Galvanismo
O galvanismo é unha teoría neurolóxica desenvolvida por Luigi Galvani, segundo a cal o cerebro dos animais produce electricidade que é transferida polos nervios, acumulada nos músculos e disparada para producir o movemento dos membros. Esta singular teoría percorreu os claustros universitarios europeos entre finais do século XVIII e primeiras décadas do XIX. Os experimentos con animais, e ata con cadáveres humanos, alentaban a secreta esperanza de que, mediante a electricidade, puidesen sanarse enfermidades que provocaban parálises e aínda reanimar un corpo morto. Esas experiencias poden considerarse un remoto antecedente do desfibrilador cardíaco moderno.
En 1818, na universidade de Glasgow, o médico Andrew Ure marabillou un auditorio cheo de xente aplicando corrente ao nervio frénico esquerdo e ao diafragma do cadáver dun axusticiado na forca, co que logrou a reanimación do corpo. Todo terminou nun frenético festival de horror cando se aplicou corrente ao nervio supraorbital e ao talón. A medida que subía a voltaxe, "exhibíronse as muecas máis horribles. Rabia, horror, desesperación, angustia e sorrisos espantosos acompañaron a súa horrible expresión no rostro do asasino", narrou o propio Ure.
Dous anos antes, nun castelo suízo, Mary Shelley concibira a novela Frankenstein ou o moderno Prometeo, na que é moi clara a referencia aos experimentos que entón se facían coa electricidade, que apaixonaban ao marido de Mary, o poeta Percy Bysshe Shelley, e ao grupo de intelectuais que a rodeaba. A teoría dun fluído eléctrico nervioso, producido polo cerebro, conducido polos nervios e almacenado nos músculos, foi abandonada polos científicos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Galvanismo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Galvanismo en Corrosion Doctors (en inglés).