José Antonio Fernández "O Merlo"
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1865 San Caetano |
| Morte | 11 de xuño de 1925 Ferrol |
| Grupo étnico | Pobo galego |
| Actividade | |
| Ocupación | limpabotas, vendedor de lotaría, repartidor de prensa, desenfeluxador |
José Antonio Fernández, alcumado "O Merlo", nado en San Caetano (Santiago de Compostela) en 1865 e finado en Ferrol o 11 de xuño de 1925, foi un limpabotas, repartidor de xornais, vendedor de lotaría e mesmo xornalista galego, recoñecido como un dos personaxes populares (tipos populares)[1] máis salientables da Galicia de finais do século XIX e principios do século XX.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de pai descoñecido, a súa nai chamábase Benita Fernández. José Antonio naceu cunha certa discapacidade nunha perna, o que o levou desde moi novo a gañar a vida como limpabotas, vendedor de lotaría e de xornais.[2] Consta que parte fundamental da súa clientela estaba formada polo corpo escolar da Universidade, a quen lle limpaba o calzado por unha peseta con vinte e cinco céntimos ao mes, segundo unha oferta que publicou en 1896.[3]
A primeira noticia publicada en prensa sobre O Merlo data de outubro de 1888, cando o que daquela era xa limpabotas recibiu unha malleira en San Caetano por parte do ferreiro Juan Miras Pol, quen «comezou a descargar labazada e patadas» «sen mediar razón algunha».[4] Esta sería unha constante na súa vida. A súa fráxil constitución e talvez o seu carácter invitaban constantemente aos máis irascibles, homes e mulleres, a mallar sobre el, quizais como descargo ás súas propias frustracións.
En decembro do mesmo ano interveu nunha cea no Hospicio de Santiago de Compostela pronunciando «elocuentes discursos» dando os parabéns pola comida de Nadal obsequiada aos internos ás autoridades municipais, á nai superiora do Hospicio, ás irmás, etcétera.[5] Semellaba que encontrara outro xeito de gañar diñeiro: o de facer rir á xente coa súa maneira de ser e falar, coma se fora un bufón moderno.
Porén, esta verborrea, ou o seu carácter contestatario contra todos os que se excedían da risa, pasando ao escarnio ou mesmo á humillación, procuroulle outros non poucos episodios violentos ao longo da súa vida nos que levou con moito, a peor parte. Así, en xaneiro de 1890, recibiu unha malleira «brutal» dun mozo de San Caetano, aproveitándose da débil constitución de José Antonio.[6]
A comezos de febreiro de 1889, cando O Merlo contaba 23 anos, casou, por vez primeira, con Manuela Seoane na igrexa de San Miguel dos Agros. Segundo as crónicas, ela superaba os 60 anos de idade e durante os días anteriores e posteriores tivo que sufrir cinzarradas pola noite por parte dos seus veciños de San Caetano, que non lle deixaban descansar, como era antiga costume.[7][8][9]
En decembro de 1890 participou e actuou, de novo, nunha cea de Nadal coas autoridades compostelás no Asilo de Santiago (no convento de Santo Agostiño), facendo rir aos comensais cos seus «brinde e castizos discursos».[10] Daquela, O Merlo xa formaba parte do imaxinario popular compostelán coma un dos tipos populares máis recoñecibles da cidade e mesmo comezaba a selo fóra dela.

Especialmente serían os estudantes da Universidade os que, a través de chanzas, xogos e esmolas, lle procuraron un maior apoio e fama. O propio Merlo recoñeceu o cariño dos estudantes na prensa da época.[11] A súa popularidade fíxoo protagonista de chistes, mesmo alentados polo propio Merlo, onde se retrataba como unha persoa boba, de poucas luces. Tamén a prensa voceaba sen piedade estes chistes,[12] incrementando así a súa exposición ao escarnio público.
En agosto de 1891 fixo a súa primeira saída de Compostela, co fin de gañarse a vida. A cidade elixida foi Vigo,[13] pero non parece que ficara moito tempo nela porque ao ano seguinte xa figuraba de novo en Compostela. A comezos de xullo de 1892 aparece na Coruña para prestar os seus servizos de «artista» limpabotas.[14]
O seu primeiro matrimonio foi moi curto. Manuela Seoane morreu o 12 de maio de 1893.[15] O 27 de xuño do mesmo ano casou por segunda vez, tras dúas tentativas previas,[16] ás seis da tarde, na mesma igrexa de San Miguel dos Agros cunha panadeira de máis idade ca el. A voda foi accidentada. En primeiro lugar, a cerimonia tivo que trasladarse ao serán debido a un enfado do Merlo. Logo, xa rematada a voda, a noiva foi beliscada e golpeada pola multitude, mentres O Merlo foi perseguido por unha turba de nenos pola rúa da Troia. Novamente refuxiados na igrexa, tiveron que saír baixo a protección da garda municipal.[17]
Contribuíu á popularidade da figura do Merlo o artigo escrito en febreiro de 1894 por Enrique Labarta Pose na revista Pasatiempos, que titulou "Tipos populares: El Merlo". Así mesmo, o Merlo aparece na popular novela de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya, de 1915.
En 1895 nunha viaxe á Coruña sufriu un accidente ao ser atropelado no Cantón Grande pola carruaxe do avogado Ramón Astray Labarta, e sufriu unha ferida na cabeza.[18]
Notas e referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ El Lucense, 6-2-1894, p. 3.
- ↑ Fernández González, Angel Ignacio (14 de xuño de 2013). "«O Merlo», limpia-Botas Mayor de Galicia". Galicia Agraria.
- ↑ "Santiago". El Pensamiento Gallego (en castelán). 3-11-1896. p. 3.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 20-10-1888. p. 2.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 26-12-1888. p. 1.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 27-1-1890. p. 2.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 31-1-1889. p. 2.
Promoviose un zafarrancho entre numerosos vecinos que disfrazados con chistosísimos trajes, y armados con instrumentos á la moda de París y Barcelona, recreando durante algún tiempo los oídos de los nuevos cónyuges
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 5-2-1889. p. 2.
- ↑ "Santiago". El Lucense (en castelán) (Lugo). 6-2-1889. p. 3.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 27-12-1890. p. 2.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 1-6-1892. p. 3.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 4-1-1895. p. 3.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 6-8-1891. p. 2.
- ↑ "Novas". El Telegrama (en castelán) (A Coruña). 4-7-1892. p. 2.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 13-5-1893. p. 2.
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 27-6-1893. p. 2.
Este acto ya se quiso verificar ayer pero no pudo llevarse á cabo por ser tanta la aglomeración de gente que había á la puerta de la iglesia que se temió se promoviese un escándalo
- ↑ "Santiago". Gaceta de Galicia (en castelán). 28-6-1893. p. 3.
- ↑ "Novas". Gaceta de Galicia (en castelán). 26-6-1895. p. 2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Labarta Pose, Enrique: "Tipos populares. El Merlo", artigo publicado no Tomo III da revista Pasatiempos. Santiago de Compostela, febreiro de 1894.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fernández González, Angel Ignacio (14-6-2013) "«O Merlo», limpia-Botas Mayor de Galicia", Galicia Agraria (en castelán).