Haradrim

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Dous nobres haradrim celebran unha vitoria.

Haradrim é o nome dunha raza ficticia de Homes do legendarium do escritor británico J. R. R. Tolkien. Son os habitantes de Harad, terra situada ó sur da Terra Media. A súa orixe é incerto, pero parece lóxico pensar que se trata de Homes nados en Hildórien que emigraron ó sur da Terra Media, e que na Segunda Idade do Sol caeron baixo o influxo, primeiro dos Númenóreanos e logo de Sauron, a través dos sobreviventes de Númenor coñecidos como os Númenóreanos Negros

Os Haradrim mantiveron unha guerra case constante contra o Reino de Gondor, por iso se aliaron con Sauron na Guerra do Anel. Utilizan os Olifantes como medio de transporte.

En The Lord of the Rings: The Return of the King, a adaptación cinematográfica de Peter Jackson, os Haradrim están inspirados nos pobos Azteca e de Quiribati.[1]

Guerras contra Gondor[editar | editar a fonte]

Na Terceira Idade do Sol, os enfrontamentos de Gondor cos Haradrim foron os seguintes:

  • 933 T. E. toma de Umbar por parte do rei Eärnil I. Cabe aclarar que a Fortaleza de Umbar era dominada polos Númenóreanos Negros que reinaban sobre os Haradrim de Harad próximo.
  • 1015 T. E. O Rei Ciryandil perde gran parte do territorio de Umbar logo dun ataque combinado de Númenoreanos Negros e Haradrim. A cidade non cae porque Gondor envía reforzos e a sitia por mar.
  • 1050 T. E. Hyarmendacil I conquista todo o Harad próximo vingando a morte do seu pai. Os reis Harad próximo foron obrigados a pagar tributos e a render homenaxe a Gondor.
  • 1448 T. E. Logo da Loita entre Parentes, os descendentes de Castamir exílianse en Umbar e alí fan tratos cos reis de Harad.
  • 1540 T. E. Os Haradrim rebélanse contra Gondor e comeza un conflito que duraría 11 anos. Neste ano, o Rei Aldamir morre nun ataque dos Corsarios e dos Homes de Harad.
Unha emboscada en Harondor: tres haradrim atacan a un cabaleiro de Gondor.
  • 1551 T. E. Incitados polos emisarios de Sauron, os Haradrim cruzaron o río Poros e atacan Gondor. Hyarmendacil II derrota ós Haradrim e obrígaos a fuxir cara o sur.
  • 1944 T. E. Logo dunha paz de 400 anos co sur, que estaba enleado nas súas propias liortas, os Haradrim atacan Gondor polo sur mentres os Aurigas o fan polo leste. O capitán Eärnil derrota ós Haradrim en Ithilien do Sur e máis tarde ós Aurigas na Batalla do Campamento.
  • 2758 T. E. Os Haradrim e os Corsarios de Umbar atacan o sur de Gondor e alíanse cos dunlendinos, para tomar Rohan. Ó ano seguinte, o senescal Beregond expulsa ós Corsarios.
  • 2885 T. E. Os Haradrim cruzan o río Poros e atacan Gondor. Prodúcese a Batalla dos Vaos do Poros, pero o Senescal Túrin II derrótaos coa axuda de Rohan.
  • 3019 T. E. Guerra do Anel.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Documental "ROTK DVDs Weta Workshop", na versión estendida de The Lord of the Rings: The Return of the King.