Joaquín Vizcaíno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJoaquín Vizcaíno

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento21 de agosto de 1790
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte30 de setembro de 1840
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Corregidor of Madrid (en) Traducir
1834 – Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Coñecido porser o fundador da primeira caixa de aforros de España.
Actividade
Ocupaciónpolítico , filántropo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMariana de Pontejos y Sandoval, IV marquesa de Casa Pontejos

Joaquín Vizcaíno y Martínez Moles, nado na Coruña o 21 de agosto de 1790 e finado en Madrid o 30 de setembro de 1840, marqués consorte e viúvo de Casa Pontejos, foi un militar, político e filántropo de ideas ilustradas e liberais, corrixidor de Madrid e fundador da primeira caixa de aforros de España.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Vizcaíno era membro dunha familia fidalga orixinaria de Vicálvaro (Madrid). Naceu na Coruña en 1790 onde o seu pai estaba destinado como fiscal da Real Audiencia de Galicia.

Comezou moi novo na carreira militar. Combateu na guerra da independencia e acadou o emprego de capitán de Dragones. Durante o Trienio liberal alistouse na Milicia Nacional de Cabalaría e en 1823, trala restauración do absolutismo tivo que exiliarse, residindo case unha década en París e no Reino Unido.

En 1817 casara con Mariana de Pontejos y Sandoval, IV marquesa de Casa Pontejos, dezaoito anos máis vella ca el e dúas veces viúva. A súa dona acompañouno ao exilio e morreu en 1834, pouco despois de regresar.

Entre 1834 e 1836 foi corrixidor de Madrid.[1] Á fronte do concello promoveu melloras no empedrado, no saneamento, na iluminación e na ordenación da vila.Plantáronse tamén numerosas árbores, instaláronse baños públicos, cambiáronse nomes de rúas e rotuláronse todas, numerando as casas. Moitas das reformas foron inspiradas polo seu amigo Mesonero Romanos.[2] Foi tamén Xefe Político da provincia. Sendo Corrixidor sucedeu fugazmente a Salustiano Olózaga como primeira autoridade da provincia, mantendo os dous cargos simultaneamente durante algúns días de maio de 1836. Foi nomeado novamente Xefe Político por Real Decreto do 11 de setembro de 1837, permanecendo á fronte da Deputación Provincial durante pouco máis dun ano, ata o 18 de outubro de 1838.[3]

En 1838 abandonou a política e comezou a traballar na creación da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Madrid, conseguindo importantes apoios para o proxecto. A institución benéfica foi creada por Real Decreto do 31 de outubro de 1838, que encomendaba a súa dirección a unha xunta presidida por Vizcaíno. Abriu as oficinas ao público o domingo 17 de febreiro de 1839.

Tamén interveu na fundación do Ateneo e do Asilo de San Bernardino de Madrid.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nomeado por Real Decreto do 19 de setembro de 1834, publicado na Gaceta del 21. A denominación de Corregidor, recuperada durante a Década Ominosa e mantida baixo o Estatuto Real para quen encabeza o goberno dos grandes concellos do reino era unha pura reminiscencia do cargo homónimo do Antigo Réxime pois as súas competencias eran equivalentes ás dun Alcalde constitucional. Durante o exercicio do cargo, o marqués viúvo tivo como segundo a Fernando Pérez del Pulgar, conde de Clavijo, coa denominación de Alcalde. GOE 1836, p. 62.
  2. En 1935, Mesonero propuxo publicamente un ambicioso plan de reformas para Madrid. O marqués fíxolle unha visita para felicitalo e ofreceulle colaborar no goberno municipal. Había entre eles unha forte comuñón de ideas, segundo se desprende das memorias do escritor. Ramón de Mesonero Romanos, Memorias de un setentón, natural y vecino de Madrid, t. II (ed. electrónica de CervantesVirtual).
  3. Maluenda Abadía, Loreto, Los orígenes de la Diputación Provincial de Madrid (tese de doutoramento, Universidade Complutense, 1997), vol. II, pp. 8 y 11.