Hispan TV
HispanTV | |
---|---|
Logo de HispanTV. | |
Inicio das emisións | 21 de decembro de 2011 |
Propiedade de | Servizo de Radiodifusión da República Islámica de Irán |
País | Irán |
Lingua | Castelán |
Área de emisión | Internacional |
Sede central | Madrid |
Na rede
| |
hispantv.com | |
HispanTV (en persa: هیسپانتیوی) é unha cadea televisiva pública iraniana adicada a proporcionar información e entretemento en castelán. Comezou a transmitir os seus programas en decembro de 2011.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Creación
[editar | editar a fonte]A canle, con sede en Madrid, foi inaugurada polo entón presidente de Irán Mahmud Ahmadineyad, quen afirmou que «a nova canle vai limitar a supremacía de aqueles que buscan dominar» e que sería «un instrumento para establecer mellores lazos entre o pobo e o Goberno de Irán coas nacións de fala hispana».[1] Trátase da quinta dunha serie de cadeas de televisión patrocinadas polo Goberno iraniano que emiten noutras linguas, como inglés e árabe. A canle podía ser sintonizada inicialmente a través da rede española de satélites Hispasat.[1]
Restricións á emisión
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 2013, como consecuencia das medidas de embargo a Irán adoptadas pola Unión Europea, os operadores de satélites Eutelsat e Arqiva interromperon as emisións desta e outras canles iranianas por consideralos vinculados a unha persoa relacionada coa violación de dereitos humanos: o responsable da radiodifusión iraniana Ezatola Zarghami. Tras esta decisión, o Goberno español requiriu a Hispasat que retirase a HispanTV da súa plataforma, petición que foi levada a efecto interrompendo así as emisións para América Latina.[2]
En concreto, as autoridades da Comunidade de Madrid, a instancias do Goberno español, ordenaron o cesamento das súas emisións a través da TDT alegando que o responsable iraniano deste medio de comunicación está considerado pola Unión Europea como implicado na violación de dereitos humanos. Ningún outro goberno europeo nin tampouco os Estados Unidos adoptou unha medida similar. A medida orixinou preguntas ao goberno por parte de Izquierda Unida (IU).[3] Tamén foi criticada pola dirección da cadea e por Pablo Iglesias Turrión, presentador do programa de HispanTV Fort Apache, quen considerou que o que lle preocupaba ao Partido Popular non eran os dereitos humanos, se non a liña progresista de moitos dos programas que emite esta canle.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Ahmadineyad presenta la TV iraní en español como un arma de lucha ideológica". El País (en castelán). 31 de xaneiro de 2012. Consultado o 26 de novembro de 2019.
- ↑ "Suspenden la emisión del canal iraní Hispan TV a través de la TDT española" (en castelán). 29 de xaneiro de 2013. Consultado o 26 de novembro de 2019.
- ↑ 3,0 3,1 "¿Vulnera la libertad de expresión cerrar HispanTV solo porque es iraní?" (en castelán). 25 de xaneiro de 2013. Consultado o 26 de novembro de 2019.