Iberolacerta
Iberolacerta | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Iberolacerta monticola | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
especies | |||||||||||||
8, ver texto. |
Iberolacerta é un xénero de lagartas da familia Lacertidae do que se describiron polo menos 8 especies, que viven principalmente en España e Francia, e hai unha especie centroeuropea. En Galicia poden atoparse dúas especies deste xénero: I. galani e I. monticola.
Distribución
[editar | editar a fonte]As especies de Iberolacerta son lagartos de montaña europeos esencialmente da Península Ibérica e zona pirenaica de Francia.[1] I. horvanthi atópase en países centroeuropeos (Austria, norte de Italia, Eslovenia, Croacia); foi localizada unha vez no sur de Alemaña pero desde entón non volveu ser atopada e podería ser unha introdución feita polo ser humano.[1]
Características
[editar | editar a fonte]Son características xerais: cabeza e corpo deprimidos; de 7 a 9 dentes premaxilares; ~26 vértebras presacras (nos machos); costelas inscricionais; rabos de brillantes cores nas crías.[1]
Algunhas das especies deste xénero teñen características específicas como: escamas rostral e frontonasal; unha escama postanal; escamas supranasal e loreal anterior; 36 ou menos macrocromosomas; embrións nos ovos acabados de poñer algo desenvolvidos.[1]
Tamaño e forma
[editar | editar a fonte]Pequenas especies de ata ~85 mm de longo, pero en todas as especies as femias son meirandes ca os machos.[1]
- Cranio
- O cranio ten de 7 a 9 dentes premaxilares, non hai dente pterigoideo, e teñen un proceso nasal delgado.[1] Ademais hai unha separación entre o óso frontal e o postorbital.[1]
- Esqueleto post-cranial
- Iberolacerta presenta vértebras presacras que son distintas segundo o sexo.[1] Os machos presentan de 25 a 26 vértebras presacras, mentres que as femias poden ter de 26 a 29.[1] Ambos os sexos teñen unha media de 6 vértebras presacrais posteriores con costelas relativamente curtas. As vértebras do rabo poden ter o patrón común de tipo A ou o menos común de tipo B.[1]
- Cor
- A coloración dorsal presenta raias, bandas e manchas preto ou sobre a columna vertebral.[1] Na parte ventral son brancos, amarelo claro, laranxa intenso, ou verdes.[1] Os rabos dos individuos xuvenís son con frecuencia verdes brillantes ou azuis.[1]
- Cromosomas
- O número diploide (2n) de autosomas é de 36 ou menos.[1] Os cromosomas sexuais poden ser de dous tipos dependendo do número de cromosomas Z, que son específicos de especie, chamados tipo ZW e tipo Z1Z2W.[1] Os cromosomas poden conter un organizador nucleolar nos macrocromosomas grandes, o que se denomina tipo L, ou nos macrocromosomas medianos, o que se denomina tipo M.[1]
- Reprodución
- Durante a copulación o macho morde e agarra os flancos das femias, para realizar a fertilización dos ovos. Poñen de 3 a 10 ovos.[1] Nos ovos que se acaban de poñer o desenvolvemento do embrión está algo avanzado, e tardan en incubarse, segundo a especie, de 23 a 36 días.[1]
- Ecoloxía
- Estas lagartas son xeralmente habitantes das rochas da superficie firme pero poden atoparse asociadas con áreas con pequenas pedras soltas.[1]
Especies
[editar | editar a fonte]- Iberolacerta aranica
- I. aranica está localizada nos Pireneos centrais.[2] As poboacións desta especie viven en hábitats rochosos de tipo alpino.[2] A poboación está en diminución.[2] Imaxe.
- Iberolacerta aurelioi
- I. aurelioi localízase nos Pireneos entre Andorra, España e Francia.[3] Os seus tamaños de poboación van de 10 a 200 individuos.[3] A tendencia é a unha diminución da poboación.[3] Imaxe.
- Iberolacerta bonnali
- I. bonnali está localizada nos Pireneos centrais.[4] As poboacións maiores están nos hábitas máis adecuados e están fragmentadas nos hábitats peores.[4] A tendencia da poboación é estable.[4] Imaxe.
- Iberolacerta cyreni
- I. cyreni localízase nas montañas centrais de España na Serra de Béjar, Serra de Gredos, La Serrota e Serra do Guadarrama.[5] As súas poboacións son abundantes en determinadas áreas.[5] A tendencia da poboación desta especie é á diminución.[5] Imaxe.
- I. galani está locaizado en España, na zona de León e algunhas poden detectarse nos límites da provincia de Ourense, concentrándose na Serra Segundera, Serra da Cabrera, Serra do Eje ou Pena Trevinca e Serra do Teleno.[6] As poboacións son moi abondosas.[6] A tendencia desta poboación non se coñece.[6] Imaxe.
- Iberolacerta horvathi
- I. horvathi localizouse nas montañas do sur de Austria, nordeste de Italia, oeste de Eslovenia, e oeste de Croacia.[7] As poboacións desta especie son abondosas localmente.[7] A tendencia da poboación é estable.[7] Imaxe.
- Iberolacerta martinezricai
- I. martinezricai localízase en España na rexión de Serra Segundera, Salamanca.[8] As poboacións son moi raras, xa que a maioría están localizadas no pico das montañas.[8] A tendencia é á súa diminución.[8] Imaxe.
- I. monticola localízase en España na zona Cantábrica e en Galicia, e tamén en Portugal na Serra da Estrela.[9] As poboacións destas especies aparecen nos hábitats máis axeitados, pero están moi localizadas.[9] A tendencia das poboacións desta especie é á diminucuión.[9] Imaxe.
Evolución
[editar | editar a fonte]Crese que houbo moita especiación no xénero Iberolacerta debido aos ciclos glaciais do Plistoceno e á fragmentación do hábitat no Holoceno, no que moitas poboacións quedaron illadas en zonas montañosas.[10] Por exemplo, I. monticola foi estudada para determinar a causa da súa especiación. Analizáronse as secuencias dos ADNs mitocondriais de 17 poboacións de I. monticola nunha rexión de control e nos loci do citocromo b, de todo o cuadrante noroeste da Península Ibérica.[11] Os resultados levaron á conclusión que se correlacionaban co modelo “refuxios dentro de refuxios”, xa que as análises filoxeográficas comparativas mostraron patróns de subdivisións xenéticas consistentes.[11] Isto suxire que o illamento en cadeas montañosas podería ser a causa da formación de especies en Iberolacerta.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 13. Arnold, E. N., O. Arribas, and S. Carranza (March 2007). “Systematics of the Palaearctic and Oriental lizard tribe Lacertini (Squamata: Lacertidae: Lacertinae), with descriptions of eight new genera”. Zootaxa 1430: 44-66. ISBN 978-1-86977-097-6 (paperback). ISBN 978-1-86977-098-3
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Valentin Pérez-Mellado, Marc Cheylan, Patrick Haffner 2009. Iberolacerta aranica. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Valentin Pérez-Mellado, Marc Cheylan, Iñigo Martínez-Solano 2009. Iberolacerta aurelioi. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Valentin Pérez-Mellado, Marc Cheylan, Iñigo Martínez-Solano 2009. Iberolacerta bonnali. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Valentin Pérez-Mellado, Marc Cheylan, Iñigo Martínez-Solano 2009. Iberolacerta cyreni. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Arribas 2009. Iberolacerta galani. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Milan Vogrin, Wolfgang Böhme, Pierre-André Crochet, Hans Konrad Nettmann, Roberto Sindaco, Antonio Romano 2009. Iberolacerta horvathi. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Valentin Pérez-Mellado, Marc Cheylan, Iñigo Martínez-Solano 2009. Iberolacerta martinezricai. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Valentin Pérez-Mellado, Marc Cheylan, Iñigo Martínez-Solano 2009. Iberolacerta monticola. The IUCN Red List of Threatened Species. Version 2014.3. <www.iucnredlist.org>. Downloaded on 23 November 2014.
- ↑ Crochet PA, Chaline O, Surget-Groba Y, Debain C, Cheylan M (2004) "Speciation in mountains: phylogeography and phylogeny of the rock lizards genus Iberolacerta (Reptilia: Lacertidae)". Mol Phylogenet Evol 30: 860–866
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Remon, N., P. Galan, M. Villa, O. Arribas and H. Naveira (June 2013). “Causes and evolutionary consequences of population subdivision of an Iberian mountain lizard, Iberolacerta monticola”. PLoS One 8 (6): 1-15. DOI: 10.1371/journal.pone.0066034. PMCID: PMC3676366. [1]
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Iberolacerta |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Iberolacerta |