Galway hooker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Galway hooker (do irlandés: húicéir) é un barco de pesca tradicional usado na baía de Galway, na costa oeste de Irlanda. Esta embarcación foi deseñada especialmente para facer fronte aos mares axitados da zona e caracterízase por ter unha proa afiada e definida e unha notable inclinación do espello de popa. O seu velame está composto por un único mastro, unha vela principal e dous trinquetes. Este navío adoita ser de cor negra, polo seu revestimento de brea, e as velas dun marrón avermellado escuro[1].

Nos últimos anos estase observando un grande e renovado interese polo Galway hooker, que se segue a construír de forma meticulosa. No festival anual de Cruinniú na mBád[2] os barcos compiten por seren os primeiros en cruzar a baía de Galway dende Connemara ata Kinvara, no límite entre os condados de Galway e Clare.

Tipos de Galway hooker[editar | editar a fonte]

Diferéncianse catro tipos de barcos, todos con nome de orixe irlandesa. O Bád Mór (barco grande) oscila entre os 10,5 e 13,5 metros de lonxitude. Nun tamaño intermedio atopamos o Leathbhád (barco medio), cunha lonxitude aproximada de 10 metros. Ámbolos dous teñen cuberta na parte dianteira, a partir do mastro. Estas embarcacións utilizábanse para o transporte de turba, que se usaba como combustible na baía de Galway, dende Connemara e o condado de Mayo ás illas de Aran e ao Burren. Nas viaxes de retorno adoitaban traer cal, que se empregaba para neutralizar as terras ácidas de Connemara e Mayo. O Gleoiteog oscila entre os 7 e os 9 metros de lonxitude, e conta coas mesmas velas e aparello co Bád Mór e o Leathbhád. Esta embarcación utilizábase para a pesca e o transporte de mercancías. Outra nave, o Pucán, é similar en dimensións ao Gleoiteog, pero cunha vela ao terzo e un foque. Estas pequenas embarcacións eran totalmente abertas.

Tamén existe unha clase de embarcación cunha cabina de mando sobre o tanque de lastre, empregada para a pesca. Cando os colonos irlandeses establecidos en Boston precisaron dunha nave para pescar, construíron o navío propio da súa terra natal. Estas naves pasaron a ser coñecidas como Boston Hookers, Irish Cutters, en informes oficiais, ou  Paddy Boats (“Paddy” é un termo con connotacións negativas co que denominaban aos irlandeses)[3].

Aínda que é unha embarcación moi útil, adecuada para as augas pouco profundas da baía de Galway e fácil de atracar onde sexa necesario, o Galway hooker non posúe un camarote nin un francobordo que sexa alto, o que a fai propensa a anegarse e afundir en pouco tempo.

No inédito Inventario de Naufraxios da Baía de Galway recóllense oitenta e dous naufraxios deste tipo de embarcacións, ocorridos entre 1750 e 1938, 59 dos cales datan do século XIX.  A día de hoxe non se coñecen rexistros previos ao século XVIII. Durante este período o cargamento adoitaba almacenarse en caixas de madeira impermeabilizadas con aceite de pescado.

Orixe[editar | editar a fonte]

A orixe da embarcación é difusa. No ano 1983, a publicación de Os Galway hookers: Veleiros de traballo da Baía de Galway de Richard J. Scott[4], xa pola súa cuarta edición, foi un detonante para o rexurdimento do interese na construción destes barcos, xa que nela aparecían por primeira vez os planos detallados da estrutura e da vela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

"The Galway hooker". Sitio web da Galway Hooker Association.

"Galway hookers - history afloat", por Eleanor M. Hough. web.archive.org. Consultado o 26 de abril de 2020.

O'Dowd, Peadar (1993). Down by the Claddagh. Kennys Bookshop and Art Galleries. ISBN 978-0906312391.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The Galway hooker" Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.. Sitio web do Galway City Museum. Consultado o 23 de abril de 2020.
  2. Cruinniú na mBád Festival. Galway Tourism travel guide. Consultada o 23 de abril de 2020
  3. Chapelle, Howard I. (1951) American Small Sailing Craft. W W Norton & Co. ISBN 978-0393031430.
  4. Scott, Richard J. (1983) The Galway Hookers. Ward River Press. ISBN 0-907085-58-X