Ilyushin Il-18
Ilyushin Il-18 | |
---|---|
Tipo | pasaxeiros e recoñecemento |
Fabricante | Ilyushin |
Primeiro voo | 4 de xullo de 1957 |
Produción | 1957 - 1985 |
Unidades construídas | polo menos 678 |
Variantes | Ilyushin Il-38 |
O Ilyushin Il-18 (nome en clave da OTAN: Coot) é un grande avión de pasaxeiros turbohélice que voou por vez primeira en 1957 e converteuse nun dos avións soviéticos máis coñecidos e duradeiros da súa época. O Il-18 foi un dos principais avións de pasaxeiros do mundo durante varias décadas e foi amplamente exportado. Debido á resistencia da súa fuslaxe, moitos exemplares acadaron as 45.000 horas de voo e o modelo aínda opera tanto en versións militares como civís. O sucesor do The Il-18 foi o reactor de longo alcance Ilyushin Il-62.
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A principios dos anos 50 precisábase substituír os deseños máis antigos e incrementar o tamaño da frota de transporte civil soviética. O 30 de decembro de 1955 publicouse unha directiva do Consello de Ministros Soviético destinada ás oficinas de deseño Kuznetsov e Ivchenko para desenvolver novos motores turbohélice e a Ilyushin e Antonov para deseñar un avión que usase eses motores.[1] Os dous aparellos desenvolvidos foron o Ilyushin Il-18 e o Antonov An-10 e o motor elixido foi o Kuznetsov NK-4 en lugar do Ivchenko AI-20.[1]
O deseño do Il-18 iniciárase en 1954, antes da publicación da directiva, e usouse a experiencia con ese avión con motores de pistón para realizar un novo aparello. O deseño era un catrimotor con á baixa, unha fuselaxe circular presurizada e unha cola convencional. Tiña un tren de aterraxe en triciclo con catro rodas nas patas traseiras, que rotaban 90 graos e agachábanse nos motores internos.[1] O aparello contaba cunha nova característica no seu tempo, un radar meteorolóxico instalado no nariz, e era o primeiro avión de pasaxeiros soviético cun sistema de aproximación automático. O avión tiña dúas portas de entrada no lado de babor, antes e despois da á, e dúas saídas de emerxencia en cada lado sobre as ás.[1]
O prototipo SSSR-L5811 presentouse en xuño de 1957 e tras realizar probas en terra comezou a facer probas de rodadura e carreiras a gran velocidade o 1 de xullo de 1957. O 4 de xullo o avión realizou o seu voo de estrea en Khodynka. O 10 de xullo voou ata o aeroporto de Moscova-Vnukovo para ser presentado ante unha comisión do goberno soviético; na presentación tamén estaba presente os prototipos dos Antonov An-10 e Tupolev Tu-114. O Il-18 foi formalmente chamado Moskva e o nome pintouse na fuselaxe, aínda que esa denominación non foi usada cando o avión entrou en produción.[1]
A Planta de Maquinaria de Moscova Nº 30 situada en Khodynka, preto de onde se fabricou o prototipo, foi a elixida para a fabricación do avión. Durante o ano 1957 a planta comezou a reducir a súa produción de Ilyushin Il-14 e preparouse para construír o modelo de produción designado Il-18A. O Il-18A só se diferenciaba do prototipo en pequenos detalles, principalmente da configuración interna para incrementar os asentos de 75 a 89.[2]
O primeiro avión de produción estaba equipado cos Kuznetsov NK-4, pero od motores tiñan moitos problemas polo que o Consello de Ministros decretou en xullo de 1958 que toda a produción a partir do mes de novembro usaría os Ivchenko AI-20 e os primeiros exemplares serían remotorizados. Só se fabricaron 20 Il-18A antes de que a produción cambiase ao mellorado Il-18B. Esta nova variante tiña maior peso e o seu nariz redeseñouse cun radomo máis grande, incrementando a súa lonxitude en 20 cm.[2] O primeiro Il-18B voou o 30 de setembro de 1958 impulsado polo AI-20; tamén se fabricou unha variante VIP para a Forza Aérea Soviética coñecida como Il-18S. Dende abril de 1961 instalouse unha unidade de potencia auxiliar (APU) TG-18 para o acendido en terra en vez do grupo de baterías de chumbo e ácido. Algúns avións modificáronse para permitir que a APU puidese funcionar durante o voo.[2]
Coa experiencia dos primeiros modelos desenvolveuse outra variante mellorada, o Il-18V. O Il-18V era estruturalmente igual, pero redeseñouse o seu interior movendo a cociña e realizando pequenos cambios nos sistemas. O primeiro Il-18V apareceu en decembro de 1959 e continuou fabricándose ata 1965, construíndose 334 unidades. Tamén se desenvolveron versións especializadas do Il-18, como un avión modificado para realizar tarefas de calibración de voo e outra variante polar de longo alcance. Houbo ademais versións militares como o avión antisubmarino Ilyushin Il-38.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gordon, Yefim and Komissarov, Dmitry. Ilyushin Il-18/-20/-22 - A Versatile Turboprop Transport. Hinckley, Leicestershire, UK: Midland Publishing, 2004, ISBN 1-85780-157-1
- Gordon, Yefim; Dmitry Komissarov (2004). OKB Ilyushin. Sergey Komissarov (1st ed.). Hinkley: Midland publishing. pp. 193–251. ISBN 1-85780-187-3.
Este artigo sobre aviación é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |