Liocarcinus navigator

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Liocarcinus navigator
Liocarcinus navigator.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Pleocyemata
Infraorde: Brachyura
Superfamilia: Portunoidea
Familia: Portunidae
Xénero: Liocarcinus
Especie: L. navigator
Nome binomial
Liocarcinus navigator
(Herbst, 1794)

Liocarcinus navigator é un crustáceo decápodo braquiúro da superfamilia dos portunoideos e familia dos portúnidos,[1] moi abundante nas rías galegas.[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A escpecie foi descrita por primeira vez en 1794 polo naturalista alemán Johann Friedrich Wilhelm Herbst, na súa obra Versuch einer Naturgeschichte der Krabben und Krebse nebst einer Systematischen Beischreibung ihrer Verschieden Arten. Vol. 2, Parte 5, pp. 147–162, na que a designou como Cancer navigator.[3]

Ao longo do tempo foi coñecida polos sinónimos seguintes:[3]

  • Cancer navigator Herbst, 1794
  • Liocarcinus arcuatus (Leach, 1814)
  • Macropipus arcuatus Leach, 1814
  • Polybius arcuatus (Leach, 1814)
  • Portunus arcuatus Leach, 1814 [4]
  • Portunus emarginatus Leach, 1814
  • Portunus guttatus Risso, 1816
  • Portunus infractus Otto, 1828

Subespecies[editar | editar a fonte]

Na especie recoñecéronse dúas subespecies:

  • Liocarcinus navigator navigator (Herbst, 1794)
  • Liocarcinus navigator rondeletii (Risso, 1816)

das cales a segunda identifícase hoxe como a especie independente Liocarcinus rondeletii (Risso, 1816).[3]

Características[editar | editar a fonte]

Liocarcinus navigator ten un cacho de forma hexagonal, case ovalado, máis largo que longo e moderadamente convexo, de color marrón escura e de entre 30 e 50 mm de largo, aproximadamente, presentando na superficie dorsal pequenas quillas transversais, ás veces con pequenas sedas na parte anterior. A rexión frontal é enteira, sen dentes nin lóbulos e, entre os ollos, ten unha franxa de sedas longas.[2][5]

Os pereiópodos son longos. Os quelípodos (pinzas) son de similar tamaño, relativamente lisos, coa superficie dorsal do carpo cunha quilla lonxitudinal e ás veces cunhas estrías pouco notorias. Os pereiópodos dos pares segundo a quinto son moderadamente robustos, e o dáctilo do quinto par lanceolado, adaptado á natación.[2][6]

O abdome do macho, de forma triangular, presenta os segmentos terceiro a quinto fusionados, mentres que no das femias, máis ancho e arredondado, están libres. O primeiro pleópodo do macho é ancho na patrte basal, e vai estreitándose progresivamente até a parte distal, que é notoriamente curvada cara á fóra, rematando nun lóbulo acabado en punta.[2]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Esta especie encóntrase no nordeste do océano Atlántico, incluíndo os mares do Norte e Mediterráneo, desde o norte de Noruega até Mauritania.[2][5][7][8]

Abunda en augas pouco profundas, principalmente en fondos de area.[2]

Este cangrexo nadador (aínda que de hábitos bentónicos) é un depredador, alimentándose de todos os pequenos animais que viven no fondo.

En Galicia[editar | editar a fonte]

Liocarcinus navigator é unha especie moi abundante en toda Galicia. É común nas praias, a poucos metros de profundidade, e mesmo en zonas de bateas (sobre todo se o fondo está pouco transformado, como nas de ostras).[2]

Cómpre destacar que as poboacións galegas de Liocarcinus navigator, xunto coas do seu conxénere L. depurator, aumentaron considerabelmente a partir de mediados do século XX, á raíz da instalación das bateas mexilloeiras, debido á modificación dos ecosistemas bentónicos e, a dicir de Gurriarán e outros, constitúen dous dos principais braquiúros nas nosas augas.[9]

Nas augas galegas captúranse numerosos individuos xuvenís e adultos nas faenas de arrastre nas praias en zonas de algas verdes (Ulva sp.), chegando a densidades de 0,5 espécimes por metro cadrado.[2]

O tamaño dos exemplares capturados na ría de Arousa, referido á anchura do cacho, oscilan entre os 7 e os 46 mm, no caso dos machos, e de entre os 7 e os 38 mm nas femias.[2]

Nomes galegos[editar | editar a fonte]

Na bibliografía consultada só se recolle esta especie en González Gurriarán e Méndez (1985),[2] que din que se coñece comunmente por cangrexo, e e Lahuerta e Vázquez (2000), que lle adxudican o nome de cangrexo arqueado.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Peter K. L. Ng, Danièle Guinot & Peter J. F. Davie (2008). "Systema Brachyurorum: Part I. An annotated checklist of extant Brachyuran crabs of the world" (PDF). Raffles Bulletin of Zoology 17: 1–286. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 2,9 González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985), pp. 82-83.
  3. 3,0 3,1 3,2 Liocarcinus navigator (Herbst, 1794) no WoRMS.
  4. Que é o basónimo.
  5. 5,0 5,1 Kåre Telnes (13 de febreiro de 2012). "Arch-fronted swimming crab – Liocarcinus navigator". The Marine Flora & Fauna of Norway. Consultado o 28 de agosto de 2014. 
  6. Mario de Kluijver & Sarita Ingalsuo. "Liocarcinus arcuatus". Macrobenthos of the North Sea – Crustacea. Marine Species Identification Portal. Consultado o 28 de agosto de 2014. 
  7. Sven Gehrmann (2008). "Schwimmkrabbe, Polybius navigator (Herbst, 1794)". Die Fauna der Nordsee – Niedere Tiere I: Krebstiere, Asselspinnen, Ringelwürmer, Stachelhäuter, Manteltiere & Schwämme [The fauna of the North Sea – lower animals I: crustaceans, sea-spiders, annelids, echinoderms, molluscs and sponges] (en German) 1. Books on Demand. p. 80. ISBN 9783981255300. 
  8. Manning, R. B. & Holthuis, L. B. (1981): West Africa Brachyuran Crabs (Crustacea: Decapoda). Smithsonian Contributions to Zoology, Number 306, Smithsonian Institution Press. Washington, USA.
  9. Muíño Boedo, Ramón (1977): Estudio de las poblaciones de Liocarcinus arcuatus y Liocarcinus depurator en relación con el cultivo de mejillón en la Ría de Arosa]. Memoria presentada para aspirar al Grado de Doutor en Bioloxía. Universidade da Coruña.
  10. Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 210.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • McLaughlin, P. A.; Lemaitre, R. & Sorhannus, U. (2007): "Hermit crab phylogeny: a reappraisal and its “fall-out”". Journal of Crustacean Biology, 27 (1): 97-115. Resume
  • Türkay, M. (2001): "Decapoda" en: Costello, M. J. et al. eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Paris: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-292. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]