Madalyn Murray O'Hair
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de abril de 1919 Pittsburgh, Estados Unidos de América |
Morte | 29 de setembro de 1995 (76 anos) Austin, Estados Unidos de América |
Causa da morte | homicidio, asfixia |
Residencia | Baltimore Honolulu Austin |
Relixión | Ateísmo |
Educación | Ashland University (en) - grao en Artes South Texas College of Law (en) - Grao en Leis Rossford High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | avogada, xornalista, escritora |
Membro de | |
Movemento | Ateísmo |
Familia | |
Fillos | Jon Garth Murray, William Joseph Murray |
Descrito pola fonte | American Women Writers (en) |
Sitio web | rotten.com… |
Madalyn Murray O'Hair (de solteira Mays), nada en Pittsburgh o 13 de abril de 1919 e finada en Austin o 29 de setembro de 1995,[1] foi unha promotora do ateísmo estadounidense. Fundou American Atheists e de xeito oficial ou non, foi a súa presidenta durante trinta e dous anos.
Foi coñecida pola demanda Murray v. Curlett, que levou a un histórico fallo do Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América e que acabou coa práctica da oración diaria nas escolas públicas. Converteuse nunha personaxe tan controvertida que en 1964 a revista Life referiuse a ela como "a muller máis odiada dos Estados Unidos".[2][3]
Faleceu xunto co seu fillo e a súa neta en 1995 asasinados por un membro da súa asociación leiga que fora acusado por roubar cartos á organización e fora despedido por iso.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e educación
[editar | editar a fonte]Madalyn Mays naceu no barrio de Beechview de Pittsburgh, Pensilvania, en 1919, filla de Lena Christina Scholle e John Irwin Mays.[4] Foi bautizada na fe presbiteriana do seu pai; a súa nai era luterana.[5] A familia mudouse a Ohio, e en 1936, Mays graduouse na Rossford High School de Rossford.[6]
En 1941 casou con John Henry Roths, mais separáronse cando ambos se alistaron durante a Segunda guerra mundial, el no Corpo de Marines e ela no Corpo de Mulleres do Exército. En 1945, mentres servía nun posto criptográfico en Italia, comezou un romance cun oficial, William J. Murray Jr. Porén, Murray estaba casado polo rito católico e negouse a divorciarse da súa muller. Pola súa banda, Madalyn Mays divorciouse de Roths e comezou a usar o apelido do seu amante Murray, nome co que rexistrou o seu primeiro fillo, William J. Murray III, alcumado Bill.[5]
Madalyn Murray graduouse na Universidade de Ashland en Ohio.[7] En 1952 completou a licenciatura en Dereito na Facultade de Dereito da Universidade do Sur de Texas, aínda que suspendeu o exame de avogados e nunca exerceu.[8] En escritos posteriores para a asociación que fundou, asinou como "Dr. O'Hair", probablemente para referirse á súa formación académica en dereito, considerada por algúns como doutora xurídica.
Mudouse con Bill a Baltimore, Maryland. O 16 de novembro de 1954 deu a luz o seu segundo fillo, Jon Garth Murray, co seu mozo Michael Fiorillo.[9] A relación acabou e crese que o neno nunca coñeceu o seu pai.
Neste punto algunhas fontes aseguran que asistiu a reunións do Partido Socialista dos Traballadores en 1957, cando aínda vivía en Baltimore cos seus fillos, pais e un irmán. Nesas fontes, tamén se di que en 1959 solicitou a cidadanía soviética. Supostamente, e despois de non ter resposta durante un ano, viaxou cos seus fillos a Europa coa intención de cruzar o telón de aceiro, mais a embaixada en París denegoulle a entrada e finalmente regresaron a Baltimore.[10][11][12] En calquera caso, cómpre cuestionar esta historia xa que durante 17 anos traballou como traballadora social nun hospital psiquiátrico de Baltimore e en 1960 foi supervisora do Departamento de Benestar Público da cidade. Parece improbable que alguén coa formación de Murray ocupase tal cargo.
Activismo
[editar | editar a fonte]En 1960 saltou á fama despois de presentar unha demanda contra o Baltimore City Public Education System (Murray v. Curlett), en que se opuxo a que o seu fillo Bill tivese que participar nas lecturas da Biblia que daquela eran habituais nas escolas e que consideraba inconstitucional. No proceso, alegou que a negativa do seu fillo a participar nas lecturas levou a que os seus compañeiros agredisen o rapaz, ataques que foran deliberadamente ignorados pola administración do centro.[7] A demanda chegou ao Tribunal Supremo en 1963 despois de que se consolidase con outro proceso similar: o caso de Abington School District v. Schempp. O Tribunal Supremo votou a favor de Murray (por oito votos contra un), defendendo a prohibición das oracións e a lectura da Biblia nas escolas públicas dos Estados Unidos. A partir de entón, Murray adoitaba referirse a si mesma como a líder do movemento para eliminar a oración nas escolas públicas. Porén, como máis adiante sinalou o seu fillo Bill, naqueles tempos existían varias demandas semellantes en trámite no Tribunal Supremo, e a súa só tivo a particularidade de ser a primeira en conseguir unha sentenza firme.
En 1963, Madalyn Murray abandonou Maryland despois de supostamente agredir varios policías de Baltimore que acudiron á súa casa buscando a moza do seu fillo Bill (unha menor fuxida). Posteriormente casou con Richard O'Hair, marine dos Estados Unidos, que foi o seu marido legal (o matrimonio fracasou, mais non rematou en divorcio) ata a súa morte en 1978.
Animada polo éxito da súa demanda contra a cidade de Baltimore, Madalyn presentou unha nova causa contra a NASA para impedir a lectura do libro da Xénese desde o espazo que estaba programada como evento televisivo durante a expedición do Apolo VIII.[13] A súa petición foi que se prohibise aos astronautas estadounidenses —empregados públicos do goberno— mostrar as súas crenzas relixiosas en público, mais o Tribunal Supremo de Xustiza rexeitou o caso por unha cuestión xurisdicional.[14]
Durante o resto da súa vida, Madalyn O'Hair desafiou todas as autoridades relixiosas e debateu publicamente con varias figuras públicas sobre varios temas. Describiuse a si mesma como unha "libertaria sexual" e afirmou que os alumnos de sexto debían recibir educación sexual, que os seres humanos deberían poder manter relacións sexuais tan pronto como a súa natureza o requirise, como os animais e as flores. Na súa opinión, as relacións interpersoais, sexan afectivas ou sexuais, non deben ser obxecto de supervisión, nin por parte doutras persoas, nin, moito menos, por parte do Goberno.
American Atheists
[editar | editar a fonte]Despois da súa chegada a Austin, O'Hair fundou American Atheists: "un movemento nacional que defende os dereitos civís dos non crentes, traballa pola separación da Igrexa e do Estado e trata os problemas derivados das políticas públicas en relación coa Primeira Emenda". Como fundadora, foi a primeira directora executiva do grupo.
Durante as décadas de 1960 e 1970, O'Hair converteuse na voz do ateísmo nos Estados Unidos. Por iso, foi unha figura moi polémica. O seu propio fillo William, que non compartía a súa filosofía escéptica e atea, describiuna máis tarde como "profana e vulgar" e dixo que a súa nai tiña varias estatuas grotescas de animais apareados na súa casa.
Nunha entrevista con Playboy en 1965, dixo que a relixión é "unha muleta" e que "a confianza irracional na superstición ou no sobrenatural é absurda".[7] Na mesma entrevista, O'Hair deu unha longa lista de incidentes que supostamente tivera que soportar pola súa coñecida oposición á que a relixión invadise a vida pública: incidentes de acoso, intimidación e mesmo ameazas de morte contra ela e a súa familia. Leu varias cartas. Unha delas dicía: "Que Xesús, a quen tan fervorosamente negas, te converta en Paulo". En resposta, O'Hair díxolle ao entrevistador: "Non é encantador? Christine Jorgensen tivo que ir a Suecia para operarse, mais vou conseguir o mesmo con fe: sen dor e sen pago".[7] Tamén declarou que saíra de Baltimore non porque temese as acusacións de agredir os axentes de policía, senón porque algúns dos seus concidadáns a perseguían, enviándolle fotos manchadas de excrementos por correo, estrangulando o gatiño do seu fillo Bill e apedreando a súa casa, o que segundo ela lle provocara ao seu pai un infarto que o levou á morte.[7]
Como presidenta de American Atheists, O'Hair presentou varias demandas por cuestións en que observou connivencia entre a Igrexa e o Estado violando a Constitución dos Estados Unidos. Un exemplo diso foi a demanda presentada contra a cidade de Baltimore por eximir a Igrexa Católica do pago de impostos.[7]
Durante varios anos, O'Hair produciu varios programas de emisión ateos críticos coa relixión e as crenzas teístas. Particularmente un programa de radio e outro de televisión (American Atheist Forum) que foron emitidos por ata 140 cadeas de televisión por cable.[3][15]
En 1980, William J. Murray foi bautizado nunha igrexa bautista en Dallas, onde obtivo un posto como predicador. Isto provocou unha ruptura entre nai e fillo. Como ela dixo: "Supoño que podes chamarlle a isto un posaborto por parte da nai; repúdioo total e completamente agora e para sempre... está alén do perdón humano".[16][17]
Na década de 1980, a figura de O'Hair aínda era unha figura controvertida. En 1984, actuou como editora xefa da campaña presidencial de Larry Flynt e tamén foi convidada habitual en programas de entrevistas televisados. Jon Murray sucedeuna como líder de American Atheists, que non foi do agrado de moitos dos asociados e produciu unha separación do grupo principal. En 1991 disolvéronse todos os grupos estatais e locais.
Na década de 1990, a asociación American Atheists limitouse a O'Hair, o seu fillo Jon, a súa neta Robin e algúns seguidores. Robin era filla de William, o seu primeiro fillo (rexeitado por ela e sen falar durante moitos anos) e fora adoptada por Madalyn cando era bebé. Os tres vivían xuntos nunha casa grande, traballaban no mesmo despacho e ían xuntos de vacacións.[3]
Desaparición
[editar | editar a fonte]O 27 de agosto de 1995, O'Hair, Jon e Robin desapareceron.[3] A porta da oficina de American Atheists estaba pechada cunha nota mecanografiada adxunta (supostamente asinada por Jon) que indicaba o seguinte: "A familia Murray O'Hair tivo que abandonar a cidade por unha emerxencia. Polo momento, non sabemos canto tempo estaremos ausentes". Cando algúns dos que os coñecían se preocuparon e foron á casa dos O'Hair, atoparon a casa abandonada repentinamente:[18] os pratos do almorzo aínda estaban sobre a mesa, o medicamento de Madalyn para a diabetes no caixón e os cans que tanto querían na parte traseira da casa sen coidados.
En poucos días, varios amigos recibiron unhas cantas chamadas de Jon. Nelas afirmaban que os tres estaban en San Antonio por "negocios".[3] Unha semana despois, alguén chamado Jon Murray reservou a compra de varias moedas de ouro por valor de 600 000 dólares a un xoieiro de San Antonio, mais finalmente só lle compraron o equivalente a 400 000 dólares.[19]
A partir do 27 de setembro, empregados e amigos de American Atheists recibiron varias chamadas tanto de Robin como de Jon, ningún dos cales dixo por que tiñan que marchar nin cando volverían; e aínda que dixeron que non pasaba nada, as súas voces soaban tensas e preocupadas.[3] Despois do 28 de setembro non houbo mis comunicacións dos O'Hair. Comezou entón a especulación sobre a desaparición dos O'Hair. Xurdiu o rumor de que abandonaran a asociación e fuxiran cos cartos da mesma. Un investigador que traballa para Vanity Fair, despois de examinar as probas presentadas por un dos antigos empregados de American Atheists, David Roland Waters, concluíu que o trío marchara a Nova Zelandia.
Un ano despois da súa desaparición, o fillo de Madalyn, William Murray, presentou unha denuncia de desaparición. Meses antes, manifestara con frecuencia que non quería presentar a denuncia para non chamar a atención dos medios de comunicación e porque non había indicios de ningún delito, declarando: "Non quero buscar xente que non quere ser atopada". Trala denuncia, os O'Hair foron declarados legalmente mortos e a maioría dos seus bens foron vendidos para cubrir as súas débedas.
Asasinato
[editar | editar a fonte]Finalmente, a investigación centrouse nun antigo empregado que dera as pistas á revista Vanity Fair. David Roland Waters, que traballara como tipógrafo para American Atheists, converteuse en director de oficina da organización. Tempo antes da desaparición dos O'Hair, Waters fora sospeitoso de malversar 54 000 dólares da organización, un delito do que se declarou culpable a principios de 1995.[20] Waters tiña condenas anteriores por delitos violentos.[18][20]
Ao descubrir a malversación, O'Hair escribiu un artigo mordaz na sección "só para membros" do boletín da asociación en que expuxo como o director da oficina roubara á asociación, os seus delitos anteriores e un incidente que ocorreu en 1977 en que Waters supostamente golpeou a súa nai e ouriñou sobre ela. A moza de Waters afirmou máis tarde que o seu mozo daquela estaba enfurecido polo artigo de O'Hair e que lembraba que fantaseaba con torturar a Madalyn dun xeito espantoso.
A policía concluíu que Waters e varios cómplices que coñecera no cárcere secuestraran os tres O'Hair, obrigándoos a retirar fondos da asociación e, tras facer varias compras co diñeiro da familia e as tarxetas de crédito, foran asasinados.[21] Un dos cómplices, Danny Fry, tamén fora asasinado poucos días despois dos O'Hair; o seu corpo foi atopado nun río coa cabeza e as mans cortadas (aínda que os seus restos foron identificados tres anos e medio despois).[21] Waters declarouse culpable de varios cargos reducidos.
En xaneiro de 2001, Waters dixo á policía onde se podía atopar a famosa familia: enterrada nun rancho de Texas.[18][19] Cando a policía cavou no lugar indicado por Waters, descubriron que os O'Hair foran cortados en anacos cunha serra; os restos foran moi mutilados e a descomposición fixo que identificar os corpos fose unha tarefa ardua. A identificación dos cadáveres fíxose mediante rexistros odontolóxicos, por probas de ADN e, no caso de Madalyn, por unha prótese de cadeira.[22]
Waters foi condenado por secuestro, roubo e asasinato e foi condenado a vinte anos de prisión. Tamén foi condenado a pagar 543 665 dólares á United Lay Association of America, así como aos herdeiros de Madalyn Murray O'Hair, Jon Garth Murray e Robin Murray-O'Hair. Non obstante, dado que non se recuperaron os cartos do roubo e Waters faleceu en prisión por un cancro de pulmón o 27 de xaneiro de 2003, ningún dos afectados recibiu indemnización algunha.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "United States Social Security Death Index: Madalyn M Ohair". FamilySearch.org. Arquivado dende o orixinal o 3 de marzo de 2016. Consultado o 18 de xuño de 2013.
- ↑ Goeringer, Conrad F. (2006). "About American Atheists". atheists.org. American Atheists. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Van Biema, David (1997-02-10). "Where's Madalyn?". Time. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2008. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ Reitwiesner, William Addams. "Ancestry of Madalyn Murray O'Hair". Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2016. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ 5,0 5,1 Le Beau, Bryan F. (2003). The Atheist: Madalyn Murray O'Hair. New York: New York University Press. ISBN 978-0-8147-5171-8.
- ↑ "Rossford HS Yearbook "Maroon and Gray" 1936". Ohio Memory. p. 20. Consultado o 17 de maio de 2015.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Murray, Madalyn; Tregaskis, Richard (outubro de 1965). "Madalyn Murray". Playboy. Arquivado dende o orixinal (reprint) o 14 de abril de 2008. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ Bryce, Robert (1998-11-20). "Madalyn Murray O'Hair timeline". The Austin Chronicle. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ Zindler, Frank (2008). "Madalyn Murray O'Hair". En Joshi, S. T. Icons of Unbelief: Atheists, Agnostics, and Secularists. Westport, Connecticut: Greenwood Press. p. 323. ISBN 978-0313347597.
- ↑ Vitteriti, Joseph (2009). Religion from the Public School to the Public Square. Princeton University Press. p. 102.
- ↑ Lee Epstein, Thomas G. Walker (2017), Constitutional Law for a Changing America: A Short Course. CQ Press, ISBN 1-5443-0895-7
- ↑ Murray, William J. (1982). My Life without God. Thomas Nelson. pp. 32, 41.
- ↑ Chaikin, Andrew (1994). A Man On The Moon: The Voyages of the Apollo Astronauts. Viking. pp. 623. ISBN 978-0-670-81446-6.
- ↑ "O'Hair v. Paine, 397 U.S. 531". Findlaw. 1970. Consultado o 2008-02-13.
- ↑ Bryce, Robert (1996-05-03). "The Case of the Missing Atheists". The Austin Chronicle. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ Alan Wolfe (12 de abril de 2004). "Among the Non-Believers". The New Republic.
- ↑ Dracos, Ted (2003). "The Family Dysfunctional". Ungodly: The Passions, Torments, and Murder of Atheist Madalyn Murray O'Hair. New York: Free Press. p. 138. ISBN 9781439119969.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 Manning, Lona (2003-09-29). "The Murder of Madalyn Murray O'Hair: America's Most Hated Woman". Crime Magazine. Arquivado dende o orixinal o 2007-10-12. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ 19,0 19,1 MacCormack, John (1999-07-29). "Lucky Break". Dallas Observer. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2014. Consultado o 2007-12-01.
- ↑ 20,0 20,1 Bryce, Robert (1999-06-04). "Preying on Atheists". The Austin Chronicle. Consultado o 2014-06-25.
- ↑ 21,0 21,1 Milloy, Ross E. (16 de marzo de 2001). "Bodies Identified as Those of Missing Atheist and Kin". The New York Times. Consultado o 14 de outubro de 2012.
- ↑ MacCormack, John (2001-02-01). "Dead Giveaway". Dallas Observer. Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2008. Consultado o 2007-12-01.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Madalyn Murray O'Hair |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Le Beau, Bryan F. (2003). The Atheist: Madalyn Murray O'Hair. ISBN 978-0814752852.
- Madalyn Murray O'Hair, Part 1 of 2. United States. Federal Bureau of Investigation. 2013. ISBN 978-1288559565.
- Murray, William Joseph (1992) [1982]. My Life Without God (re-issue). ISBN 978-1936488346. (memorias do seu primeiro fillo despois de facerse cristián)
- Rappoport, Jon (1998). Madalyn Murray O'Hair: Most Hated Woman in America. ISBN 978-0939040049.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- 1968 debate between Baptist minister Walter Martin and O'Hair – MP3 file
- FBI Records: The Vault - Madalyn Murray O'Hair at fbi.gov
- Biography of O'Hair at Rotten.com
- Madalyn Murray O'Hair vs. Religious Broadcasting at urbanlegends.about.com Arquivado 12 de abril de 2014 en Wayback Machine.
- Meeting Satan Herself: An evening with Madalyn Murray O'Hair: 14 de setembro de 1977
- The Murder of Madalyn Murray O'Hair: America's Most Hated Woman Crime Magazine