Igrexa de San Martiño de Frómista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Igrexa de san Martiño de Frómista»)
Igrexa de San Martiño de Tours
Fachada principal de San Martiño de Tours
PaísEspaña
AdvocaciónSan Martiño de Tours
LocalizaciónFrómista
Coordenadas42°16′00″N 4°24′25″O / 42.266715, -4.406932Coordenadas: 42°16′00″N 4°24′25″O / 42.266715, -4.406932
Culto
CultoCatólico latino
DioceseDiocese de Palencia
Estiloarquitectura románica
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Martiño de Tours é un templo católico ergueito na segunda metade do século XI en Frómista, na provincia de Palencia (Castela e León, España), e situado no Camiño de Santiago. Pertence ao estilo románico e está considerado como un dos principais prototipos de románico europeo e o mellor exemplo do románico no Camiño de Santiago[1].

Historia[editar | editar a fonte]

Vista das ábsidas da igrexa de San Martiño de Tours en Frómista, Palencia.

A igrexa de San Martiño de Frómista, situada no Camiño de Santiago, foi construída na segunda metade do século XI por orde de dona Maior de Castela, viúva do rei Sancho III o Maior de Navarra, como parte dun Mosteiro de San Martiño, hoxe desaparecido. As primeiras noticias nas que se fai referencia a esta igrexa datan do ano 1066, no que xa se iniciou a súa construción. O seu estilo relaciónase co románico da zona de Palencia, así como coa catedral de Jaca, algún de cuxos canteiros puido traballar na súa edificación.

No ano 1118 pasou a depender do priorado bieito de San Zoilo, en Carrión de los Condes. Os monxes abandonárono pouco despois, xa no século XIII, e cedérono a Don Juan Gómez de Manzanedo. Tras cambiar de man en varias ocasións durante a Idade Media, e trala súa definitiva separación do mosteiro, a igrexa sufriu diversos engadidos durante o século XV: unha torre que serviría de campanario sobre o ciborio orixinal, e varias dependencias que fixeron de sancristía. Tras estas últimas noticias medievais, o templo sofre unha progresiva deterioración, que leva a que a finais do século XIX sexa declarado inadecuado para o culto. Tras o seu peche, a deterioración acelérase, con varios desprendementos na bóveda e as paredes.

Varios informes emitidos durante esta época reflicten o preocupante estado da edificación que ameazaba ruína. O labor de restauración do templo iníciase pouco despois da súa declaración como Monumento Nacional en 1894. Os labores de restauración quedan en mans do arquitecto Manuel Aníbal Álvarez Amoroso, quen se propón devolver o templo ao seu estado orixinal, eliminando os engadidos posteriores. Os capiteis e canzorros máis deteriorados foron trasladados ao Museo Arqueolóxico de Palencia, e substituídos por reproducións. Para diferencialos dos auténticos, levan inscrito un "R"[2].

As tarefas de reconstrución finalizan en 1904, data na que definitivamente se reabre ao público. Hoxe en día pode contemplarse, no interior da propia igrexa, unha maqueta que representa o seu aspecto no momento de acometer a súa restauración.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ábsidas de San Martiño de Tours, de Frómista.

Exterior[editar | editar a fonte]

A aparencia exterior da Igrexa de San Martiño é característica do período románico en que foi construída. Sobre as súas naves, de escasa altura, destacan o ciborio octogonal sobre o cruceiro e as dúas torres cilíndricas a ámbolos dous lados da fachada principal.

Desde o exterior advírtense os seus muros sólidos, con escasas ventás, con arcos de medio punto nas ábsidas e nas fachadas laterais do templo. . Ademais, baixo os beirados das portas e tellados hai máis de 300 pequenos canzorros, con figuras semellantes a gárgolas, representando animais, seres humanos e seres mitolóxicos ou fantásticos. Sobre a porta principal hai un crismón de seis brazos, de dubidosa antigüidade.

A igrexa ten catro portadas, unha en cada unha das súas fachadas, aínda que só dúas permanecen útiles: a da fachada principal, a máis ricamente adornada de todas, e a do portada sur (actual porta de entrada ao público). A porta da fachada norte está tapiada.

Na punta da torre esquerda da fachada principal hai a figura dun pito colocada coma se fose unha gárgola.

Interior[editar | editar a fonte]

A igrexa de San Martiño presenta unha planta basilical, formada por tres naves de distinto tamaño separadas por piares compostos. A nave principal ou central é máis ancha que as dúas laterais, e as tres rematan en ábsidas semicirculares e están cubertas por bóvedas de canón de distinta altura e anchura, sendo a central máis alta e ancha [2]. As naves están divididas en catro tramos case idénticos, sendo o quinto, o do transepto, máis ancho cós demais. No caso desta igrexa, a planta basilical está combinada coa forma de cruz latina. No punto de cruzamento da nave central co transepto aparece o cruceiro. Este, de base cadrada, leva en cada ángulo unha trompa para convertelo en octogonal e exteriormente dá lugar ao ciborio, que se destaca en altura sobre toda a construción. Nos lados axiais da cúpula (os dos puntos cardinais) leva catro pequenas fiestras que permiten a iluminación interior; os outros catro lados son cegos[2].

As ábsidas albergan diversas esculturas medievais, entre as que destaca un Cristo do século XIII na ábsida correspondente á nave central.

Decoración[editar | editar a fonte]

O interior da igrexa, aínda que en xeral sobrio, ten algúns elementos decorativos de interese. Destacan os capiteis das columnas (algúns deles, reconstrucións modernas dos orixinais), con imaxes vexetais, animais ou narrativas. Entre eles merece a pena observar con detemento os dedicados á historia de Adán e Eva, ou á fábula de "A raposa e o corvo".

Tamén, o taqueado xaqués que hai baixo as cornixas exteriores aparece igualmente o interior, a diversas alturas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. de Olaguer Feliu, Fernando (2003). El arte románico español. Ediciones Encuentro. p. 102. ISBN 84-7490-683-0. 
  2. 2,0 2,1 2,2 de Lojendio, Luis María; Rodríguez, Abundio; Viñayo, Antonio (1996). Rutas románcias en Castilla y León. Ediciones Encuentro. pp. 162–170. ISBN 84-7490-410-2. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

González Maiso, José; Lagunilla, Juan Ramón (2010). San Zoilo de Carrión en el origen del románico pleno. El románico de las donnas. ISBN 978-84-613-9059-5. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]