Madurez ecolóxica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A madurez ecolóxica é o estado no que se atopa un ecosistema nun momento dado do proceso de sucesión ecolóxica. Este proceso dá comezo nuns estadios iniciais e pouco maduros, nos que unha comunidade sinxela e pouco esixente coloniza un territorio sen explotar, e chega ata os estados máis avanzados e maduros de biocenoses máis organizadas ou maduras. O estado de máxima madurez, de equilibrio co medio, ó que tenden todos os ecosistemas naturais denomínase comunidade clímax. O proceso inverso denomínase regresión.

Regras de cambio na madurez dunha sucesión[editar | editar a fonte]

Tanto nas sucesións primarias como nas secundarias, existen unha serie de regras comúns que seguen as distintas sucesións:

  • A medida que pasa o tempo a diversidade na sucesión aumenta: o número de especies diferentes crece así como o número total de individuos.
  • Aumenta o número de nichos ecolóxicos: isto e debido a que unhas especies son substituídas por outras ao entrar en competencia. Neste sentido as especies xeneralistas van gradualmente cedendo terreo as especies especialistas, xa que estas últimas adáptanse mellor ao territorio.
  • Aumenta a estabilidade: ao facerse cada vez máis complexo o ecosistema, as redes tróficas van enriquecéndose e complicando a sucesión e aumenta o número de niveis tróficos (aínda que non adoita acadar máis de 5 o 6 elos). Os sistemas de retroalimentación son os que axudan a manter a estabilidade.
  • Tendencia a estabilidade metabólica: a fotosíntese tende a igualarse coa respiración, querendo buscar un estado de estabilidade metabólica que só se acada na comunidade clímax.
  • Cambios nos parámetros tróficos: a produtividade diminúe coa madurez. Margalef dicía que na comunidade clímax "se acada o máximo de biomasa e a mínima produtividade"