Saltar ao contido

Lierse SK

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lierse SK
NomeKoninklijke Lierse Sportkring
Fundación6 de marzo de 1906
Desaparición9 de maio de 2018
EstadioHerman Vanderpoortenstadion
Inauguración1925
Capacidade14 538

O Koninklijke Lierse Sportkring, coñecido simplemente como Lierse, foi un club de fútbol belga da cidade de Lier, na provincia de Anveres. Gañou catro títulos da Primeira División e dúas Copas de Bélxica. O Lierse foi un dos seis clubs belgas que chegou a disputar a fase de grupos da Liga de Campións da UEFA.

Foi fundado en 1906 e debutou na Primeira División na tempada 1927/28. Foi un dos mellores equipos da primeira división ata o final da segunda guerra mundial, gañando dous títulos e rematando só catro veces fóra dos cinco primeiros. Ao final da tempada 1947/48 descendeu á segunda división. Mantívose en primeira entre 1953 e 1986, e de novo entre 1988 e 2007, gañando unha liga en cada un deses dous períodos. Xogou cinco anos máis na primeira división entre 2010 e 2015, militando logo na segunda categoría ata que en 2018 entrou en bancarrota e desapareceu.[1][2]

O Lierse xogaba os seus partidos na casa no Herman Vanderpoortenstadion de Lier, tamén coñecido como Het Lisp, porque o estadio está situado nun barrio chamado Lisp. O equipo xogaba de amarelo e negro.

O maior símbolo da historia do club foi o dianteiro Bernard Voorhoof, xogador con máis partidos e goles coa camiseta do Lierse. Marcou 350 tantos en 529 encontros, e ademais vestiu 61 veces a camiseta da selección de Bélxica, todas mentres militaba no Lierse.


Lierse SK en 1906: fundadores e primeiros xogadores

Os primeiros anos

[editar | editar a fonte]

En 1904, Gustaaf Van Den Roye coñeceu o fútbol en Anveres e quedou fascinado por el. Mercou un balón para xogar na súa cidade natal, Lier. Os primeiros partidos disputáronse nun terreo propiedade do graf Marnix de Sainte-Aldegonde. Os agricultores locais non estaban de acordo e tivo que intervir a policía, que prohibiu que se celebrasen máis partidos. O graf foi informado do sucedido e pediulle a Van Den Roye que fose velo. Cando Van Den Roye lle contou ao graf a súa intención de crear un club de fútbol e sinalou as dificultades coas que se enfrontaba, o graf prometeulle un terreo que podería servir de campo de fútbol.

O 6 de marzo de 1906, durante unha reunión nun pub local chamado De Roskam fundouse un club de fútbol, chamado Liersche Sportkring. Foi o nacemento do Lierse que tivo unha primeira xunta directiva formada por Gerard Quaeyhaegens como presidente, Gust van den Roye como secretario e Georges Peeters como tesoureiro. O graf Marnix de Sainte-Aldegonde aceptou converterse en presidente honorario.

Dous anos despois da súa fundación, en setembro de 1908, o Lierse converteuse en membro da Real Federación Belga de Fútbol, comezando a xogar no nivel máis baixo do fútbol belga. En 1913, o club obtivo o seu primeiro éxito no fútbol belga, cando se converteu no primeiro club dunha liga rexional en chegar aos cuartos de final da Copa de Bélxica. Foi ascendendo polas diferentes categorías do fútbol belga, ata que en 1922 logrou o ascenso ás divisións nacionais do fútbol belga, que xa nunca abandonaría ata a súa desaparición case un século despois.

1927–1948: Primeiras aparicións na máxima categoría

[editar | editar a fonte]

Cinco anos despois de acadar as divisións nacionais, en 1927, o Lierse proclamouse campión da Division 1, a segunda división do fútbol belga, cunha vantaxe de 2 puntos sobre o RSC Anderlecht, logrando así o ascenso á máxima categoría por primeira vez na súa historia. O equipo non tardou en destacar e en 1932 conquistou o seu primeiro título de liga. Nas 12 tempadas seguintes rematou só 1 vez fóra dos 5 primeiros, quedando subcampión en 1935 e 1939, e gañando dous novos campionatos en 1941 (torneo non oficial debido á segunda guerra mundial) e 1942.

Un dos principais factores do éxito do club neste período foi o dianteiro Bernard Voorhoof, que marcou 350 goles en 529 partidos co club. Foi elixido "xogador do século do Lierse" cando o club celebrou o seu 100º aniversario en 2006.

A segunda guerra mundial tivo un forte impacto no club. Dous dos seus xogadores, o porteiro internacional Frans Christiaens e Frans Vervoort morreron durante os bombardeos aliados nunha fábrica de Mortsel, ocupada por Alemaña. Tamén Jules Van Craen, máximo goleador da liga belga na tempada 1942/43 morreu durante a guerra. Na tempada 1944/45 o Lierse, ao igual que outros clubs da zona, non competiu na liga, debido aos bombardeos alemáns sobre porto de Anveres. Estes feitos, sumados á retirada dalgúns dos xogadores de máis idade, provocaron que o club fose decaendo ata que en 1948 rematou último na liga. Despois de 21 anos na máxima categoría, o Lierse descendeu por primeira vez na súa historia.

1953–2018

[editar | editar a fonte]

O club regresou á primeira división en 1953. En 1960 gañou o seu terceiro título de liga e ese mesmo ano debutou na Copa de Europa nun partido contra o FC Barcelona de Luis Suárez e Kubala. En 1969 gañou a súa primeira Copa de Bélxica.

O Herman Vanderpoortenstadion en 1999.

O 21 de setembro de 1971 pasou á historia como un dos días máis importantes da historia do club, ao golear por 0-4 a domicilio ao Leeds United na volta da primeira rolda da Copa da UEFA, remontando o 0-2 que lograra na ida o equipo inglés, vixente campión do torneo.

En 1986 descendeu de novo, regresando a primeira en 1988. En 1997 gañou un novo título de liga, case catro décadas despois do anterior, ao superar por dous puntos ao Club Brugge. Dous anos despois conquistou a súa segunda Copa belga.

O Lierse foi comprado en 2007 polo empresario exipcio Maged Samy, dono tamén dos clubs exipcios KV Turnhout e Wadi Degla. En 2018 o club declarouse en bancarrota e tras fracasar as negociacións para unha posible venda, acabou por desaparecer.

Trala desaparición do club formouse o Lierse Kempenzonen, que xoga co mesmo escudo que o antigo Lierse SK e disputa os seus partidos tamén no Herman Vanderpoortenstadion.[3] Tamén en 2018, o xa existente K. Lyra mudou o seu nome a K. Lyra-Lierse Berlaar, considerándose tamén herdeiro do desaparecido club.[4]

Desde 1925 o Lierse xogou no Herman Vanderpoortenstadion, a miúdo chamado Lisp. O estadio conta con capacidade para 14.538 seareiros.[5]

Adestradores

[editar | editar a fonte]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
  1. "Lierse is failliet, stamnummer 30 verdwijnt: "Game over"". sporza.be (en neerlandés). 9 de maio de 2018. Consultado o 9 de marzo de 2022. 
  2. "K. Lierse S.K. CVBA heeft het faillissement aangevraagd". lierse.com (en neerlandés). Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2018. Consultado o 9 de marzo de 2022. 
  3. "Kempenzonen kopen logo oude Lierse" (en neerlandés). 8 de xuño de 2018. Consultado o 9 de marzo de 2022. 
  4. "Oosterzonen heeft akkoord over stadion Lierse: Lierse Kempenzonen komt eraan" (en neerlandés). 1 de xuño de 2018. Consultado o 9 de marzo de 2022. 
  5. "Welkom op Het Lisp". lierse.com (en neerlandés). Consultado o 9 de marzo de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]