Saltar ao contido

Gemini 12

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gemini XII»)
Gemini 12
Insignia da misión Gemini 12
TipoTripulado
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera.[1]
Data de lanzamento11 de novembro de 1966, 20:46:33.419 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorTitan II GLV[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-19[2]
Duración da misión3,94 días (94 horas, 34 minutos e 31 segundos)[6]
Obxectivo da misiónExperimentos e prácticas de manobras con nave tripulada.[2]
Decaemento15 de novembro de 1966[1]
NSSDC ID1966-104A
Masa3762,1 kg[2][6]

Gemini 12 foi unha das misións tripuladas do programa Gemini. A tripulación da Gemini 12 estaba formada por Edwin Aldrin e Jim Lovell, sendo a tripulación de apoio Gordon Cooper e Eugene Cernan.[2][6]

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Gemini 12 foi a décima e última misión do programa Gemini. Foi lanzada o 11 de novembro de 1966 ás 20:46:33.419 UTC (15:46:33 EST) desde o Complexo 19 de Cabo Cañaveral e insertado nunha órbita inicial de 160,8 km de perixeo e 270,6 km de apoxeo. A cápsula Gemini atopouse co GATV 12 (Gemini Agena Target Vehicle 12) ás 19:32 EST. O GATV 12 foi lanzado unha hora e media antes que a Gemini 12. O acoplamento entre as dúas naves completouse 28 minutos máis tardes, ás 4 horas e 14 minutos do inicio da misión, na terceira órbita, e debido a un fallo co radar fíxose visualmente. O GATV sufriu unha anomalía no seu sistema de propulsión principal durante a inserción en órbita, polo que o control da misión decidiu non usalo para elevar a órbita das naves acopladas, tal como estaba previsto. No seu lugar usouse o sistema de propulsión secundario para mover as naves mediante dúas manobras ata o punto onde se produciu a eclipse total do 12 de novembro sobre Suramérica, sobre as 9:20 EST, para ser observado e fotografiado pola tripulación.[2][6]

O primeiro paseo espacial comezou ás 11:15 EST do día 12 coa apertura do zapón, con Aldrin saíndo para instalar unha cámara no exterior da nave e recuperar un experimento de micrometeoritos. A caminata durou 2 horas e 29 minutos, e Aldrin volveu á nave ás 13:44 EST. O día seguinte ás 7:16 os astronautas informaron de que dous dos propulsores non producían pulo. Ás 10:34 EST Aldrin levou a cabo a segunda caminata espacial, unido mediante un umbilical á nave, traballando na sección do zapón e do cono de atraque para facer distintas tarefas manuais entre as que se contaba unir polos seus conos de atraque a Gemini 12 e o GATV 12 cun cable de 30 metros de longo. Durante a caminata planeáronse ata doce descansos duns dous minutos de duración para evitar o esgotamento que afectou ós astronautas das previas misións Gemini. Aldrin volveu á cabina da nave ás 12:33 EST, pechándose o zapón ás 12:40, co que o paseo espacial durou 2 horas e 6 minutos.[2][6]

Aldrin nun dos seus paseos espaciais durante a misión Gemini 12.

A Gemini 12 separouse do GATV ás 15:09 para estirar o cable de 30 metros totalmente e comezar o experimento de gravidade artificial por rotación das dúas naves unidas polo cable. A tripulación soltou o cable ás 19:37. O día 14 ás 9:52 EST Aldrin comezou a terceira caminata que incluíu a realización de fotografías e varios experimentos e a eliminación de equipamento que xa non ía usarse máis. Tras 55 minutos Aldrin volveu á cabina, que foi pechada ás 10:47 EST. A tripulación informou de problemas menores con algunha célula de combustible e cos propulsores, pero non afectaron ó desenvolvemento da misión.[2][6]

A secuencia automática de reentrada atmosférica comezou co disparo dos retrofoguetes ao final da volta 59 arredor da Terra, o 15 de novembro ás 13:46:31 EST. O amaraxe tivo lugar ás 14:21:04 no Atlántico occidental, a 24,58° N e 69,95° O, a 4,8 km do punto planeado. A tripulación foi recollida polo U.S.S. Wasp ás 14:49 e a cápsula ás 15:28. O tempo total transcorrido da misión foi de 94 horas, 34 minutos e 31 segundos. Tódolos obxectivos da misión se cumpriron excepto as manobras co motor principal do GATV polos problemas detectados ao inicio da misión.[2][6]

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "GEMINI 12" (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (14 de maio de 2012). "Gemini 12" (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2013. 
  3. "Letter dated 21 March 1967 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (67-07072). 31 de marzo de 1967: 2. Consultado o 24 de marzo de 2020. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Gemini XII" (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2013. 
  5. Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Gemini 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12" (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Mark Wade (2011). "Gemini 12" (en inglés). Consultado o 15 de febreiro de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]