Manuel Ferrol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 1 de febreiro de 2010 ás 00:11 por Estevoaei (conversa | contribucións) (formato da referencia)
Rúa dedicada a Manuel Ferrol en Carral.

Manuel Ferrol, nado en Cabo Vilán en 1923 e finado na Coruña en 2003, foi un fotógrafo e reporteiro galego.

Primeiros anos

Fillo dun fareiro, viviu parte da súa infancia e adolescencia en distintas localizacións da costa galega, situación que o leva a cursar o bacharelato en Vigo, onde tamén comezará os estudos de Náutica, axiña abandonados pola súa afección á fotografía.

Comeza a dedicarse profesionalmente á fotografía no ano 1950. Entre 1950 e 1953 monta un estudio en Betanzos e entre 1953 e 1955 traballa como retratista en Ferrol. Neses anos comeza a recibir os seus primeiros recoñecementos públicos, así recibe no 1953 o premio da Asociación de Artistas da Coruña e tamén é contratado pola Mariña de guerra estadounidense para documentar a súa visita a Ferrol. En 1955 instálase na Coruña, cidade á que sempre estará moi ligado, e comeza a traballar combinando a profesión de retratista coa de reporteiro gráfico para distintas publicacións.

Éxitos profesionais

No ano 1957 recibe un encargo da Comisión Católica de Emigración para realizar un traballo sobre o embarco de emigrantes no porto da Coruña. Nese contexto realiza o que sería o seu traballo máis coñecido nacional e internacionalmente. O día 27 de novembro de 1957, no embarque ao buque "Juan de Garay", Manuel Ferrol capta a imaxe dun pai co seu fillo (os fisterráns Xan e Xurxo Calo[1]) chorando no porto. A fotografía representaría durante décadas os anos máis duros da emigración galega do século XX, chegando a converterse nunha especie de icona. Axudado pola relevancia e a sona deste traballo poderá estudar fotografía na Hamburger Photo Schule, feito que lle valerá ser contratado en 1958 como correspondente de Televisión Española na Galiza.

En 1961 realiza outra reportaxe de sona, esta vez sobre a liberación do buque "Santa María", secuestrado polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación

En 1965 gaña a oposición para ser correspondente do No-Do, traballo no que desenvolveu multitude de monográficos sobre diversos temas galegos. Nese traballo tamén tivo o encargo de cubrir as vacacións de verán de Franco, razón pola que se converteu nunha das poucas persoas cunha relación de proximidade no contorno familiar do ditador.

Durante os anos setenta participou nun proxecto cinematográfico sobre Castelao. O vínculo de Manuel Ferrol co cinema galego era especialmente forte, até o punto no que unha das cousas das que máis se gababa era que o seu traballo servira de inspiración para varios filmes de Chano Piñeiro[2].

Últimos anos e recoñecemento

Nos anos seguintes, Manuel Ferrol, participou en numerosas exposicións internacionais ao lado dos fotógrafos máis importantes do século, sen deixar de traballar até o seu falecemento, en marzo de 2003. Catro anos antes, en 1999 recibira un dos poucos recoñecementos oficiais que tivo en vida: o galardón da Deputación Provincial da Coruña como fotógrafo histórico. a O 25 de xullo dese mesmo ano, o por aquel entón presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga impúxolle a título póstumo a medalla de bronce "Os bos e os xenerosos".

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas