Las Dominicales del Libre Pensamiento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Las Dominicales del Libre Pensamiento

Primeira páxina do primeiro número de "Las Dominicales del Libre Pensamiento", 4 de febreiro de 1883.
Corbranco e negro
Fundación4 de febreiro de 1883
Remata27 de agosto de 1909
FundadorRamón Chíes
Fernando Lozano Montes
TendenciaProgresista
Linguacastelán
LocalidadeMadrid
Periodicidadesemanal
ISSN2171-5122
Na rede
HemBNE: 0002605908 HemBNE: 2539487
editar datos en Wikidata ]

Las Dominicales del Libre Pensamiento foi un semanario librepensador impreso na cidade española de Madrid entre 1883 e 1909.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi fundado polos xornalistas republicanos federais Ramón Chíes "Eduardo de Riofranco" e Fernando Lozano Montes "Demófilo", próximos a Manuel Ruiz Zorrilla. O seu primeiro número imprimiuse o 4 de febreiro de 1883 e o derradeiro o 27 de agosto de 1909. Chíes e Lozano dirixírono até que o primeiro faleceu en 1893; Lozano continuou só até que o empezou a axudar Antonio Zozaya. Aparecía os domingos con números de catro páxinas en que dominaban sisudos artigos de fondo sobre política, cultura, sociedade, activismo, literatura, teatro, humanidades e ciencias. Foi probablemente a publicación periódica máis heterodoxa de España entre os séculos XIX e XX e acolleu no seu seo todo tipo de pensamento diverxente do oficial.[1] Entre os seus colaboradores destacan o poeta e avogado masón manchego Antonio Rodríguez García-Vao, a escritora feminista Rosario de Acuña, o político republicano Francesc Pi i Margall, o médico e escritor masón José Francos Rodríguez, o político e escritor republicano Emilio Castelar, Esperanza Pérez, Amelia Carvia, o historiador republicano Miguel Morayta Sagrario, Eduardo Sojo, Salvador Sellés, o escritor do naturalismo Joaquín Dicenta, o poeta galego Manuel Curros Enríquez, o escritor Eduardo Zamacois, o poeta Pedro Barrantes, José de Diego e o científico Odón de Bo, sogro de Fernando Lozano. En todos os números faise publicidade gratuíta dos órganos do Krausismo español, como a Institución Libre de Enseñanza e a Asociación para o Ensino da Muller. En 1902 constituíuse en órgano da Federación Internacional de Libre Pensamento en España, Portugal e América Ibera.

O semanario foi constantemente hostigado con ataques e denuncias polas autoridades e a igrexa, pero logrou editarse sen interrupción e alcanzar, segundo o número do 21 de xullo de 1890, unha tirada de 20 a 25000 exemplares, até que o asedio se intensificou o verán de 1900; no número 939 (15-VII-1900) explícase por que non se puido publicar durante as tres semanas anteriores:[2]

Os cinco últimos números de Las Dominicales foron secuestrados; catro deles por denuncia; o último por equivocación, posto que non foi denunciado. Ademais diso, o gobernador de Madrid multounos pretextando unha nimiedade, o terse enviado ou non a tempo os números que se entregan no goberno civil. Era inútil, por tanto, imprimir o xornal nesas condicións [...] Suman moitos miles de duros os danos e perdas que estes abusos do poder levan producidos ó noso xornal. Do centenar de procesos que se nos formou, só de oito anos acó, non prosperaron máis que dous ou tres. Nos demais, os gobernos procederon inxustamente; pero ninguén nos indemnizou dos danos causados polas inxustas denuncias, acompañadas case sempre de secuestro. Lémbrese aquel período de tres anos, en que todas as semanas era o número denunciado a instancia dos Pais de familia, árbitros dos Tribunais. Viñeron despois as furiosas persecucións dos tres anos de guerra. E terminou aquel Calvario coa pesadume dos sete meses de censura militar...[3]

Defende o republicanismo, o libre exame, o liberalismo, o deísmo, o agnosticismo, o ateísmo, os enterros civís, o feminismo, o divorcio, a abolición da pena de morte, o naturalismo, a Escola libre de Francesc Ferrer i Guàrdia e o estudo antropolóxico, histórico, materialista e científico da relixión. Oponse ós dogmas católicos e posúe unha forte carga anticlerical que seica motivou o asasinato dun dos seus redactores, Antonio Rodríguez García-Vao. Mostra as súas simpatías pola masonería, á que pertencían os seus fundadores e gran número dos seus redactores, o espiritismo e a teosofía, e tamén polo krausismo da Institución Libre de Enseñanza, a Asociación polo Ensino da Muller e a Sociedade Protectora dos Nenos, cuxa publicidade incorporaba gratuitamente nas súas páxinas. Ademais anima o rexurdimento da cultura sefardí en España.[4]

O seu radicalismo e seriedade (tanto máis agresiva canto que nunca descendía á grosería, como outros semanarios radicais, como El Motín de José Nakens) valeulle o permanente ninguneo, hostilidade e contestación das institucións oficiais e os órganos de prensa das autoridades eclesiásticas españolas.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.filosofia.org/hem/med/m039.htm
  2. Pedro Álvarez Lázaro, Páginas de historia masónica, Ediciones IDEA, 2006. https://books.google.es/books?id=QNKw6KrYjpwC&dq=%22Fernando+Lozano+Montes%22&hl=es&source=gbs_navlinks_s
  3. «Nuestro calvario», Dominicales del Libre Pensamiento, 15 de julio de 1900, núm. 939, pág. 3
  4. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2015. Consultado o 05 de febreiro de 2017. 
  5. https://entredosrepublicas.wordpress.com/2010/01/11/1-las-dominicales-del-libre-pensamiento/

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pedro F. Álvarez Lázaro, Masonería y librepensamiento en la España de la Restauración, 1985.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]