Saltar ao contido

Gálatas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Galateos»)
Guerreiro galata ferido, estatua da Agora dos Italianos en Delos, 100 A.C. aprox., Museo Nacional de Arqueoloxía de Atenas
A famosa escultura helenística gálata moribundo foi feita en recordo da vitoria de Atalo I Soter sobre os gálatas. Que se chame galo moribundo débese a que os gálatas eran un pobo galo, e non se lles chamou polo seu nome actual ata que se asentaron en Capadocia e fundaron o país de Galacia

Os gálatas ou galateos foron un pobo celta que se asentou no centro da península de Asia Menor en torno ó século III antes de Cristo.

Invasión

[editar | editar a fonte]

Procedentes da Galia, foron parte dunha invasión de galos cara oriente. Atravesaron Bulgaria, e chegaron a Anatolia pasando por Grecia e polo estreito de Dardanelos.

Os costumes dos gálatas sorprenderon ós helenos, pois estes vían con asombro que, tralas súas derrotas, os guerreiros deste pobo se inmolasen xunta ás súas mulleres.

A chegada dos gálatas a Asia Menor non foi pacífica, senón moi violenta, de xeito que os gálatas facilmente venceron os países que aquí existían, ós que saquearon e impuxeron tributos. O rei de Pérgamo Eumenes I logrou salvarse do seu ataque posiblemente grazas a pagarlle tributo, pero o seu sobriño e sucesor Atalo I Soter (salvador) venceu ós gálatas e logrou expulsalos, e estes tiveron que retirarse da rexión.

Asentamento

[editar | editar a fonte]

Os gálatas retiráronse entón a Capadocia, no centro de Anatolia, onde se estableceron e crearon o país de Galacia. A partir deste momento son chamados tal como se coñecen hoxe, gálatas ou galateos.

Os gálatas deixaron no centro de Turquía a súa pegada, que se reflicte en que moitos turcos desta rexión teñan trazos que poden considerarse europeos, coma pelo loiro ou ollos azuis.

A capital turca, Ancara, atópase no lugar que antigamente ocupaban os gálatas. Esta cidade xa existía moito antes da invasión deste pobo, e foi fundada polos pobos hatti, o pobo que vivía na rexión xa antes de ser invadida polos hititas.

Constancia na Biblia

[editar | editar a fonte]

Como a tantos outros pobos, o apóstolo San Paulo envía unha epístola ós gálatas, coa fin de darlles a coñecer as ensinanzas de Xesucristo e cristianizalos.

O libro da Biblia no que se atopa esta epístola é a Carta de San Paulo ós gálatas, que ten como abreviatura Gal.