Golgona Anghel
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1979 (44/45 anos) Romanía |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Portugal |
Educación | Universidade de Lisboa |
Actividade | |
Campo de traballo | Literatura portuguesa, literatura española, literatura Latino-americana (pt) e Filosofía continental |
Ocupación | escritora , poeta , profesora universitaria |
Empregador | Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa (2019–) |
Lingua | Lingua portuguesa |
Golgona Luminita Anghel das Neves, nada no ano 1979 na Iliria Oriental, é unha poeta de nacionalidade romanesa que escribe especialmente en lingua portuguesa, mais tamén en lingua castelá.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Golgona Anghel trasladouse a Lisboa co pai, que traballaba de cónsul de Romanía nesa cidade. No ano 2003 licenciouse en Linguas e Literaturas Modernas pola facultade de letras da Universidade de Lisboa e, tras realizar un posgrao en Dereito da Unión Europea o ano seguinte, decidiu ficar na capital portuguesa para facer un doutoramento en Literatura portuguesa nesa mesma facultade. Fala e escribe varios idiomas, entre os que se atopan o portugués, o francés, o castelán e o italiano.[1]
A poeta determinou facer a súa carreira poética en lingua portuguesa. Máis tarde admitiu que en Romanía non era quen de escribir por mor da presión "dos clásicos"[2]. Actualmente é profesora e investigadora auxiliar na Universidade de Lisboa. No tocante á súa obra, Golgona Anghel é principalmente poeta, mais tamén publicou e dirixiu traballos de investigación e fixo traducións.
Como poeta publicou tres libros e recibiu abondosas críticas positivas, así como algúns premios de prestixio. O seu poemario máis celebrado é, se cadra, Vim porque me pagavam, do que se dixo que era "un dos libros de poemas máis interesantes de entre aqueles que foran publicados nos últimos tempos en Portugal e un dos mellores escritos por unha xove poeta, que colle os dividendos ao mesmo tempo que paga as débedas do proxecto que honesta e conscientemente promete cos seus versos"[3].
O obxecto da súa poesía foi definido por ela mesma como "unha busca da esencia"[4]. A súa produción poética está ateigada de referencias culturais e tamén pop, con reflexións meta-literarias e artísticas. Alén diso, destaca o seu gosto polo cotián e a teima na creación dunha especie de épica do banal, reflectida na defensa de personaxes secundarias de obras da literatura portuguesa e no rexeitamento polas personaxes principais. Quer no contido, quer na forma e mais a linguaxe, a súa poesía amosa unha forte tendencia á mestura de contrarios: o universal e o concreto, o cotián e o extraordinario, o popular e o culto, o antigo e o moderno etc.
Obra publicada[editar | editar a fonte]
Poesía[editar | editar a fonte]
- Crematório sentimental - Guia de Bem-Querer (2007)
- Vim porque me pagavam (2011)
- Como uma flor de plástico na montra de um talho (2013)
- Nadar na piscina dos pequenos (2017)
Obra ensaística[editar | editar a fonte]
- Eis-me acordado muito tempo depois de mim - uma biografia de Al Berto (2006)
- Al Berto, Diários [ed.] (2012)
- Cronos decide morrer, viva Aiôn, Leituras do tempo em Al Berto [ed.] (2013)
Premios[editar | editar a fonte]
- III Premio de Poesia da Facultade de Dereito, Universidade de Lisboa. (2005)
- PEN CLUBE Português de Poesia 2013, Sociedade Portuguesa de Autores (2013)
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "Portal DeGóis - Plataforma Nacional de Ciência e Tecnologia". www.degois.pt. Consultado o 2016-01-14.
- ↑ "Miguel, Nuno, Beatriz, Ana, Inês, Manuel, Marta, Golgona, David, Diogo: poetas como nós". PÚBLICO. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2016. Consultado o 2016-01-14.
- ↑ David Teles Pereira, Público
- ↑ "Golgona Anghel interviewed by Ricardo Marques - Poems from the Portuguese". www.poemsfromtheportuguese.org. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2017. Consultado o 2016-01-14.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Currículum na Plataforma DeGóis
- Entrevista por Ricardo Marqués (en inglés) Arquivado 13 de abril de 2017 en Wayback Machine.