Irmáns García Naveira
Os irmáns Juan e Jesús García Naveira foron dous betanceiros que, ó regresaren da emigración na Arxentina, realizaron numerosas obras sociais e culturais na súa vila natal, na que investiron boa parte da fortuna que reuniron alá, tanto individual como conxuntamente. Como mostra de agradecemento e recoñecemento, a cidade de Betanzos dedicoulles a praza principal da cidade.
Eran fillos de labregos, que tiveron que emigrar para sobreviviren, desenvolvendo distintos traballos en Buenos Aires ata que crearon unha empresa dedicada á importación, Etchegaray, Arriarán y Cía. Posteriormente emprenderon outros negocios e dedicáronse ós servizos bancarios, o que lles reportou abundantes ingresos cos que fixeron unha boa fortuna.
Traxectorias
[editar | editar a fonte]Juan María García Naveira, nado o 16 de maio de 1849 en Betanzos e morto o 9 de marzo de 1933, emigrou á Arxentina con 20 anos para regresar definitivamente en 1893, fixando a súa residencia primeiramente na Coruña e logo definitivamente en Betanzos. No ano 1900 encarga ao afamado arquitecto Juan de Ciórraga a construción dunha casa en estilo francés na praza do Campo.
Foi o creador e impulsor do Parque do Pasatempo (1893-1914), así como de dous lavadoiros públicos no lugar das Cascas e un colexio para nenas con deficiencias físicas (1923)[1][2]. Tamén doou á cidade as terras sobre as que se construíu un sanatorio para os Anciáns Desamparados [3] e un asilo, e subvencionou un quirófano e outras medidas de hixiene no hospital de San Antonio de Padua. Á súa morte deixou no seu testamento legados a favor do asilo e do refuxio.
O seu irmán, Jesús García Naveira, nado o 14 de xuño de 1853 e morto o 24 de marzo de 1912 de accidente de tráfico, en San Nicolás de los Arroyos (Arxentina) [4], tamén emigrou á Arxentina con 18 anos. Legou unha importante cantidade ás escolas García Hermanos e ó asilo, así como para a construción da Casa do Pobo e doutra escola municipal.
Outras obras sociais froito de doazóns conxuntas foron o lavadoiro das Cascas (1902), para uso público e gratuíto, á beira do río Mendo. Fundaron en 1908 o Patronato Benéfico-Docente García Hermanos, para a construción dun asilo para os pobres naturais de Betanzos e das chamadas Escolas García Naveira que, ademais de formación, proporcionaba roupa e comida ós rapaces pobres: o asilo inaugurouse en 1912 e as escolas en 1914. Trala morte dos fundadores, o Patronato foi esmorecendo ata a súa desaparición.
Praza Irmáns García Naveira
[editar | editar a fonte]A praza central de Betanzos, denominada popularmente como praza do Campo, foi renomeada en recoñecemento á obra realizada polos dous irmáns pola cidade e os seus veciños. Na praza levántase a casa de Juan, que este construíu a pouco de regresar a Galicia, na que tamén se situaba a sede da empresa familiar.
No centro da praza, unha estatua lembra os dous benfeitores. Orixinalmente estaba situada nos xardíns do Parque do Pasatempo, e un dos irmáns estaba sinalando o asilo de anciáns, preto de alí.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hoxe, Instituto Pedagóxico Nuestra Señora del Sagrado Corazón para deficientes mentais.
- ↑ Rodríguez Arnao, Juan Antonio (2022). "Refugio Nuestra Señora del Sagrado Corazón de Jesús para niñas lisiadas, raquíticas y escrofulosas pobres". Anuario brigantino (45): 193–213. ISSN 1130-7625.
- ↑ Antes Sanatorio San Miguel e, desde 1978, Residencia García Hermanos-San Miguel.
- ↑ En 1917, o seu cadáver foi trasladado a Betanzos e enterrado na capela do asilo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "García Naveira, irmáns". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Santiago de la Fuente García et al., "García Naveira, Juan e Jesús". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, tomo 21.
- Santiago de la Fuente García, "Los Hermanos García Naveira y sus fundaciones", Anuario Brigantino, 1999, nº 22, p. 395-434, ISSN 1130-7625 (en castelán).
- Betanzos. Ruta de los Hermanos García Naveira. Concello de Betanzos, 2009.