Hospital do Tórax

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hospital do Tórax
Imaxe do hospital cando estaba abandonado
Coordenadas41°35′39″N 2°00′25″L / 41.594067, 2.007054Coordenadas: 41°35′39″N 2°00′25″L / 41.594067, 2.007054
editar datos en Wikidata ]

O Hospital do Tórax (en catalán Hospital del Tòrax ou Sanatori de Terrassa), é un antigo hospital catalán situado no norte da cidade de Terrassa (provincia de Barcelona). Albergou doentes con doenzas respiratorias dende 1952 até 1997.[1] No ano 2014 o recinto foi totalmente reformado e converteuse no Parque Audiovisual de Cataluña,[2] un complexo de produción audiovisual.

Historia[editar | editar a fonte]

Preto da década dos 50, o Ministerio de Sanidade decidiu abrir preto de Barcelona un hospital que acollese a gran cantidade de doentes con enfermidades respiratorias, tales como tuberculose, fibrose ou cancro de pulmón, que había en Cataluña. O terreo escollido, a tres quilómetros de Terrassa, chamado Pla del Bon Aire (en galego Chairo do Bo Ar), tiña as condicións ideais para o tratamento destes doentes; sen néboas, protexido dos ventos do noroeste, con clima tépedo no verán, a catrocentos metros de altura, con trescentos días solleiros durante o ano, chan seco e saneado, rodeado de piñeiros, auga abundante e ben comunicado coa cidade de Barcelona. Tamén influíu o feito de que Terrassa era a cidade coa taxa de tuberculose máis baixa de Cataluña, polo que o concello adquiriu as once hectáreas da leira e regalounas ao Padroado Nacional Antituberculoso.[1] O 8 de xuño de 1952 inaugurouse o hospital;[3] a inauguración estivo presidida polo ditador Francisco Franco, acompañado do capitán xeneral de Cataluña, o gobernador civil, o ministro de gobernación, o director xeral de sanidade e o xefe local de sanidade.[1] Converteuse en hospital común en 1970 e en 1997 foi pechado.

Imaxe do hospital actualmente, transformado no Parque Audiovisual de Cataluña.

Unha vez o hospital deixou de funcionar a meirande parte do edificio ficou abandonada. A súa grande extensión e lúgubre aparencia propiciou visitas de curiosos. A medida que as visitas foron aumentando xurdiron lendas sobre sucesos paranormais que se produciron dentro do hospital, que lle outorgaron fama de lugar encantado con grande actividade paranormal.

No ano 2004, a Xeneralidade de Cataluña e o Concello de Terrassa acordaron transformar o recinto nun complexo audiovisual. En 2010, a Residencia para Discapacitados Psíquicos e Centro de día La Pineda, que se atopaba nunha á do hospital, tivo que ser trasladada ao centro da cidade.[4]

O recinto[editar | editar a fonte]

O edificio foi deseñado polo arquitecto Mariano Morán y Fernández Cañedo.[5] Era sólido e macizo, tiña grandes espazos interiores e exteriores, e aínda é hoxe un inmoble monobloque, de corenta metros de altura, en forma de avión, cun corpo central e dúas ás de oito andares cada unha e que mide 227 metros de envergadura,[5] cun perímetro de 992 metros e unha superficie cuberta de sesenta e seis mil metros cadrados,[5] máis un patio interior pechado con galerías que dá acceso a unha igrexa con capacidade para mil persoas. O hospital dispoñía dun total de 1600 camas.[5] O primeiro andar da á dereita estaba destinado a nenos e o primeiro andar da á esquerda a nais lactantes. O noveno andar, que estaba destinado a comunidade de monxas carmelitas, tiña capela propia, cociña, calefacción e servizos independentes aos do hospital. Os outros catorce andares, divididos polo corpo central en dúas unidades de sete, contaban en cada un con habitacións para seis, dous e un enfermo, con lavabo individual, dentro do durmitorio cada habitación tiña unha saída á terraza, onde os doentes cumprían o repouso ao ar libre. Cada andar dispoñía de comedor, sala de xogos, sala de curas e enfermaría, baños e duchas.[1]

No corpo central do edificio estaban situados os servizos administrativos, a dirección, a sala de xuntas, os arquivos, a central telefónica, a oficina de correos, o salón de actos, a barbaría, a biblioteca, a asistencia social, a emisora de radio que conectaba con todos os andares, o economato e a imprenta e no soto o depósito de cadáveres e a sala de autopsias. Tamén dispoñía de cámaras para médicos, bolseiros, enfermeiras, persoal auxiliar e laboral que residía no centro, ademais de residencia para o administrador e para o oficial administrativo. Na parte central da cuarta planta, atopábase a unidade cirúrxica, con dous quirófanos e un terceiro para pequenas intervencións, sala de recuperación, catorce cámaras para postoperados e sala de descanso para o equipo cirúrxico. No quinto andar atopábase o servizo de radioloxía, cun laboratorio que posuía unha sección de bacterioloxía, farmacia, servizo de otorrinolaringoloxía e broncoscopia, departamento de exploración funcional e despachos médicos con aparellos de radioscopia.[1]

O soto dispoñía de doce grandes lavadoiros de pedra, onde se lavaba a roupa a man, pasadores e roupeiro. Tamén dispoñía de talleres para carpinteiros, ferreiros, albaneis e electricistas. Unha grande sala de cinema con cincocentas butacas proxectaba películas teatrais os sábados e domingos. As cociñas, baixo unha das ás, repartían comida a todas as unidades. O xefe do Estado, visto o tamaño e a localización do edificio recomendou a concesión de coche oficial e condutor ao director do centro, privilexio que se mantivo ata o segundo goberno da Xeneralidade de Cataluña.[1]

A negra estatística[editar | editar a fonte]

O Hospital do Tórax foi durante moitos anos o hospital co índice de suicidios máis elevado de todo o Estado.[Cómpre referencia] Dise que os enfermos se lanzaban dende o noveno andar ao xardín, alcumado a Xungla.[Cómpre referencia] A estancia media dun paciente era dun ano. A lenta e dolorosa morte dos doentes provocaba unha psicose xeral que en moitos casos acababa en suicidio.[Cómpre referencia]

Lendas[editar | editar a fonte]

Hai moitas lendas de actividade paranormal no hospital, aínda que ningunha se puido comprobar. Con todo, en 2003, a Garda Civil detivo un rapaz que subtraera un feto conservado en formol das instalacións do hospital.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]