Guilielmus Messaus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Guilielmus Messaus
Nacemento2 de xullo de 1589
 Antuerpen
Falecemento8 de marzo de 1640
 Antuerpen
NacionalidadeBélxica
Ocupacióncompositor
editar datos en Wikidata ]

Guilielmus Messaus, tamén coñecido coas variantes do apelido Messaulx e Missau, bautizado en Antuerpen o 2 de xullo de 1589 e finado na mesma cidade belga o 8 de marzo de 1640, foi un compositor barroco pertencente á escola francoflamenga que desenvolveu a súa actividade nos Países Baixos Españois.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sábese que foi sancristán da igrexa de San Xurxo en Antuerpen entre 1609 e 1610, e que chegou a ser mestre da escola e sancristan da igrexa de San Willibrord en 1613. Desde 1614 ata 1618 ensinou nas igrexas de de Santo André e de San Walburge, ambas en antuerpen, e nesta última foi cantante e mestre de capela, posto que non deixou ata a súa morte.

Coñécese que en diversas ocasións foi cuestionado polo seu carácter e comportamento. En 1620 foi suspendido transitoriamente das súas funcións por se negar a executar unha misa de requiem gregoriana, en canto plano, en vez dunha missa de angelis (misa dos anxos) polifónica para un cativo falecido. Chegou mesmo a agredir o mestre do coro para o substituír, e intentou, cos seus cantantes, cubrir de polifonía o canto gregoriano.

En 1613 ou 1614, Messaus casou con Magdalena de Masereth, con quen tivo cinco fillos, entre eles Guilielmus (nado en 1619), que cantou, entre 1649 e 1654, como tenor na igrexa de San Xurxo. Tras a morte da Magdalena, Messaus casou en segundas nupcias con Clara Loycx en 1639, un ano antes do seu falecemento.

Obra[editar | editar a fonte]

Messaus compuxo polo menos 14 misas, entre elas a Missa Victorus Fernandus, inédita pero rexistrada como parte do seu legado na biblioteca do rei Xoán IV de Portugal. Ademais, consérvanse 57 motetes e himnos con letras en holandés,vilancicos en holandés e en latín, e tres madrigais profanos en holandés.[2]

É probable que Messaus sexa o editor de Laudes Vespertinae, de 1629, a primeira colección que contén un número considerable de cantiones natalitiae (vilancicos). Case a metade do contido desta compilación é da súa autoría e el é o compositor de nove vilancicos[3]. Na maioría das veces, trátase de harmonizacións moi sinxelas para catro voces de panxoliñas que se remontaban a finais da Idade Media, como Een kindeken is ons gheboren ("Naceunos un neno") e Het viel eens hemels dawne ("Caeu o orballo do ceo").[4]

Ademais de moitos motetes, copiou tamén tres libros de música para clavicémbalo de John Bull.[5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Guilielmus Messaus". En Spiessens, Godelieve. The New Grove Dictionary of Music and Musicians. Londres, 2001.
  2. Grijp, Louis Peter. Cantiones Natalitiæ (anotacións do CD do grupo de música antiga Camerata Trajectina, baixo a dirección do musicólogo Louis Peter Grijp). Globe 6033. 1995.
  3. Johnson, Daniel (Dir.). Texas Early Music Project. Flanders Christmas Songs. Páxina 7. Anotacións a un programa do concerto.
  4. Rasch, Rudolf. De Cantiones natalitiae en het kerkelijke muziekleven in de Zuidelijke Nederlanden gedurende de zeventiende eeuw. Utrech. Vereniging voor Nederlandse Muziekgeschiedenis, 1985.
  5. Rasch, Rudolph. "The Messaus-Bull Codex London, British Library, Additional Manuscript 23.623". En Revue Belge de Musicologie. Vol 50. 1966. Páxinas 93 a 127.
  6. "John Bull" en Base de Données Musicale: "Ses trois séries de variations sur la chanson de Noël [...] témoignent de linfluence qu'il subit de son entourage flamand à Bruxelles et Anvers, et nous sont parvenues par les copies quen fit Guilielmus Messaus, maître de chant à léglise Sainte-Walburge dAnvers et lui-même compositeur dun grand nombre de Cantiones natalitiæ".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • The Concise Edition of Baker's Biographical Dictionary of Musicians. 8ª edición. Revisión de Nicolas Slonimsky. Nova York, Schirmer Books, 1993. [ISBN 0-02-872416-X]
  • Reese, Gustave. Music in the Renaissance. Nova York. W.W. Norton & Co. 1954. [ISBN 0-393-09530-4]
  • Bukofzer, Manfred. Music in the Baroque Era. Nova York, W.W. Norton & Co. 1947. [ISBN 0-393-09745-5]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]