Gaiferos de Salerno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gaiferos de Salerno
Nacemento835
Lugar de nacementoSalerno
Falecemento880
Lugar de falecementoTeano
PaiDaufer Mutus
CónxuxeLandelaicha of Capua
FillosGuaimaro I de Salerno
Na rede
WikiTree: Salerno-37
editar datos en Wikidata ]

Gaiferos de Salerno, nado circa 835 e finado en 880, foi o príncipe longobardo de Salerno do 861 ao 880.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Dauferio o Mudo e neto de Dauferio o Profeta, foi o primeiro da estirpe dos Dauféridas en se sentar no trono de Salerno, que foi rexido ininterrompidamente pola súa familia ata o 977.

A súa irmá Adelchisa foi esposa de Sicardo de Benevento, asasinado por Radelchis quen lle usurpou o trono (839). Gaiferos deu a súa axuda á liberación de Siconulfo, irmán de Sicardo, e loitou aos eu carón na guerra de dez anos contra Radelchis, ata a proclamación de Siconulfo como príncipe de Salerno. Co capitular de 851, ratificado polo emperador Lois II, o gran Ducado de Benevento foi oficialmente dividido entre Benevento e Salerno e Siconulfo foi confirmado como soberano do novo Principado. O fillo e herdeiro de Siconulfo, Sicón II, caeu baixo o control do rexente Pedro, quen usurpou o trono e foi recoñecido como príncipe polo emperador en decembro do 853. A este sucedeuno o seu fillo Ademaro, cuxo goberno foi ata tal punto impopular que a partir do 859 as fortes aspiracións autonomistas do feudo de Capua, vasalo de Salerno, remataron cunha mingua notábel da autoridade do príncipe.

No 861 a situación precipitouse e Gaiferos púxose á fronte dunha revolta contra Ademaro. O soberano foi mandado á cadea, torturado e cegado, mentres Gaiferos era proclamado príncipe. Para reforzar a propia posición, mandou ao exilio un sobriño seu, tamén un representante dos Dauféridas, para se liberar de todos os rivais ou pretendentes ao trono. O ascenso de Gaiferos foi vista como unha rebelión en toda regra polo emperador Lois II, o cae, afortunadamente para Gaiferos, estaba ocupado noutros asuntos.

Ao principio do seu reinado, os impulsos independentistas de Capua non se calmaran aínda. Ao contrario, estas acentuáronse baixo a guía do conde Landulfo II, que intentou liberar o seu dominio do poder salernitano. Pero Gaiferos deu contido a inminente rotura retendo ben firmemente o feudo de Capua dentro dos territorios do Principado. Precisamente para reforzar as relacións co vasalo rebelde, Gaiferos casou con Landelaica, filla de Lando I de Capua, da que tivo un fillo, o futuro príncipe Guaimaro.

No 856 fundou o mosteiro de San Massimo, dentro do cal atoparon sepultura os seus descendentes, e no 868 concedeulle grandes doazóns de terras e de diñeiro. Non obstante a súa posición de príncipe cristián, non entrou case nunca en conflito cos sarracenos, dos que, polo contrario, parece que foi tamén feudatario por algún tempo (así o di o historiador Erchemperto). No 871-72 Salerno sufriu tamén un violento cerco por parte dos musulmáns, que, con todo, non a deron conquistado. No 880 quixo retirarse no mosteiro de Montecassino (se cadra viuse obrigado), pero morreu durante a viaxe. Sepultárono na igrexa de Teano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Caravale, Mario (ed). Dizionario Biografico degli Italiani: LX Grosso – Guglielmo da Forlì. Roma, 2003.