Saltar ao contido

Etcétera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Etcétera é unha locución latina que en galego significa “e o demais”. É unha tradución tomada do grego "καὶ τὰ ἕτερα" (kai ta hetera: e as outras cousas). A forma grega máis usada é "καὶ τὰ λοιπά" (kai ta loipa: “e o restante”). Utilízase para substituír o resto dunha enumeración. Esta locución abréviase coa forma “etc.” ou “&c.”, sendo o punto o final da oración se esta é a derradeira palabra. A palabra completa escríbese etcétera, aínda que tamén se acepta et caetera, et coetera ou et cœtera. Como xa inclúe a conxunción "e", non vai precedido dunha coma: No zoolóxico hai leóns, tigres, xirafas etc.[1][2]

OLIVAR[IVS]·D[EI]·G[RATIA]·R[EI] P[VBLICAE]·ANG[LIAE]·SCO[TIAE] ·ET·HIB[ERNIAE] &c PRO[TECTOR] (Óliver, pola graza de Deus e protector da República de Inglaterra, Escocia, Irlanda etc.)

É incorrecto[3] usar etcétera precedido de "e" ou repetido varias veces:

  • Comeu patacas, tomates, nabos e etc.
  • Comeu patacas, tomates, nabos etc. etc. etc.

Tamén é redundante (pero non incorrecto) o uso desta palabra acompañada de puntos suspensivos:

  • Viu elefantes, hipopótamos, xirafas etc…

Para máis información sobre o uso redundante, ver o termo pleonasmo.

A ortotipografía di que esta locución pode aparecer ao final dunha liña pero non ao principio desta, porque así queda desvinculada do conxunto de elementos que pecha.

Os monarcas europeos coma o tsar Nicolao II de Rusia, que tiñan moitos títulos nobiliarios, abreviábanos con "et cetera" e ás veces repetíano para salientar a grandeza do monarca: "Eu, Nicolao II, pola graza de Deus, Emperador e Autócrata de todas as Rusias, Rei de Polonia, Gran Duque de Finlandia etc. etc. etc.".

Expresións latinas semellantes

[editar | editar a fonte]

Outras expresións latinas semellantes son:

  • Et alii, “e outros”, en listas de persoas, en lugar de empregar etc.
  • Et alibi, “e en calquera lugar”, en listas de lugares. Abreviado en et al. (Significa: en calquera outro lugar)
  • Et sequentes, (versus) “e os seguintes (versos)” ou et sequentia en literatura. Abreviado en et seq.
  1. "Dicionario da Real Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2015. Consultado o 13 de abril de 2015. 
  2. Traballo xornalístico na UVI: pautas para un correcto uso da linguaxe Arquivado 20 de outubro de 2013 en Wayback Machine., p. 32: "A diferenza doutras linguas, non se escribe coma antes da locución pronominal etc., pois a conxunción copulativa e xa vai incluída no latinismo".
  3. Zabala, R., El libro y sus orillas. México D.F., Dirección General de Publicaciones y Fomento Editorial, 1995. ISBN 968-36-2217-8

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]