Grupo f/64

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ansel Adams: Half Dome, Apple Orchard, Yosemite, 1933

O Grupo f/64 foi un grupo de sete fotógrafos do século XX de San Francisco que compartían un estilo fotográfico común, caracterizado por imaxes nítidas e coidadosamente enmarcadas estas a través dun punto de vista particularmente do oeste estadounidense. En parte formouse en oposición ao estilo pictorialista que dominara durante a meirande parte de principios de século, pero por outra banda querían promocionar unha nova estética modernista que estaba en imaxes expostas con precisión de formas naturais e obxectos atopados.[1]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Os últimos anos da década de 1920 e os primeiros da de 1930 foi un tempo de substancial axitación social e económica nos Estados Unidos.[2] O país estaba atravesando a Gran Depresión, e a xente buscaba un respiro ás súas miserias cotiás. O oeste estadounidense era visto como a base para o futuro da recuperación económica debido a enormes proxectos de obras públicas como a presa Hoover.[3] O público buscou noticias e imaxes do oeste porque representaba unha terra de esperanza nun mundo por outro lado sombrío. Foron atraídos cada vez máis ao traballo de fotógrafos como Ansel Adams, cuxas fotografías sorprendentemente detalladas do oeste americano foron vistas como un "testemuña pictórica... de inspiración e poder redentor".[1]

Ao mesmo tempo, os traballadores de todo o país estaban comezando a organizarse por mellores salarios e condicións de traballo. Houbo un crecente movemento entre os oprimidos economicamente a unirse por solidariedade e como forza negociadora, e os fotógrafos participaron directamente nesas actividades. Pouco antes de que se formase o Grupo f/64, Edward Weston foi a unha reunión do John Reed Club, que se fundara para apoiar a artistas e escritores marxistas.[4] Esa circunstancia non só axudou a crear a situación na cal un grupo de amigos con ideas afíns decidiron agruparse en torno a un interese común, senón que xogaron un significante papel na forma na que pensaban sobre o seu esforzo. O Grupo f/64 era máis que un grupo de artista; describíanse a si mesmos como comprometidos nunha batalla contra unha "marea de pictorialismo opresivo", con todas as connotacións políticas que o nome implica.[4]

Mentres estaba pasando todo este cambio social, os fotógrafos estaban loitando por redefinir o que parecía o seu medio e que debía representar. Ata a década de 1920 a norma estética principal da fotografía foi o pictorialismo, defendido por Alfred Stieglitz e outros como a forma máis elevada de arte fotográfica. Ese feito comezou a cambiar a principios desa década cunha nova xeración de fotógrafos como Paul Strand e Imogen Cunningham, pero cara finais da década non había un sucesor claro ao pictorialismo como unha forma común de arte visual. Fotógrafos como Weston estaban cansos da vella forma de ver e estaban desexosos de promover a súa nova visión.

Formación e participantes[editar | editar a fonte]

Imogen Cunningham: Succulent, 1920.

O Grupo f/64 creouse cando os fotógrafos Willard Van Dyke e Ansel Adams decidiron organizar a algúns dos seus compañeiros co propósito de promocionar un principio estético común. Van Dyke era un aprendiz de Edward Weston, a a principios da década de 1930 creou unha pequena galería fotográfica na súa casa no 683 da rúa Brockhurst, en Oakland (California). El falou da galería 683 como a nosa forma de amosar o seu traballo á xente de Nova York que non os coñecía,[5] facendo unha referencia directa a Stieglitz e á súa galería chamada 291. A galería/casa de Van Dyke converteuse nun lugar de reunión para un pechado círculo de fotógrafos que finalmente sería o núcleo do Grupo f/64.

En 1931 a Weston déronlle unha exposición no M.H. de Young Memorial Museum de San Francisco, e debido ao interese do público nesa mostra os fotógrafos que se reunían na casa de Van Dyke decidiron organizar unha exposición colectiva do seu traballo. Convenceron ao director do de Young Museum para darlles un espazo, e o 15 de novembro de 1932 abriría a primeira exhibición do Grupo f/64 a grandes multitudes.[6]

Un pequeno póster na mostra dicía:

"Grupo f/64 -
anuncia unha exposición de fotografías no M. H. de Young Memorial Museum.
De cando en vez se lles pedirá a outros fotógrafos que mostren o seu traballo co Grupo f/64. Entre os invitados para a primeira mostra están:

Esta primeira exposición estivo formada por 80 fotografías, incluídas 10 de Adams, 9 de Cunningham, Edwards, Noskowiak, Swift, Van Dyke e Edward Weston, e 4 de Holder, Kanaga, Lavenson e Brett Weston. As impresións de Edward Weston foron vendidas por 15 dólares cada unha; as dos demais artista venderíanse por 10 dólares. A mostra durou seis semanas.[6]

En 1934 o grupo publicou un aviso na revista Camera Craft que dicía: "O grupo F:64 inclúe entre os seus membros a nomes tan coñecidos como Edward Weston, Ansel Adams, Willard Van Dyke, John Paul Edwards, Imogene [sic] Cunningham, Consuela [sic] Kanaga e varios outros."[6] Aínda que este anuncio implica que todos os fotógrafos da primeira mostra eran "membros" do Grupo f/64, non todos os individuos se consideraban como tales. Nunha entrevista posteriormente na súa vida Kanaga dixo: "Estaba nesa mostra de f/64 con Edward Weston, Imogen Cunningham, Willard Van Dyke e Ansel Adams, pero non estaba nun grupo, nin pertencín a nada nunca. Non era un membro".[7]

Algúns historiadores da fotografía ven ao Grupo f/64 como unha facción organizada formada polos sete primeiros fotógrafos, e ven aos outros catro como asociados ao grupo en virtude da súa estética visual.[6] Porén, nunha entrevista en 1997 Dody Weston Thompson dixo que en 1949 fora invitada a unirse ao Grupo f/64.[8] Tamén contou que o seu marido Brett Weston, co que casara en 1952, tamén se consideraba a si mesmo membro. Isto suxire que é difícil delimitar absolutamente os membros en termos históricos ao ter cambiado a súa composición social informalmente durante os anos 30 e 40.

Nome e propósito[editar | editar a fonte]

Hai algunha diferenza de opinión sobre como foi bautizado o grupo. Van Dyke recordou que nun primeiro momento el suxeriu o nome "US 256", que era entón a designación do Uniform System comunmente usada para aperturas moi pequenas en lentes de cámaras. Segundo Van Dyke, Adams pensou que o nome podería ser confuso para o público, e este último suxeriu "f/64", que era a correspondente configuración de apertura para o sistema focal que estaba gañando popularidade. Porén, nunha entrevista en 1975 Holder recordou que el e Van Dyke idearon o nome durante unha viaxe en ferri dende Oakland a San Francisco.[6] En calquera caso, o nome converteuse no agora famoso Grupo f/64.

O termo f/64 refírese a unha configuración de apertura pequena nunha cámara de gran formato, a cal asegura unha gran profundidade de campo, o que fa que unha fotografía estea uniformemente nítida dende o primeiro plano ata o fondo. Unha pequena apertura ás veces implica unha longa exposición e polo tanto ter que elixir obxectos a fotografar quietos ou con movemento lento, como paisaxes e bodegóns, pero coa luz xeralmente brillante de California ese é un factor pouco importante á hora de escoller tema que o tamaño e a torpeza das cámaras, en comparación coas cada vez máis pequenas cámaras usadas en fotografía de acción e de reportaxe nos anos 30.

Isto correspóndese co ideal de fotografía directa que o grupo defendía en resposta aos métodos do pictorialismo que aínda estaban de moda nese momento en California (a pesar de que en Nova York facía tempo que non se levaban).

A convención fotográfica contemporánea denota as aperturas de lente cunha barra, como f/22 ou f/64, pero nos seus escritos o grupo sempre usaba un punto no seu lugar, como en "f.64".

Historia[editar | editar a fonte]

Tras a súa primeira mostra en 1932, os rexistros indican que algunhas ou todas esas fotografías foron expostas en Los Angeles, Seattle, Portland e Carmel-by-the-Sea. Non hi listas detalladas das fotos desas mostras, polo que foi imposible dicir que imaxes foron expostas.[6]

Cara 1934 os efectos da Gran Depresión estaban sentíndose por California, e o membros do grupo tiveron unha serie de complicadas discusións sobre as premisas da arte nese tempos económicos difíciles. Os efectos da depresión, xunto coa marcha de varios integrantes do grupo de San Francisco (como Weston que se mudou a Santa Barbara (California) para estr co fillo e Van Dyke que marchou a Nova York) levaron á disolución do Grupo f/64 cara finais de 1935. Moitos dos seus membros continuaron fotografando e agora son coñecidos como algúns dos artistas máis influentes do século XX.

As coleccións máis completas de impresións dos fotógrafos do Grupo f/64 atópanse na actualidade no Center for Creative Photography e no San Francisco Museum of Modern Art.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Hirsch, Robert (2000). Seizing the Light: A History of Photography. McGraw-Hill. pp. 245–246. ISBN 0-697-14361-9. 
  2. Encarta (ed.). "Great Depression in the United States". Consultado o 24 de novembro de 2014. 
  3. James Roark; et al. (2007). The American Promise: A Compact History II (3ª ed.). Bedford/St. Martin's. p. 610. ISBN 0-312-44842-2. 
  4. 4,0 4,1 David Peeler (2002). In Original Sources: Art and Archives at the Center for Creative Photography (edited by Amy Rule and Nancy Solomon). Center for Creative Photography. pp. 107–110. 
  5. Morse, Helen (xuño de 1978). "Willard Van Dyke: A Portfolio". 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Heyman, Therese Thau (1992). Seeing Straight: The f.64 Revolution in Photography. Oakland Museum. pp. 20–24. 
  7. Margaretta K. Mitchell (1979). Recollections: Ten Women of Photography. Nova York: Viking Press. pp. 158–160. 
  8. Youtube.com (ed.). "Exposures: The History of American Landscape Photography". Consultado o 25 de novembro de 2014.