Principado de Salerno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Principado de Salerno foi un principado longobardo do sur da Península Itálica nado o ano 851.

Historia[editar | editar a fonte]

A península italiana polo ano 1000.

O ano 839 morre o príncipe de Benevento Sicardo. O xefe do exército Radelchis (Radelchis) apoderouse do poder e proclamouse no seu lugar. O irmán e herdeiro de Sicardo, Siconulfo, foi encarcerado en Taranto, porén foi rescatado por barcos de Amalfi e levado a Salerno, onde foi proclamado príncipe. Inmediatamente iniciouse unha guerra civil que iría durar dez anos. Coa intervención do emperador do Occidente Lois o Xermánico (847) decidiuse pola división do principado en dous, con sedes en Benevento e Salerno respectivamente. En 849 o rei de Italia oficializou a división.

O acabado de crear principado de Salerno tiña como principais cidades Salerno, Taranto, Cassano, Cosenza, Paestum, Conza, Sarno, Cimitile (Nola), Capua, Teano e Sora. A súa proximidade ao mar Adriático e os seus numerosos portos converteron o principado nun poderoso territorio marítimo. Os primeiros anos do principado serían convulsivos até a chegada ao poder de Gaiferos, que nun reinado de 19 anos, estabilizou o país. En pouco tempo o principado de Salerno superou o de Benevento. Durante este período creouse unha nova división territorial. O Principado de Capua tornouse independente creando o seu propio principado. Tecnicamente Salerno era dependente do Imperio Occidental, porén na práctica era un territorio independente, chegando mesmo a manter acordos cos sarracenos. Guaifero foi deposto polo seu fillo Guaimaro I. Este rompeu as alianzas cos sarracenos e aproximouse do emperador occidental Carlos o Calvo primeiro e co emperador bizantino Basilio I despois (887), chegando a recibir deste "devandito" o título de patricio.

O seguinte gobernante, Guaimaro II, levou o principado de Salerno a uns momentos álxidos. Tomou parte na batalla de Garigliano contra os musulmás o 915. O fillo de Guaimaro, Xisulfo I, tivo que superar unha tentativa de invasión de Xoán III de Nápoles e Landulfo II de Benevento. Posteriormente saíu na defensa de Pandulfo Testa de Ferro, que era príncipe de Capua e Benevento. Ao morrer sen descendentes decidiu entregar o principado a Landulfo. Entre 978 e 983 Salerno foi gobernado por príncipes de fora das casas de Capua e Amalfi. Neste último ano subiu ao poder Xoán, da casa de Spoleto. Con el e os seus sucesores o principado viviu un último período de esplendor. O seu fillo Guaimaro III tivo que enfrontar os ataques sarracenos, porén contou coa axuda de mercenarios normandos. Após o seu reinado floreceu a Schola Medica Salernitana.

Guaimaro IV uniu o seu principado co de Capua. Despois, coa axuda de Conrado II, emperador romano xermánico estendeu os seus dominios sobre as cidade-estado de Gaeta, Nápoles e Amalfi. O fillo de Conrado, Henrique III, sucesor seu, expulsou a Guaimaro de Capua o 1047 para limitar o seu poder. Aos poucos Salerno foi declinando. En 1077 o último príncipe longobardo Xisulfo foi derrotado polo normando Robert Guiscard, duque de Puglia. Salerno deixou de ser a capital dun próspero principado independente para pasar a ser a capital do ducado de Puglia, Calabria e Sicilia.

Príncipes de Salerno[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]