Valsts sabiedrība ar ierobežotu atbildību "Latvijas Radio" (lv)dende 2010ata 2025 Valsts bezpeļņas sabiedrība ar ierobežotu atbildību "LATVIJAS RADIO" (lv)dende 1995ata 2010 Valsts uzņēmums-Latvijas Radio (lv)dende 1992ata 1995
Nada en 1925 foi a pioneira da radio letoa e unha das 20 primeiras de Europa. Inicialmente emitía un par de horas diarias, mais a programación foise ampliando durante os primeiros anos combinando información, música (clásica e doutros xéneros) e contidos educativos e culturais. Dos pouco máis de 300 suscritores iniciais, pasou a máis de 155 000 en 1940.[1] Empregada como un medio de propaganda durante a ocupación nazi e soviética, comezou a liberarse do control da censura a finais da década de 1980 ao abeiro das reformas da Glasnost. No proceso de independencia de Letonia, en 1991, xogou un papel destacado na información e na organización das protestas pacíficas.
Mantivo o monopolio nas ondas letoas ata 1991, cando se abriu a primeira emisora privada. Logo da anexión rusa de Crimea, Latvijas Radio reforzou a súa presenza na rexión de Latgalia, fronteiriza con Rusia, coa apertura duns estudios en Rēzekne en 2016. Ata 2021, a organización financiábase de forma mixta entre os ingresos da publicidade e as dotacións a conta do Estado, máis a partir dese ano, Latvijas Radio abandonou o mercado publicitario.[2]
Latvijas Radio 1 (LR1): foi a primeira emisora do grupo e hoxe ten unha programación xeneralista centrada na cobertura informativa.
Latvijas Radio 2 (LR2): emite música en lingua letoa.
Latvijas Radio 3 - Klasica (LR3): especializada na música clásica, no aire dende 1996.[3]
Latvijas Radio 4 - Doma Laukums (LR4): emisora en ruso.
Latvijas Radio 5 - Pieci.lv (LR5): radio para a mocidade centrada na emisión musical, conta cunha emisora de fm a nivel nacional e varias canles de streaming segundo o xénero musical, incluíndo un en latgalo. Comezou a emitir en 2013 no medio de polémica polo seu custo. No Nadal, desenvolve un maratón benéfico no que emite peticións musicais dos oíntes a cambio dunha doazón de 5€ para un proxecto de axuda social. Esta iniciativa chámase "Dod pieci!" (en galego: dáme cinco).[4]
Latvijas Radio 6 - Radio NABA (LR6): emisora universitaria en colaboración coa Universidade de Letonia centrada na retransmisión de música non comercial dende 2002.[5]
Ademais, Latvijas Radio conta cunha popular sección de teatro radiofónico e, en 1940, fundou o Coro da Radio Letoa, que participa nos máis prestixiosos festivais.[6][7]