Freáns, Crespos, Padrenda
![]() | Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
![]() | Faltan ligazóns internas neste artigo ou sección. Por favor, axude wikificándoo. |
![]() | Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Coordenadas: 42°07′24″N 8°09′07″O / 42.123338, -8.151971
Freáns | |
---|---|
Parroquia | Crespos |
Concello | Padrenda |
Poboación | 28 hab. (2018) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Freáns é unha aldea do concello ourensán de Padrenda, pertencente á parroquia de Crespos e da comarca da Terra de Celanova.
Localización[editar | editar a fonte]
Esta aldea sitúase ao longo do quilómetro 30 da estrada OU-411.
Historia[editar | editar a fonte]
Situado na faldra de Pena Rubia, unha das montañas que rodean Freáns, podemos encontrar o único poboado castrexo e celta do concello de Padrenda. Este poboado era de Celtas de Hallstatt e foi chamado poboado Castrexo de Tontorras. Nel vivían os xefes dos clans, como o Druída e o Caudillo.
Por esta aldea transcorren as rutas chamadas Verea Real protexidas polas fortalezas de San Pedro de Grixó, dependentes do Alcázar de Milmanda. Para facer unha vixilancia máis permanente existía un asentamento na aldea de Freáns procedente do cuartel de San Pedro. O paso por Freáns era pola Ponte dos Liños, construción románica que aínda existe hoxe en día.
Na apertura de estradas e vías, Freáns foi testemuña da segunda e terceira da zona. En 1948 abriuse a que conectaba Mociños con Freáns. O ano seguinte empezou a apertura da que unía Freáns con Agra. Pero esta aldea non só contribuíu nas vías da zona, senón tamén na vida tradicional do concello. Os ríos sempre foron unha fonte de vida, xa que deles partían varias presas de regadío. Unha das oito principais presas pertencía a Freáns e partía desde Silbares ata Morgade. Ademais, na aldea había outras máis pequenas de regadío.
Seguindo cos vestixios que podemos atopar nesta aldea, na Parroquia de Crespos existen setenta e seis canastros, dos cales cinco pertencen a aldea de Freáns. Os canastros, tamén coñecidos como cabazos, cabeceiros ou canizos utilizábanse antigamente para secar o cereal, o millo ou para gardar mercadorías. Nesta zona son de pequeno tamaño con planta rectangular cunha cuberta a dúas aguas. Os pés eran de pedra, o habitáculo de madeira e a cuberta de tella ou lousa. A parte dos canastros, atópanse 16 muíños na aldea de Freáns ao paso do Río Gorgua.
Por último, en novembro de 1999, esta zona e os seus arredores pasaron a formar parte do réxime de protección xeral do parque natural da Baixa Limia.
Demografía[editar | editar a fonte]
O Instituto Nacional de Estadística (INE) recolle que en 2018 tiña 28 habitantes, dos cales 16 eran homes e 12 eran mulleres.
Vexetación e fauna[editar | editar a fonte]
Padrenda é un municipio montañoso cunha paisaxe agreste que destaca a montaña Pena Rubia, con 1 227 metros de altitude. Freáns atópase no val que forma esta montaña coa Serra do Xurés, polo que podemos atopar espesa vexetación de coníferas, frondosas, prados, carballos, ameneiros, piñeiros, loureiro, algún que outro eucalipto e castiñeiros. Ademais, tamén podemos atoparnos co Río Gorgua. Respecto á caza, abundan especies como o coello, a perdiz e o xabaril.
Patrimonio[editar | editar a fonte]
Tal é como se menciona na páxina web do concello de Padrenda, en 2011 creouse a primeira ruta de sendeirismo, non só da aldea, senón tamén do concello de Padrenda. Este percorrido, nomeado como <<Ruta dos muíños I>>, comeza dende a ponte da estrada OU-411 no quilómetro 30 e no seu cruzamento co río Gorgua, cunha lonxitude duns sete quilómetros. Nela podemos atopar antigos muíños a carón do río ao igual que <<As corgas do río Gorgua>>. A ruta finaliza na aldea de Gorgua.
No ano 2015 iniciouse a segunda ruta da aldea, <<Ruta dos muíños III>>, que comeza no Campo do Río ou Campo do Churrasco, que se sitúa do outro lado da ponte dende a que comeza a primeira ruta. A ruta III une a aldea de Freáns con Gresufe e San Roque, mentres deixa ao seu paso muíños, cascadas e a Ponte dos Liños. Esta ponte, que no pasado permitía o paso pola Verea Real, é de orixe romana e foi construída hai máis 1500 anos.
Respecto á paisaxe, cómpre visitar a Fraga de Castiñeiros, tamén coñecida como Fraga da Costeira ou As cañotas da Costeira. Sitúase na parte superior da aldea e é recoñecida como a fraga máis antiga de Galicia, xa que ten castiñeiros milenarios.
Por outro lado, tamén podemos atopar patrimonio relixioso, como a capela que se sitúa no centro da aldea, que pertence á parroquia de Crespos (San Xoán). A orixe da capela non se sabe con certeza. Segundo a páxina web de turismo da Xunta de Galicia, a capela foi construída no século XVIII e é de estilo barroco. Polo contrario, Eloy de Francisco Alonso, afirma no seu libro Historia del Concello de Padrenda que a capela é de estilo románico con reminiscencias góticas e do século XI. O escritor tamén asegura que no século XVII sufriu unha serie de danos na fronte, que foron reformados no século XVIII. Na reforma cambiaron o arco románico que tiña a capela por un lintel de pedra, que posteriormente, no ano 1960, foi substituído por un arco de formigón. Estas modificacións na capela poden ser os motivos polos que non se sabe con certeza cando foi construída.
Esta capela faille honor a Santa María Magdalena e a súa festividade celébrase o 22 de xullo de cada ano. Dentro da capela podemos atopar dúas imaxes da Santa. Unha delas é de pedra e perdeu a parte correspondente á cabeza. Segundo o escritor Eloy de Francisco Alonso, foi encontrada por uns pastores nunha pequena cova no monte, cerca do río Gorgua. Esta zona chámase Canella do Folón, pero tras o encontro da virxe, moita xente se refire a ela como Santa María. Pode pertencer ós séculos VII-VIII.
Outro símbolo relixioso e de interese turístico é o cruceiro. Localízase no terreiro e foi realizado polo escultor Raúl Comesaña, de Vigo, no ano 1973. Os gastos foron a cargo dos veciños de Freáns.
Festas[editar | editar a fonte]
As festas desta aldea son en honor a súa patroa María Magdalena, a cal lle dedican unha cerimonia os 22 de xullo de cada ano. Realízanse tendo en conta esta data e teñen unha duración de 3 días. O primeiro día da festa sempre comeza os xoves cunha sardiñada con pementos. Isto acompáñase con música e celebrase no terreiro da aldea. Os venres ó mediodía, tras unha cerimonia á Santa, realízase unha comida acompañada por unha charanga no Campo do Churrasco, na cal se ofrece empanada, polbo, churrasco, bebida, bica e café. Á noite celébrase unha verbena con orquestras no terreiro. Para rematar, o sábado á noite vólvese realizar outra verbena no mesmo lugar.
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
|
Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]
Lugares de Crespos[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Crespos no concello de Padrenda (Ourense) | |
---|---|
A Barxa | Alén | Ameán As Canles | As Lamas | Baltamarón | Carballal | Casal de Veco | Freáns | Gresufe | Morgade | O Pontillón | Redondelo | Requeixo | Rodenlas | San Amaro | San Roque de Crespos | Seoane | Zacumeira | Zaqueiradas |
Parroquias de Padrenda[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- De Francisco Alonso, E. (2012) Historia del Concello de Padrenda. Vigo, Ediciones Cardeñoso.