Macrosfénidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Macrosfénido»)
Macrosfénidos

Sphenoeacus afer
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Superfamilia: Sylvioidea
Familia: Macrosphenidae
Wolters, 1983
Xéneros

ver texto

Os macrosfénidos (Macrosphenidae) constitúen unha familia de aves canoras de recente creación. A maioría das súas especies estaban antes incluídas na familia Sylviidae, aínda que unha das especies, Achaetops pycnopygius, foi situada na familia Timaliidae. Diversos estudos moleculares dos Sylviidae e outras familias de aves da superfamilia Sylvioidea (que inclúe as lavercas, andoriñas e ferreiriños) atoparon que os macrosfénidos non formaban parte da familia Sylviidae senón que eran unha rama temperán (basal) de todo o clado Sylvioidea.[1][2]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Os macrosfénidos habitan un conxunto de hábitats na África subsahariana. Estes van desde selvas primarias a bordos de bosques e hábitats de bosques abertos nos Macrosphenus, sabanas arboradas a matos áridos e matogueira no caso dos Sylvietta, áreas de rochas soltas e praderías nos Achaetops pycnopygius, e praderías no Melocichla mentalis e Sphenoeacus afer. A familia é moi maioritariamente non migratoria, aínda que Melocichla mentalis e Sylvietta brachyura realizan algúns movementos localizados en África occidental relacionados coa estación das chuvias.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

Os macrosfénidos varían en tamaño desde os Sylvietta máis pequenos, que miden 8 cm de lonxitude e pesan só 6,5 g, ata os Sphenoeacus afer, que miden de 19 a 23 cm de lonxitude e o Melocichla mentalis que pesa 29 e 40 g. Hai unha diferenza considerable en aparencia entre os xéneros; por exemplo os dous Melocichla mentalis e o Cryptillas victorini posúen colas graduadas longas, mentres que os Sylvietta teñen colas que apenas se estenden alén das coberteiras e ás pregadas.[3]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Os macrosfénidos comen insectos moi variados. Os Macrosphenus e Sylvietta aliméntanse no dosel arbóreo e nos arbustos, en solitario ou en parellas e ás veces en pequenos grupos, mentres que outras especies son máis terrestres. Onde aparecen á vez dúas especies, como o Sylvietta whytii e o Sylvietta rufescens en certas zonas da súa área de distribución, ocorre unha partición de nicho, no que unha das especies se alimenta no dosel e a outra especie se alimenta máis abaixo nos arbustos e árbores. Algunhas especies de Sylvietta e Macrosphenus únense ás veces a bandadas mixtas de alimentación.[3]

A reprodución é estacional e xeralmente sincronizada para coincidir co final da estación seca e inicios da estación chuviosa; nas especies con amplas áreas de distribución isto pode levar a unha considerable variación en canto ao momento exacto. Non hai información dabondo para moitas especies, pero as que foron estudadas son territoriais e monógamas. O deseño do niño varía dentro da familia; os Sylvietta constrúen un niño con forma de bolsa profunda pendurada dunha rama; mentres que o Cryptillas victorini, Sphenoeacus afer e o Melocichla mentalis constrúe niños con forma de copa tecidos con herbas.[3]

Status e conservación[editar | editar a fonte]

A maioría das especies desta familia considérase en estado bastante seguro e están listadas pola IUCN como en estado pouco preocupante. Unha especie, Macrosphenus pulitzeri, está listada como especie en perigo. A especie é endémica dos bosques que se encontran en escarpas do oeste de Angola, un hábitat ameazado pola deforestación e a expansión da agricultura de queima e roza, e a poboación crese que non pasa de algo menos de mil individuos e segue declinando. Outra especie en perigo potencial Sylvietta (leucophrys) chapin, que pode ser unha especie de seu ou unha subespecie de Sylvietta leucophrys. O status desta especie é incerta, xa que os conflitos na zona impediron facer unha avaliación, pero mesmo podería estar xa extinta.

Especies[editar | editar a fonte]

Sylvietta rufescens

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Beresford, P; F.K. Barker; P.G. Ryan; T.M. Crowe (2005). "African endemics span the tree of songbirds (Passeri): Molecular systematics of several evolutionary ‘enigmas". Proceedings of the Royal Society B 272: 849–858. PMC 1599865. PMID 15888418. doi:10.1098/rspb.2004.2997. 
  2. Johansson, Ulf; Jon Fjeldså; Rauri C.K. Bowie (2008). "Phylogenetic relationships within Passerida (Aves: Passeriformes): A review and a new molecular phylogeny based on three nuclear intron markers" (PDF). Molecular Phylogenetics and Evolution 48: 858–87. PMID 18619860. doi:10.1016/j.ympev.2008.05.029. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Franz Bairlein, Per Alström, Raül Aymí, Peter Clement, Andrzej Dyrcz, Gabriel Gargallo, Frank Hawkins, Steve Madge, David Pearson & Lars Svensson "Family Sylviidae (Old World Warblers)" in del Hoyo, J.; Elliot, A. & Christie D. (editors). (2006). Handbook of the Birds of the World. Volume 11: Old World Flycatchers to Old World Warblers. Lynx Edicions. ISBN 84-96553-06-X.