Lino Novás Calvo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lino Novás Calvo, nado nas Grañas do Sor (Mañón) o 24 de setembro de 1903 e finado en Nova York o 24 de marzo de 1983, foi un xornalista e escritor galego-cubano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo natural de María Calvo Rego, foi recoñecido polo pai, Lorenzo Novás, en 1909. As dificultades económicas da familia fan que emigre en 1912 a Cuba, país no que residía un tío materno. Alí desempeñou unha grande variedade de oficios ao mesmo tempo que foi aumentando a súa formación. Estudou inglés nunha escola nocturna. En 1926 marchou a Nova York, cidade na que permanecería oito meses. As súas colaboracións literarias comezaron en 1927 na Revista de Avance, órgano da vangarda artística cubana. Tamén colaborou coa Revista de La Habana e coa Revista Social. Comezou a traballar na libraría Minerva.

En 1931 o semanario Orbe, enviouno como correspondente a Madrid. Antes visitou a súa aldea natal, desde onde enviou varias crónicas a Orbe en agosto de 1931. De Madrid enviou reportaxes sobre a vida cultural e social e colaborou en publicacións como Revista de Occidente, La Gaceta Literaria, El Sol e La Voz. Iniciouse no mundo da tradución e en 1933 publicou a súa primeira novela Pedro Blanco, el negrero. Nese ano cesou como correspondente de Orbe e dedicouse en exclusiva á tradución.

Co comezo da Guerra Civil situouse coa República e colaborou co semanario Ayuda, voceiro do Socorro Vermello Internacional. En 1940 retornou a Cuba dende Francia. En 1940 integrouse na redacción de Hoy, xornal vencellado ao Partido Socialista Popular. Despois colaborou coas revistas Ultra e Bohemia (da que foi xefe de información entre 1954 e 1960). En 1940 casou coa xornalista e poeta Herminia del Portal. Na Habana exerceu como xornalista e profesor de francés. Continuou o seu labor de tradutor, vertendo ao castelán a Hemingway, Huxley, Steinbeck, Lawrence ou Faulkner.

A mediados de 1960 solicitou asilo na embaixada de Colombia na Habana. Viaxou a Miami e máis tarde a Nova York. En 1967 foi nomeado profesor de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Syracuse. En 1973 sufriu un ataque cerebral do cal se recuperou en parte, aínda que non puido seguir dedicándose á docencia.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Pedro Blanco, el negrero, 1933.
  • Un experimento en el barrio chino, 1936.
  • La luna nona y otros cuentos, 1942.
  • No sé quién soy, 1945.
  • Cayo Canas, 1946.
  • El otro cayo, 1959.
  • Maneras de contar, 1970.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Romero, Cira, prólogo a El comisario ciego y otros relatos, Ediciós do Castro, 2003.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]