Igrexa de San Vicente de Cardona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Igrexa de san Vicente de Cardona»)
Igrexa de San Vicente de Cardona
PaísEspaña
Coordenadas41°54′52″N 1°41′11″L / 41.914444, 1.686389Coordenadas: 41°54′52″N 1°41′11″L / 41.914444, 1.686389
EstiloFirst Romanesque
editar datos en Wikidata ]
Igrexa de san Vicente de Cardona. Vista da cabeceira.

San Vicente de Cardona é unha igrexa románica que está situada en Cardona, bisbarra do Bages, provincia de Barcelona. Aínda que se descoñece o arquitecto da obra, sábese que o comitente foi o vizconde Bremond I (ou Bremundo; en catalán Bermon) atendendo as peticións do seu amigo o abade Oliba[1]. Foi construída entre o 1029 e o 1040. Hoxe en día amosa un perfecto estado de conservación e para algúns autores é o máis perfecto exemplo do románico catalán e “o modelo máis acabado que caracteriza a unha época[2].

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinalmente, San Vicente era a capela do castelo de Cardona, que pertencía á casa vizcondal de Osona. Os primeiros documentos datan do 980[3]. Os condes protexeron a igrexa coas doazóns e, mesmo, creárase un priorato (filial da igrexa de Cardona). O comezo da vida comunitaria, como abadía canónica comezou a partir do século X, seguindo a regra aquisgranesa.

Tras permanecer descoidada e espoliada, no 1019, o vizconde Bremon I decide reconstruíla, apoiando o impulso do abade Oliba, que tamén reformará outros centros relixiosos cataláns como Cañigó, Vic ou Ripoll. Porén, o vizconde morreu entre 1029 ou 1030[4] sen comezar a edificar e será a partir de entón cando comeza a construción do actual edificio románico que se consagrará en 1040[5], por Eribal, bispo de Urgell, príncipe e señor da igrexa e da fortaleza de Cardona, irmán e sucesor no vizcondado de Bremon[2]. Cara 1090, o vizconde e bispo, Ramón Folc II de Cardona, introduciu na abadía a regra de Santo Agostiño[6] e a comunidade estará composta por un abade, 12 cóengos e algúns sacerdotes. En 1592, foi secularizada polo papa Clemente VIII[7], en 1794, todo o castelo se converteu nun cuartel pero a igrexa seguiu dependendo da comunidade que se trasladou á parroquial de San Miguel[3] até que en 1851, desaparecida xa comunidade, a igrexa pasa a ser unha dependencia máis do cuartel. Posteriormente, todo foi abandonado e foise deteriorando.

En 1931, todo o conxunto foi declarado monumento histórico artístico e en 1952 principiou a restauración dirixida polo arquitecto Alexandre Ferrant. En 1976, tanto o castelo coma a igrexa se converteron en Parador de Turismo.

Descrición[editar | editar a fonte]

A lonxitude total da obra é de 49 m., sendo a altura da nave central é de 18,80 m. e das laterais 12,40 m. O transepto mide 17,60 m. de anchura por 6,25 de lonxitude.[2] No espazo interior, presenta unha planta basilical de tres naves de grande altura, cuxa nave central e máis ancha e alta cás laterais, e está cuberta por unha bóveda de canón, mentres nas laterais a bóveda é de aresta. Cada unha das naves remata en cadansúa ábsida semicircular, sendo todas de diferente tamaño en relación ao tamaño das naves correspondentes. Preto da cabeceira, presenta unha nave transversal ou transepto que é algo máis ancho cás naves laterais e sobresae moi pouco da planta. Este transepto permite, tamén, referirse a unha planta de cruz latina.

Pinturas do atrio de San Vicente de Cardona: o pantocrátor rodeado dos tetramorfos e a mandorla.

O cruceiro, bastante pequeno, crea en altura un ciborio octogonal que contén unha cúpula. O presbiterio e a ábsida central están lixeiramente elevados porque a parte interna do subsolo contén unha cripta.

O material construtivo é o perpiaño de pedra en grosos muros con estreitos e escasas fiestras e como elementos de soporte aparecen os piares compostos.

Vista da cripta de San Vicente de Cardona

No espazo exterior, predominan as liñas rectas, agás nas ábsidas e nas fiestras. O espazo está distribuído dun xeito moi ordenado: un ciborio octogonal (que se corresponde coa cúpula) de media laranxa sobre trompas, tres semicírculos (as ábsidas) e varios paralelepípedos (o transepto e mailas naves). Os muros están reforzados por contrafortes

Contaba con atrio e claustro. De importancia son as pinturas do atrio no que predominan temas cristolóxicos como a presentación de Cristo no templo ou a flaxelación, e tamén temas tipicamente románicos como o pantocrátor inserido nunha mandorla e os tetramorfos, que son de autor descoñecido e de cronoloxía posterior ao templo, cara ano ano 1200[8]. Hoxe en día, as pinturas permanecen no Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC).

Baixo o espazo do presbiterio e da ábsida central, a cripta se divide en 3 naves por medio de 2 fileiras de columnas monolíticas con capiteis de tipo piramidal sen decoración. Sobre elas, uns bloques de pedra serven de arrinque ás bóvedas de aresta que cobren a cripta.

Influencia lombarda[editar | editar a fonte]

É de salientar a influencia lombarda en varios elementos presentes no románico catalán e en San Vicente de Cardona. A presenza de bóvedas de canón e de arestas ten antecedentes na basílica lombarda de Aliate e no templo de San Babilas de Milán (de comezos do século XI)[1]. Igualmente, no exterior están presentes os característicos arquiños cegos e bandas lombardas[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 de Olaguer-Felíu, Fernando (2003). El arte románico español. Madrid: Ediciones Encuentro. p. 46. ISBN 84-7490-683-0. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Junyent, Eduard (1996). Rutas románicas en Cataluña. vol. I (Barcelona). Ediciones Encuentro. pp. 77–82. ISBN 84-7490-390-4. 
  3. 3,0 3,1 Villanueva, Jaime (1821). Viage literario a las iglesias de España. VIII. Imprenta de Oliveres, antes de Estevan. p. 198. 
  4. Bendala Galán, Manuel (et alii) (2003). Manual de arte español. Ediciones S.L. p. 152. ISBN 84-7737-099-0. 
  5. Ballesteros Arranz, Ernesto (2013). Arquitectura románica de la región pirenaica. Hiares Multimedia. 
  6. Villanueva, Jaime (1851). Viage Literario á Las Iglesias de España XVII. Madrid: Imprenta da Real Academia de la Historia. p. 181. 
  7. Feliu de la Peña y Farrell, Narciso (1709). Anales de Cataluña. Impresor Josep Llopis. p. 309. 
  8. "Monestirs de Catalunya". Consultado o 18-12-2016. 
  9. "La arquitectura de influencia lombarda". ArteHistoria. Arquivado dende o orixinal o 14-04-2017. Consultado o 16-12-2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]