IES Monte Castelo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°39′05″N 07°21′22″O / 43.65139, -7.35611 O IES Monte Castelo é un centro de Educación Secundaria situado na localidade de Burela, pertencente á provincia de Lugo.

Leva uns corenta anos de funcionamento e posúe unha ampla oferta formativa. Por unha bada, impártense todos os cursos da Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), ademais de Bacharelato nas súas tres modalidades (Ciencias, Humanidades e Ciencias Sociais, e Artes). A destacar que é o único centro da comarca de A Mariña Lucense e un dos poucos da provincia de Lugo que conta coa modalidade de Artes no Bacharelato. Tanto no caso da Ensinanza Secundaria Obrigatoria coma no caso do Bacharelato, o centro dispón tamén da posibilidade de cursar estes estudos na modalidade de persoas adultas. A Ensinanza Secundaria para persoas Adultas (ESA) impártese en réxime presencial, mentres que o Bacharelato para persoas adultas é impartido en réxime semipresencial, nas modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais.

Por outra banda, o IES Monte Castelo oferta tamén diferentes Ciclos Formativos de Formación profesional, aos cales pode acceder unha ampla variedade de alumnas e alumnos, dependendo da súa formación anterior (titulados na ESO para acceder aos Ciclos Medios e titulados no Bacharelato, Formación Profesional ou graduados universitarios, para acceder aos Ciclos Medios ou aos Ciclos Superiores). Dentro da familia profesional de Sanidade, o centro conta cos dous Ciclos Formativos: o Ciclo Medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría e o Ciclo Superior en Saúde Ambiental. O Ciclo Medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría representa un dos Ciclos Formativos máis solicitados da contorna, cubríndose ata o de agora (curso 2019/2020) o 100% das prazas ofertadas e presentando lista de agarda. Este Ciclo Formativo ten carácter presencial, pero ofértase tanto en réxime ordinario (que se cursa todos os días polas mañás e ademais tamén dous días á semana pola tarde, e que implica a matriculación na totalidade do Ciclo Formativo) como en réxime modular (que se cursa exclusivamente polas tardes, e na que se pode realizar a matrícula por Módulos, isto é, por partes, no Ciclo Formativo). No caso do Ciclo Superior en Saúde Ambiental, trátase dun dos cinco centros que oferta estes estudos en Galicia e o único centro que os oferta na provincia de Lugo; cursase en modalidade presencial ordinaria, polo que o alumnado debe matricularse na totalidade dos Módulos de cada curso. As clases son impartidas todos os días polas mañás e ademais tamén dous días á semana polas tardes. Para rematar, o IES Monte Castelo tamén oferta o Ciclo Superior en Ensinanza e Animación Sociodeportiva, un dos dous únicos centros que ofertan este Ciclo Formativo na provincia de Lugo.

A oferta formativa do centro complétase cunha sección da Escola Oficial de Idiomas Luz Pozo Garza de Viveiro que imparte todos os niveis de inglés (dende A1 a C2), co programa CUALE (Programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado como preparación para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas) e a Aula Mentor, unha plataforma de formación aberta, libre e a través de internet impulsada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, que se centra centran en proporcionar unha alternativa en materia de formación á poboación adulta que non ten oportunidade de asistir á oferta presencial e cun ritmo de aprendizaxe e/ou dedicación que require un sistema totalmente flexible non suxeito nin a horarios nin a prazos de ningún tipo.


Falta algunha imaxe que ilustre o artigo
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.