Henrique Peón
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de novembro de 1963 (61 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | etnógrafo, coreógrafo, cantante, músico, bailarín |
Empregador | Xacarandaina |
Familia | |
Irmáns | Mercedes Peón |
Henrique Peón Mosteiro, ou Quique Peón, nado na Coruña o 1 de novembro de 1963, é un bailador, investigador e divulgador do folclore tradicional galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Iniciouse na música e no baile tradicional galego con só 14 anos, no ano 1978. Naquela data formou, canda outras persoas ligadas ao mundo do folclore da Coruña, a Asociación Cultural Xacarandaina. O grupo creouse con directores e bailes procedentes dos Coros e Danzas franquistas. Cando no 1982 Quique Peón asumiu o cargo de director artístico, viuse na necesidade de diferenciar o repertorio da agrupación, pois os coros de danzas continuaban existindo.[1][2]
Comezou daquela, un intenso labor de recollas de novos materiais polo rural galego. Estes traballos de campo, comezados naquel altura, continúan a día de hoxe e, froito dos mesmos, o seu arquivo persoal e o de Xacarandaina, atesouran unha gran cantidade de bailes e melodías, moitas aínda inéditas.[3]
As músicas e bailes recuperados foron adaptados e levados aos escenarios por Quique Peón e Xacarandaina, ao longo dos anos, en actuacións por todo o mundo.[4] Con el creáronse tamén unha serie de grandes espectáculos etnográficos: Costumes e saberes dun pobo, Unha viaxe por noutrora, Ribeirana, Atruto, Dengue, Camiño do Sul, Galicien Amerika Line, Patrimonio Inmaterial.[5]
No ano 2007 iniciou un achegamento ao mundo da danza contemporánea, colaborando co Centro Coreográfico Galego na obra O Kiosco das almas perdidas.[6] No ano seguinte formou a súa propia compañía: Quique Peón Cía, coa que produciu diferentes obras nas que mestura o baile tradicional e a danza moderna: Ovay (2008), Aléndacroa (2010), Seisdecatro (2011), Amizade (2012) e O Poder do Arcabuz (2016), este último xunto a Xacarandaina.[5]
Noutra faceta artística formou no 2013, xunto a Xurxo Fernandes, o grupo musical Radio Cos co que publicou dous traballos discográficos: Radio Cos (2013) e Pasatempo (2016).[7]
Tamén participa no grupo de cantareiros de Xacarandaina: Os do fondo da barra, un grupo co que se tenta recuperar a tradición popular dos cantos de taberna.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dopico, Montse (2019-07-12). ""En vez de levar polo mundo o folclore galego sen axudas, igual deberiamos empezar a dicir que somos de Pernambuco"". Praza Pública.
- ↑ "Os 40 anos de Xacarandaina". Diario Cultural. 2019-04-03. Consultado o 2022-03-18.
- ↑ "Xacarandaina: A evolución do patrimonio sonoro". culturagalega.gal. 2019-04-11.
- ↑ Manu (2019). GB Xacarandaina, BG Invernía y BG Forcarei - Le Grand Spectacle - Festival Interceltique Lorient (Youtube).
- ↑ 5,0 5,1 "Biografía de Quique Peón". Consello da Cultura Galega.
- ↑ "O "Kiosko das almas perdidas" chega ao Auditorio". santiagodecompostela.gal. Consultado o 2022-03-11.
- ↑ "Radio Cos". musicaengalego. Consultado o 2022-03-13.
- ↑ Manu (2021). Os do Fondo da Barra en el programa Luar (Abr 2021) (Youtube).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Xacarandaina - TVG (Alalá nº 47 - 2007)
- Pesquequiz - Quique Peón - Proxecto Pesquedellas (2020) - Youtube.
- Baile tradicional e o folclore no sistema actual da danza en Galicia: memoria e transmisión - Consello da Cultura Galega (2020) - Youtube.