Igrexa da Milagrosa de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa da Milagrosa
Datos xerais
PaísEspaña
Tipoigrexa
AdvocaciónVirxe Milagrosa
Coordenadas42°20′23″N 7°51′25″O / 42.339788320365, -7.8569785023147Coordenadas: 42°20′23″N 7°51′25″O / 42.339788320365, -7.8569785023147
Culto
Cultocatólico
DioceseOurense
Arquitectura
Construción1971-1973
editar datos en Wikidata ]

A Igrexa da Milagrosa é un templo católico do século XX situado no barrio de Cruz Alta, en Ourense (Galiza).

Historia[editar | editar a fonte]

A Congregación da Misión, fundada por San Vicente de Paúl en Francia en 1625, chegou a España (en concreto, a Barcelona) en 1704 procedente de Italia. Tres padres paúles impartiron varias misións en Ourense en 1866, a máis destacada a de Xinzo de Limia.[1] En 1869 predicarían unha Novena Misión no Santuario da Nosa Señora dos Milagres do Medo. Estabelecéronse nel de maneira definitiva por encomenda do bispo da diocese e converteron o templo na única comunidade de Padres Paúles de Galiza.[1][2] Pola súa banda, a residencia dos padres paúles na cidade de Ourense foi fundada en 1902 no número 23 da rúa de Alba (actual rúa Cardeal Quiroga). Anos despois trasladouse aproximadamente ao número 28, na beirarrúa oposta.[3]

En 1967 o sacerdote Domingo García envioulle unha carta con data de 29 de agosto ao bispo de Ourense Ángel Temiño Sáiz. Nela solicitaba a creación da Parroquia da Milagrosa tras servir a comunidade durante décadas na Igrexa de Santa María Nai:

... revisados los ministerios de nuestra Residencia de Orense... y vistas las necesidades espirituales en otros sectores de la ciudad,... teniendo nosotros una finca en Fonte do Monte donde crece una barriada sin atención religiosa y parroquial, hemos determinado construir allí residencia y templo adyacente para servicio espiritual de la barriada, sin cargar en nada la economía de la Diócesis. La Congregación de la Misión ofrece a V.E., gustosa, los servicios pastorales de la Comunidad: templo y edificaciones complementarias para ayudar a la Obra Pastoral de la Diócesis, y que pueda, si lo viese útil en sus planes pastorales, establecer en dicho templo una parroquia servida por la Comunidad...[4]

O bispo, tras obter un informe favorábel por parte do cabido o 22 de setembro, concedeulle a licenza para o levantamento da parroquia. Foi creada por Decreto Ordinario publicado no Boletín Eclesiástico da diocese de Ourense o 1 de maio de 1971. O templo foi construído nun viñedo propiedade dos Irmáns Paúles coñecido como «Fonte do Monte». Este foi valorado en 11 900 000 pesetas durante a realización dos trámites para edificar a igrexa. O inmoble da rúa Cardeal Quiroga foi taxado en 4 millóns de pesetas.

A construción da igrexa e dos edificios auxiliares comezou o 1 de febreiro de 1971. Os oficios de Semana Santa leváronse a cabo desde o 15 de agosto dese ano nos baixos de diversos edificios da contorna.[5] Tras o fin das obras o 24 de marzo de 1973, o santuario foi inaugurado a tarde do 10 de maio. Os oficios de Semana Santa daquel ano xa se celebraran no novo templo.[5] Temiño Sáiz, quen bendeciu a igrexa con motivo da súa inauguración, doou unha imaxe da Virxe Milagrosa realizada en mármore branco de Alacant polo escultor Nicanor Carballo. O padre Ángel Dopazo Salgado regalou un órgano Hammond, adquirido por 380 000 pesetas. Varias fregresas e fregueses doaron o sagrario e varios cálices, e tamén entregaron igualmente diñeiro en metálico para a adquisición de bancos.

Descrición[editar | editar a fonte]

Exterior[editar | editar a fonte]

O templo, ao cal se accede a través dunha escalinata, presenta unha fachada sinxela cun soportal. Os laterais consisten nunha combinación de muros de pedra graduados e paredes lisas con discretos contrafortes. Na cuberta destaca unha colorida cúpula cónica acristalada de seis caras, coroada por unha cruz como principal ornamento exterior.

Interior[editar | editar a fonte]

Capela maior

O interior, cunha superficie de 738 m² e capacidade para unhas 400 persoas, posúe unha única nave de planta hexagonal. No seu muro frontal sitúase unha sinxela capela maior, influenciada pola simplicidade ornamental estabelecida nos principios do Concilio Vaticano II.

O altar, construído en pedra, ten forma de trapecio invertido. Nel resalta unha letra M atravesada por unha cruz, símbolo representativo da Medalla Milagrosa. Na parte posterior ao altar sitúase unha talla de Cristo crucificado no centro, unha imaxe de San Vicente de Paúl á esquerda e outra da Virxe Milagrosa á dereita. Os laterais da capela están compostos por paneis con motivos circulares calados, e o sagrario fica desprazado cara a esquerda, no canto de estar situado no centro.

A nave caracterízase pola luminosidade proporcionada por catro vidreiras cadradas de gran tamaño, divididas en parellas por unha trabe en cada unha das paredes laterais. Outro trazo distintivo é a carencia de ornamentos, só ten dúas tallas amais das da capela maior: unha imaxe pétrea da Virxe Milagrosa, realizada por Carballo no lado da epístola, e unha talla de San Xosé, sobre un pedestal de madeira decorado cun arco oxival, no lado do Evanxeo.

Na entrada sitúanse dous cadros: o da esquerda mostra o martirio de San Francisco Régis Clet e o da dereita, o de San Juan Gabriel Perboyre. O templo alberga unha cripta onde están os salóns de reunións e catequeses, e unha tribuna de planta trapezoidal e balaustrada de madeira. Destaca en particular o falso teito, cun óculo hexagonal situado baixo a cúpula que fornece luz natural á nave.

Contorna[editar | editar a fonte]

A carón do templo atópase a residencia dos Irmáns Paúles. Xunto a ela, nun pequeno macizo, áchase un cruceiro, obra de Nicanor Carballo, inaugurado o 27 de outubro de 2001.[6] Este cruceiro mostra, amais das típicas imaxes de Cristo crucificado e a Pietà, tallas da Virxe Milagrosa e San Vicente de Paúl no corpo do monumento.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 García, Jesús Manuel (31 de agosto de 2004). "Los padres paúles celebran en Os Milagros sus 300 años en España". La Voz de Galicia. 
  2. "PAÚLES EN EL SANTUARIO". 
  3. Salgado, Rafael (21 de xaneiro de 2017). "Calle de Alba, primer capítulo". La Región. 
  4. "Boletín Oficial del Obispado de Ourense". maio-xuño de 2003: 428–429. 
  5. 5,0 5,1 Olabuénaga, Mitxel (25 de setembro de 2012). "La C.M. en la España contemporánea (1931-2000). Capítulo 2". 
  6. "Un cruceiro en A Milagrosa". La Voz de Galicia. 28 de outubro de 2001.