Mallando no Android

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mallando no Android é unha web en galego de actualidade tecnolóxica e análise de trebellos centrada no sistema operativo Android. Comezou a súa andaina independente o 1 de xullo de 2010, logo de ser unha sección da web matriz Mallando na e-ira. 

 Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mallando no Android comezou como unha sección do blog de difusión científica Mallando na e-ira, mais o 1 de xullo de 2010 iniciou a súa andaina en solitario. Aos tres cofundadores do proxecto fóronse sumando máis persoas ao longo destes anos até superar a decena actual, entre redactores e colaboradores puntuais.

Inicialmente a web estivo aloxada no servizo gratuíto Blogger. Porén, en agosto de 2013, e coincidindo co redeseño da páxina para adaptarse ás plataformas móbiles, comezou a usar hosting propio. Desde decembro de 2014, Mallando no Android emprega dominio .gal.

Ademais da web, os redactores de Mallando no Android colaboran eventualmente en diversos medios en galego, como a Radio Galega, Radiofusión, Sermos Galiza e Praza Pública

 Android en galego[editar | editar a fonte]

En outubro de 2013 Mallando no Android puxo en marcha a campaña Android en Galego (#AndroidEnGalego), para reclamar a Google a tradución de Android ao galego.

A campaña contou cun manifesto que recibiu o apoio das tres universidades galegas, numerosas empresas tecnolóxicas do país e preto de 4300 sinaturas persoais, que foron enviadas ás oficinas centrais de Google en xaneiro de 2014. Paralelamente, os promotores foron recibidos por Google nas oficinas da compañía de Madrid para tratar o tema en novembro de 2013.

En outubro de 2014 a campaña acadou o seu obxectivo, sendo a versión 5.0 de Android (Lollipop) a primeira en estar dispoñíbel en galego. 

 Redes sociais e comunidade[editar | editar a fonte]

Mallando no Android ten unha forte presenza nas redes sociais, con perfís activos en Twitter, Facebook, Google+, Instagram e unha canle de YouTube. A través delas retransmiten as principais feiras e eventos tecnolóxicos relacionados coa temática da páxina.

 Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]