España Editar o valor em Wikidata
Morte16 de abril de 1905 Editar o valor em Wikidata (68 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña
Arxentina Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónnotario , filántropo Editar o valor em Wikidata

Manuel Naveira González, nado en Betanzos o 20 de marzo de 1837 e finado en Buenos Aires o 16 de abril de 1905, foi un notario e filántropo galego que traballou en Buenos Aires.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Manuel Naveira naceu no número 33 da rúa Nova. Foi o fillo maior do ferreiro José Naveira García e da tratante de cereais Joaquina González Pandelo, matrimonio que tivo en total sete fillos, cinco deles varóns. Comezou os seus estudos no convento franciscano de Betanzos e máis tarde traballou como funcionario nos xulgados de Betanzos.

O pai de Manuel Naveira tiña todo preparado para que o seu segundo fillo, José, marchase á Arxentina a traballar con Celso Mouriño nos almacéns de Ramos Generales, pero ante a negativa deste quen acabou marchando foi o propio Manuel, en 1858, embarcado no Paloma de Cantabria, chegando xa en 1859 a Buenos Aires. En pouco tempo foi logrando unha boa posición económica, traballando nos almacéns e convivindo con outros emigrantes. O seu tempo libre estaba dedicado ao estudo, o que lle permitiu lograr, o 3 de xullo de 1867, o título de escribán público outorgado polo tribunal de xustiza arxentino.

Nomeárono cónsul da República Arxentina en Barcelona e A Coruña, e axudou a moitos conveciños a emigraren para aquel país. En Buenos Aires acadou un capital importante, con 159 propiedades na capital e varias propiedades rústicas na provincia de Buenos Aires e de Córdoba, contando máis de 49.900 hectáreas para gandería e agricultura. Durante un tempo fixou a súa residencia no Castelo Luján.

Labor filantrópico[editar | editar a fonte]

No verán de 1898, nunha das súas visitas a Betanzos, soubo da falta de instrumentos e da escaseza de fondos da Banda Municipal de Música de Betanzos e adquiriu 19 instrumentos encargados en Francia. Tempo despois mercou unha casa para que servise de almacén da banda e outro local para a escola de nenos e nenas de Betanzos.

En 1905 doou 10.000 pesetas para o Hospital de Santo Antonio, cartos que se empregaron en engadir unha planta máis ao antigo edificio, modernizar as dependencias e crear un pequeno quirófano. Á súa morte, e seguindo as súas decisións, a súa muller comezou a construción dun novo hospital en Betanzos. Adquiriu uns terreos na estrada de Castela e contratou os servizos de Pedro Ramiro Mariño Ortega, que se encargou de executar o Asilo Manuel Naveira. Inaugurouse o 12 de outubro de 1929. Os custos iniciais foron as 100.000 pesetas legadas por Manuel Naveira e mais 40.000 pesetas máis deixadas pola súa muller. A maiores, Matilde Golpe engadiu 500.000 pesetas máis para asegurar o futuro funcionamento da institución. Estivo rexentado pola orde das Carmelitas, a petición da viúva e o fillo de Manuel Naveira. Para celebrar a inauguración, José Roque enviou 5000 pesetas para repartir coas familias máis pobres da cidade, algo habitual nas súas visitas á cidade brigantina. O edificio tiña forma de H e dúas alturas, ocupando máis de 400 metros cadrados, con escaleiras de acceso feitas en cemento branco, ademais de estar dotado de todas as modernidades do momento: auga con bombeo eléctrico, lavandaría, salóns, capela con oratorio privado etc.

Como agradecemento polo seu labor, o Concello de Betanzos colocou unha placa deseñada por Rafael González Villar na fachada da súa casa. Na actualidade esta placa está depositada no Museo das Mariñas.

Asinou o seu testamento o 7 de xaneiro de 1905:

Yo no debo nada a nadie más que a Dios y a mi trabajo constante y honrado [...] Encomiendo mi alma a Dios, y el cuerpo será inhumado sin pompa ni ostentación de ninguna especie aplicándose tan sólo una misa rezada en presencia de Él. [...] Recomiendo a mi hijo que sea respetuoso con su buena madre [...] …que no tenga orgullo y que ejerza la caridad todo cuanto pueda.

Manuel Naveira está enterrado no cemiterio bonaerense da Recoleta.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

O 9 de abril de 1890 casou por poderes con Matilde Golpe Brañas, natural de Verís (Irixoa). Coñecéranse en Betanzos e mantivo con ela unha relación epistolar. No momento da voda Manuel Naveira estaba en París, tratándose de cataratas na clínica Instituto Roussy, e Matilde foi a aquela cidade. Tiveron un único fillo, José Roque Naveira Golpe (Buenos Aires, 16 de agosto de 1894).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]