Manuel Coto Chan
Manuel Coto Chan | |
---|---|
Nacemento | 1898 |
Lugar de nacemento | Couselo |
Falecemento | 1946 |
Lugar de falecemento | A Estrada |
Nacionalidade | España |
Ocupación | político |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Manuel Coto Chan, nado en Couselo (Cuntis) en 1898 e finado na Estrada en 1946, foi un político galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Emigrou a Arxentina, onde traballou en diversos negocios e casou con Ramona Abal de Barrantes. Retornou en 1926 e instalouse na Estrada onde abriu unha carnicería na Praza de Abastos. Militou no Partido Republicano Radical Socialista do que foi nomeado presidente do comité da Estrada en agosto de 1931,[1] e despois pasou ao PSOE. Coa folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido xunto con Higinio Carracedo Ruzo, Manuel Vázquez Otero e Manuel Pereira Rial acusados de cortar os fíos telegráfico e telefónico a noite do 5 ao 6 de outubro, deixando incomunicada a vila da Estrada; xulgados en novembro polo Tribunal de Urxencia, excepto Manuel Pereira que foi absolto, foron condenados a un ano, catro meses e un día de prisión,[2] e en decembro foron trasladados á colonia penitenciaria do Dueso.[3] Logo do triunfo da Frente Popular en febreiro de 1936 foi indultado. En marzo de 1936 foi nomeado deputado provincial.[4] Foi nomeado concelleiro da Estrada e elixido segundo tenente alcalde o 5 de maio de 1936 ao constituíuse a Comisión Xestora Municipal.[5]
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado delegado de Orde Pública desempeñando o cargo até o día 22, cando os republicanos se disolven pacificamente. Avisado de que figuraba na lista dos falanxistas e escapou polo monte de Ferreiros cara Couselo. A súa filla foi interrogada e acosada por falanxistas co fin de que confese o agocho do seu pai. O seu fillo ingresou no exército con 17 anos para tentar salvar ao pai. Manuel formou parte do Comité Popular Anti-fascista da Estrada ata que foi detido o 28 de novembro de 1938 con José Silva Rey na casa de Higinio Carracedo Ruzo na Somoza. Estivo preso na Estrada e foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar e condenado a pena de morte, que foi conmutada por cadea perpetua. Ingresou na Prisión da Parda en Pontevedra, e despois pasou a El Dueso (Cantabria), e finalmente estivo no Campo de Concentración de Brunete, sometido a traballos forzados. Incoáronlle expediente de responsabilidades políticas en outubro de 1939.[6] Foi indultado en outubro de 1945, e retornou á Estrada coa saúde moi deteriorada. Faleceu ao ano seguinte.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ El Emigrado, 16-8-1931, p. 4.
- ↑ El Pueblo Gallego, 10-11-1934, p. 13.
- ↑ El País, 14-12-1934, p. 2.
- ↑ El País, 18-3-1936, p. 1.
- ↑ El Pueblo Gallego, 13-5-1936, p. 12.
- ↑ El Pueblo Gallego, 1-11-1939, p. 5.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Manuel Coto Chan na páxina web Nomes e Voces.