Saltar ao contido

Información delicada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A información confidencial, ás veces chamada información sensíbel[1] ou información delicada[2], é a información ou coñecemento dunha persoa, entidade ou organismo que, de ser divulgada, podería provocar a perda dunha vantaxe ou nivel de seguridade da mesma persoa, entidade ou organismo.

Características

[editar | editar a fonte]

É información puramente particular, como por exemplo a relacionada co comportamento privado dunha persoa (particular ou representante dunha entidade), as súas opinións ou as súas opcións relixiosas ou sexuais.

A perda, abuso, modificación ou acceso non autorizado á información confidencial pode afectar negativamente á privacidade, aos segredos comerciais ou mesmo á seguridade dos asuntos internos e externos dun estado, dependendo do nivel de confidencialidade e da natureza da información. A información confidencial pode ser ou non información clasificada.

Información sensíbel é tradución directa do inglés sensitive information. En diversas linguas traduciuse ou adaptouse o termo como sinónimo de información confidencial;[2] así en portugués é dado sensível ou informação sensível, en castelán información sensible ou información delicada e en francés information sensible ou donée sensible. Porén, en inglés confidential information utilízase nun sentido xeral para referirse á información á que o acceso está suxeita a restricións e sentitive information a aquela información persoal que a súa divulgación pode ter un efecto negativo sobre o seu propietario.

Aínda que adoitan usarse indistintamente, a información persoal ás veces distínguese da información privada ou da información de identificación persoal. Este último termo é distinto do primeiro en que a información privada pode utilizarse para identificar un individuo único. A información persoal, por outra banda, é información relacionada coa vida privada dun individuo que non se pode utilizar para identificar de forma única a ese individuo. Isto pode variar desde a cor favorita dun individuo até os detalles da súa vida doméstica.[3]

Protección

[editar | editar a fonte]

Algúns tipos de información privada, incluídos os rexistros de saúde, educación e emprego dunha persoa, poden estar protexidos polas leis de privacidade. A divulgación non autorizada de información privada pode someter o agresor a recursos civís e, nalgúns casos, pode estar suxeita a sancións penais.[4]

Información dixital sensíbel

[editar | editar a fonte]

A seguridade informática é a seguridade da información aplicada á informática e á tecnoloxía de redes, e é un campo en constante crecemento. O termo inseguridade informática, pola súa banda, é o concepto de que os sistemas informáticos son intrínsecamente vulnerábeis aos ataques e, polo tanto, un conflito en evolución entre os que explotan as vulnerabilidades existentes nos sistemas de seguridade e os que deben crear novos mecanismos de seguridade.

Nos últimos anos xurdiron unha serie de problemas de seguridade, xa que a cantidade crecente de información sensíbel a todos os niveis atopou a súa existencia principal en formato dixital. A nivel persoal, a fraude con tarxeta de crédito, a fraude por Internet e outras formas de roubo de identidade convertéronse en preocupacións xeneralizadas das que os individuos deben ter en conta no día a día. A existencia de grandes bases de datos de información clasificada nas redes informáticas tamén está a cambiar a face da política interna e internacional. A Guerra cibernética e a Espionaxe cibernética están cobrando cada vez máis importancia para a seguridade nacional e a estratexia das nacións de todo o mundo, e calcúlase que 120 estados-nación de todo o mundo están actualmente implicadas activamente no desenvolvemento e implantación de tecnoloxía para estes fins.[5]

Filosofías e culturas de Internet como o desenvolvemento de software de código aberto, o hacktivismo e o popular slogan "a información quere ser libre" reflicte algúns dos cambios culturais na percepción cara ao segredo político e do goberno. O popular e controvertido WikiLeaks é só unha das moitas manifestacións dun crecente sentimento cultural que se está a converter nun desafío adicional para a seguridade e integridade da información clasificada.[6]

  1. P, S. "R conmemora o Día da Protección de Datos cunha serie de consellos sobre a nosa información sensíbel". Código Cero - Diario Tecnolóxico de Galicia. Consultado o 2022-06-05. 
  2. 2,0 2,1 "bUSCatermos ; "información confidencial"". aplicacions.usc.es. Consultado o 5 de xuño de 2022. [Ligazón morta]
  3. "Educators/ Lesson/ Private and personal information". Commonsensemedia.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2016. Consultado o 06 de xuño de 2022. 
  4. "La normativa de protección de datos en la fuga de información sensible". Gesprodat (en castelán). 2020-04-14. Consultado o 2022-06-06. 
  5. Brodkin, J. "Os ciberataques patrocinados polo goberno están en aumento, di McAfee" Arquivado 2013-06-17 en Wayback Machine. Mundo en rede: 29 de novembro de 2007. Consultado o 9 de febreiro de 2013.
  6. Ludlow, P. [1][Ligazón morta] .com/article/154780/wikileaks-and-hacktivist-culture# "WikiLeaks and Hacktivist Culture"] The Nation: 15 de setembro de 2010. Consultado o 9 de febreiro de 2013.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]