O proxecto culmina unha serie de iniciativas dos anos precedentes nos que se pretendeu dignificar e recuperar a figura do artista ferrolán, actualizando o seu legado e afastándoo das visións oficialistas precedentes. Tamén se pretende recuperar a influencia de Andrés do Barro como compositor de cancións populares e comprometido cultural e politicamente. O disco constitúe a primeira homenaxe desta envergadura que non ven feita directamente polos medios de comunicación do goberno galego. Algunhas das iniciativas que reivindicaron a figura de Andrés do Barro a principios do século XXI foron a web Saudade de ti, e o blogA Regueifa conducido por Noel Feáns, onde se puxeron a circular algúns machucos que combinaban cancións do cantante galego con outras de grupos galegos contemporáneos ou de grupos míticos da escena pop e rock internacional. Tamén se consideraron un precedente as actuacións do grupo Safari Orquestra durante o recital Ao pé da letra do ano 2005, onde presentaron unha versión trip-hop da canción "Teño saudade", incorporada máis tarde ao disco.
O traballo contou co apoio da familia de Andrés do Barro. Andrea Lapique, filla do cantante, contribuíu cun texto para acompañar ao disco, e aparece recitando versos do seu pai na canción de Fanny + Alexander. Xurxo Souto e o poeta Daniel Salgado acompañan tamén con textos seus a presentación do disco.