Lei Constitutiva das Cortes
A Lei Constitutiva das Cortes ou simplemente Lei de Cortes de 17 de xullo de 1942 foi promulgada durante a primeira etapa do réxime franquista, a fin de dar unha aparencia de parlamentarismo á ditadura.
Establecía a formación dunha asemblea unicameral de elección indirecta con teórica iniciativa legal, aínda que esta residía na figura de Franco desde o momento da promulgación da Lei de agosto de 1939, que lle atribuía a capacidade de ditar normas sen ningún tipo de condicionante.
Xunto coas outras sete leis fundamentais do réxime conseguiuse que o proceso de institucionalización do réxime franquista chegase ao seu fin.
Segundo a Lei das Cortes, estas eran o órgano de participación do pobo español nas tarefas do Estado. A súa función era elaborar e preparar as Leis, sen prexuízo da sanción que correspondía ao xefe do Estado, Francisco Franco. Eran procuradores en Cortes:
- Os ministros.
- Os Conselleiros Nacionais de Falange Española Tradicionalista y de las JONS.
- Os presidentes de altos organismos.
- A Organización sindical.
- Os representantes da familia, elixidos polos cabezas de familia, desde a promulgación da Lei Orgánica do Estado de 1967.
- Os reitores de universidades.
- Os presidentes de determinadas institucións culturais.
- Os presidentes de asociacións e colexios profesionais.
- Os que fosen designados polo xefe do Estado.