Gemini 8

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gemini 8
A cápsula Gemini 8 en exhibición no Museo do Aire e do Espazo en Wapakoneta, Ohio.
TipoTripulado
OrganizaciónNASA
Destino actualReentrado na atmosfera.[1]
Data de lanzamento16 de marzo de 1966, 16:41:02,389 UTC[1][2][3][4]
Foguete portadorTitan II GLV[2][5]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-19[2]
Duración da misión0,45 días (10 horas, 41 minutos e 26 segundos)[2][6]
Obxectivo da misiónExperimentos e prácticas de manobras con nave tripulada.[2]
Decaemento17 de marzo de 1966[1]
NSSDC ID1966-020A
Masa3789,0 kg[2][6]

Gemini 8 foi a sexta misión tripulada do programa Gemini. A tripulación estaba formada por Neil A. Armstrong e David R. Scott, sendo a tripulación de apoio Charles Conrad e Richard F. Gordon.[2][6]

Desenvolvemento da misión[editar | editar a fonte]

Gemini 8 foi a sexta misión tripulada do programa Gemini. Os obxectivos da misión foron facer prácticas de cita espacial e acoplamentos coa nave non tripulada GATV 8, lanzada previamente, e facer prácticas de paseo espacial. Como obxectivos secundarios, a misión incluía situar o GATV 8 nunha órbita circular de 410 km de altura, avaliar os sistemas da nave e demostrar unha reentrada atmosférica controlada. Gemini 8 tamén levaba a bordo dez experimentos relacionados coa tecnoloxía, a medicina e outras areas científicas.[2][6]

Gemini 8 foi lanzada o 16 de marzo de 1966 ás 16:41:02,389 UTC (10:41:02 EST) desde o Complexo 19 de Cabo Cañaveral e insertada nunha órbita inicial de 159,9 km de perixeo e 271,9 km de apoxeo. Durante as seis horas seguintes manobrou para atoparse co GATV 8, lanzado unhas horas antes. A fase de cita espacial concluíu ás 16:39 EST, coas naves estacionadas a unha distancia de 45 metros a unha da outra. Media hora máis tarde a Gemini 8 acercouse para acoplarse co GATV, ás 17:14, durante a quinta órbita, converténdose no primeiro acoplamento que tivo lugar no espazo.[2][6]

Uns 27 minutos despois do acoplamento, o conxunto comezou a xirar de maneira incontrolada. Armstrong desacoplou a cápsula do GATV, empeorando o xiro e facéndoo máis rápido, chegando e posiblemente superando unha velocidade de rotación dunha volta por segundo, corréndose o risco de que os astronautas quedaran inconscientes. Os astronautas desactivaron o sistema de control de actitude (OAMS polas súas siglas en inglés) da cápsula, usando os 16 propulsores do sistema de control de reentrada (RCS) para eliminar o xiro. A manobra tivo éxito, quedando a nave estabilizada ás 18:06:30 á custa de ter usado o 75% do propelente do RCS. Unha análise do problema do xiro atopou que a causa estivera no propulsor número 8 do OAMS, que quedou encendido debido a un curtocircuíto durante as manobras co GATV acoplado.[2][6]

O GATV 8 visto desde a Gemini 8.

O control de terra programou un regreso inmediato da cápsula en virtude das normas de seguridade, ó terse consumido a maior parte do propelente do RCS. O resto de actividades da misión foron canceladas. Os retrofoguetes foron encendidos na sétima órbita, ás 21:45:49 EST e tan só 10 horas tras o lanzamento. A cápsula amarou ás 22:22:28 EST (aínda que na zona de amaraxe era de día) sen problemas no océano Pacífico occidental, a 800 km ó oeste de Okinawa, a 25,22° N e 136,00° E, a 2 km do punto calculado de amaraxe. O tempo total de misión foi de 10 horas, 41 minutos e 26 segundos. A tripulación foi recollida polo U.S.S. Mason ás 1:28 EST do 17 de marzo e cápsula ás 1:37.[2][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "Gemini 8" (en inglés). Consultado o 2 de marzo de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 NASA (14 de maio de 2012). "Gemini 8" (en inglés). Consultado o 2 de marzo de 2013. 
  3. "Letter dated 17 June 1966 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF) (66-18758). 18 de xullo de 1966: 3. Consultado o 24 de marzo de 2020. 
  4. Claude Lafleur (2010). "Gemini VIII" (en inglés). Consultado o 2 de marzo de 2013. 
  5. Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Gemini 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12" (en inglés). Consultado o 2 de marzo de 2013. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Mark Wade (2011). "Gemini 8" (en inglés). Consultado o 2 de marzo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]