Saltar ao contido

Manolita del Arco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaManolita del Arco
Biografía
Nacemento(es) Manuela del Arco Palacios Editar o valor em Wikidata
20 de abril de 1920 Editar o valor em Wikidata
Bilbao, España Editar o valor em Wikidata
Morte20 de xaneiro de 2006 Editar o valor em Wikidata (85 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónactivista política Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Comunista de España Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

BNE: XX1047477

Manuela del Arco Palacios, máis coñecida como Manolita del Arco e cos alcumes de Dolores García e Lolichu, naceu en Bilbao en 1920 e morreu en Madrid o 20 de xaneiro de 2006, foi unha política española, membro do Partido Comunista (PCE), especialmente activa durante a Guerra civil española en Madrid, e como presa política durante a ditadura franquista. Foi a muller que permaneceu máis tempo de forma ininterrompida en prisión (case 18 anos) vítima da represión ditatorial.[1][2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Del Arco naceu en Bilbao no seo dunha familia humilde e proletaria. Trasladouse a Madrid con sete anos, onde viviu case toda a súa vida, salvo unha breve estancia na súa localidade natal e nos longos períodos en que permaneceu presa. Criouse no madrileño barrio de Chamberí na casa dos seus tíos.[3] Sendo moi nova, cursando estudos de bacharelato, integrouse na Federación Universitaria Escolar (FOI), no Socorro Vermello Internacional e uniuse á Agrupación de Mulleres Antifascistas. Tras o golpe de estado en 1936 comezou a traballar na oficina do Estado Maior do batallón de Milicianos (Unión de Hermanos Proletarios) e en outubro dese ano ingresou no Partido Comunista.[4]

Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Co golpe de estado que deu lugar á Guerra Civil, permaneceu en Madrid cercada polos sublevados durante toda a guerra. Neste tempo accedeu ao Comité Central do PCE, incorporouse e traballou co Socorro Vermello Internacional e foi unha das persoas máis activas da Asociación de Mulleres Antifascistas e encadrouse nas oficinas do Estado Maior do batallón Unión de Hermanos Proletarios (UHP).[3][2][3] Respecto da súa participación no batallón contou que estivo pouco tempo e que foi adquirindo outra conciencia distinta, cando se recibiu unha orde do Goberno para que non houbese mulleres mesmo nas oficinas das milicias.[3]

O 9 de marzo de 1939, durante os preparativos do golpe de Estado de Casado contra a República en Madrid foi detida como membro do PCE e encarcerada primeiro no convento dos Salesianos e despois no cárcere de Ventas. Cando a finais do devandito mes foi posta en liberdade, a cidade estaba xa en mans dos sublevados. Aínda que detida o mesmo día que terminou a guerra, o 1 de abril, foi posta en liberdade provisional. Trasladouse entón a Bilbao, onde comezou a reorganización do Partido Comunista.[3][2]

Presa da ditadura franquista[editar | editar a fonte]

Durante tres anos conseguiu evitar ser detida, o que finalmente ocorreu en 1942 na Coruña. Un consello de guerra en Madrid condenouna á morte polas súas actividades clandestinas, aínda que despois lle foi conmutada a pena por reclusión maior de 30 anos. Neste xuízo coñeceu a quen moitos anos despois sería o seu compañeiro, Ángel Martínez Martínez, tamén membro do PCE e preso durante case 19 anos.

Iniciouse entón un periplo de resistencia, folgas de fame e constantes traslados de prisión por toda España.[3] Tras sufrir tortura durante tres meses na Dirección Xeral de Seguridade do Estado, situada entón na Porta do Sol de Madrid, posteriormente transformada na sede da presidencia da Comunidade de Madrid, iniciou a súa primeira folga de fame no cárcere de Ventas, folga ás que moitas presas se sumaron. Por ese motivo foi trasladada a Alcázar de San Juan, Linares, Córdoba, Málaga (dous anos) e á prisión de Segovia, onde ingresou en 1948 e permaneceu oito anos.[2] En Segovia protagonizou unha das folgas de fame máis destacadas en 1949, xunto a outras coñecidas presas políticas como Pilar Claudín, Merche Gómez, María Vázquez, Nieves Torres e Josefina Amalia Villa.[1]

Foi trasladada a Alcalá de Henares no ano 1956 onde estivo catro anos até a súa posta en liberdade provisional en 1960.[3]

En liberdade[editar | editar a fonte]

Isto non impediu que seguise activa na militancia do Partido Comunista, destacando polo seu apoio aos presos políticos do penal de Burgos, onde se atopaba o seu compañeiro.[3] Na transición democrática, coa legalización do Partido Comunista, seguiu colaborando coa dirección do mesmo nas áreas de internacional e sanidade.[2][1]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Na última etapa da súa vida formou parte do colectivo feminista Sororidad, que a nomeou presidenta de honra.[5][1]

Faleceu en Madrid o día 20 de xaneiro de 2006.

Memoria histórica[editar | editar a fonte]

En 2021 a súa vida foi novelada polo seu fillo, Miguel Martínez do Arco, na novela Memoria del frío, baseada no contido das máis de cincocentas mil cartas da correspondencia que mantivo con seu home, tamén en prisión.[6][7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Manolita del Arco, veterana militante comunista y republicana, El País, 21 de enero de 2006, consultado el 26 de mayo de 2011.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Biografía, en javilaurri.com.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Hernández Holgado, Fernando (2006). "Manolita del Arco Palacio (1920-2006)" (PDF). Hispania Nova. Revista de historia contemporánea (6). ISSN 1138-7319. 
  4. "Cárcel de ventas". Consultado o 2021-01-18. 
  5. "Milú Vargas: “Las redes de asociacionismo feminista deben contribuir a la representatividad de las mujeres inmigrantes”". 2007-11-15. Consultado o 2021-01-20. 
  6. Martínez del Arco, Miguel (2021). Memoria del frío. Hoja de Lata. ISBN 978-84-16537-87-7. OCLC 1269240241. Consultado o 2021-10-15. 
  7. Castillo, Gorka. "“Manoli supo liberarse de los modelos de comportamiento impuestos a las mujeres en el franquismo”". ctxt.es - Contexto y Acción (en castelán). Consultado o 2024-05-19.