Xermán Quintela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Germán Quintela Novoa»)
Xermán Quintela
Nacemento28 de agosto de 1908
Lugar de nacementoTrenque Lauquen
Falecemento26 de xuño de 2001
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeEspaña e Arxentina
Ocupaciónmédico e político
editar datos en Wikidata ]

Germán Quintela Novoa, nado en Trenque Lauquen (provincia de Buenos Aires) o 28 de agosto de 1908 e finado en Buenos Aires o 26 de xuño de 2001, foi un médico e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo galegos emigrados a Trenque Lauquen, a familia retornou a Galicia e instalouse en Vilagarcía de Arousa onde pasou a infancia e adolescencia ata rematar o bacharelato. Estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en 1931. Durante a carreira, formou parte da Federación Universitaria Escolar (FUE) da que foi director do seu Servizo Bibliográfico.[1] Posteriormente fixo o doutoramento en Madrid. Retornou a Vilagarcía de Arousa onde exerce como médico. Integrouse no Partido Galeguista e foi presidente do grupo de Vilagarcía en 1933.[2] Formou parte da Comisión para erixir un monumento a Manuel Antonio na Illa Malveira en 1935.[3]

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 15 de agosto. Xulgado en Pontevedra por auxilio á rebelión o 21 de xaneiro de 1937 con outros republicanos de Vilagarcía, foi acusado de separatista e "antiespañolista" e de pertencer ao Partido Galeguista. Foi absolto, pero cunha proposta de sanción económica.[4] Houbo de repetirse o consello de guerra por "omisión dun dos trámites".[5] Estivo preso na Illa de San Simón ata marzo de 1937. O seu pai tivo que pagar unha importante cantidade de diñeiro en concepto de "responsabilidades políticas" para sacalo da cadea e que non continuase o seu proceso represivo. Pasados uns meses, e valéndose da súa condición de cidadán arxentino, marchou a Buenos Aires en febreiro de 1938 a través de Lisboa.

Fixo a reválida da carreira de Medicina para exercer a profesión legalmente e ese mesmo ano ingresou no corpo médico do Sanatorio do Centro Gallego de Buenos Aires, do que foi subdirector anos máis tarde. Compaxinou este traballo cunha praza de médico no Hospital Tornú especializado en enfermidades do pulmón e do corazón. Tamén exerceu como médico privado e chegou a ser médico da policía bonaerense, sendo destituído coa chegada de Juan Domingo Perón ao poder. Foi secretario do Instituto Argentino de Cultura Gallega.

Traduciu ao galego con Rodolfo Prada A Ernia Inguinal simpre, seu tratamento quirúrxico de Xosé Alexandre López (Buenos Aires, Edic. Galicia del Centro Gallego, 1973).[6]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Amalia de Giácomi Fontana.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 7-5-1931, p. 1.
  2. El Pueblo Gallego, 17-1-1933, p. 5.
  3. El Pueblo Gallego, 14-2-1935, p. 1.
  4. El Diario de Pontevedra, 22-1-1937, p. 2.
  5. El Diario de Pontevedra, 1-2-1937, p.2.
  6. Os traballos terminolóxicos en lingua galega: Unha aproximación á súa situación e ás súas necesidades

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]