Francisco Salmerón
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Francisco Salmerón y Alonso 28 de maio de 1822 Torrejón de Ardoz, España |
Morte | 21 de novembro de 1878 (56 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | político, avogado |
Partido político | Partido Progresista |
Familia | |
Irmáns | Nicolás Salmerón |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Salmerón y Alonso (Francisco), p.410) |
Francisco María Salmerón y Alonso, nado en Torrejón de Ardoz o 28 de maio de 1822 e finado en Madrid o 21 de novembro de 1878, foi un político e ministro español. Foi o irmán máis vello de Nicolás Salmerón, Presidente do Goberno na Primeira República Española.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Xuventude
[editar | editar a fonte]Fillo de Francisco Salmerón López e de Rosalía Alonso García, ambos naturais de Alhama de Almería[1], provincia de Almería, que se viron obrigados a residir por algún tempo en Torrejón de Ardoz por efecto das persecucións políticas que tiveron lugar na provincia de Almería. Tras isto volveron á súa vila de orixe onde Francisco aprendeu latín e humanidades baixo a dirección do seu pai, sen apenas saír da vila.
Estudou filosofía no seminario de Almería, co mesmo aproveitamento que mostrou no resto da súa carreira, e empezou dereito no Colegio Mayor de San Bartolomé y Santiago de Granada, mudándose de novo en 1842 a Madrid para estudar o cuarto ano da carreira.[2]
Vida política
[editar | editar a fonte]Nesta época comeza a súa larga vida política mostrándose partidario desde entón dos principios democráticos. que defendeu na prensa e na tribuna. A institución do xurado, o sufraxio universal e a abolición da pena de morte, foron obxecto dos seus primeiros traballos.
En 1847, ingresou no colexio de avogados de Madrid, sen desaniñar as discusións científicas das academias que presidía.
En 1848, interveu activamente no proceso revolucionario coñecido como a Revolución de 1848 o que valeulle ser perseguido e finalmente encarcerado en 1854.
Tras ser liberado interveu nos procesos revolucionarios que deron lugar ó Bienio Progresista (1854 – 1856) sendo secretario da Xunta Central e formando parte da comisión que solicitou a Isabel II o nomeamento dun goberno liberal que tranquilizara os disturbios das rúas.
Nas Cortes Constituíntes, xurdidas a raíz do triunfo da revolución, foi elixido deputado por Almería e destacaría nas mesmas pola súa oratoria e defensa das ideas progresistas como a liberdade de culto e de prensa.
Cando, en xullo de 1856, se produciu o golpe de estado do xeneral O'Donnell que acabou co Bienio Progresista, sufriu no interior do Congreso dos Deputados o bombardeo ao que este foi sometido polo exército.
Participou activamente na Revolución de 1868 e foi elixido secretario da Junta de Defensa de Madrid que tiña que aprobar unha declaración de dereitos que recollería todas as ideas progresistas que Salmerón defendía.
Elixido deputado por Almería nas eleccións de 1869, mostrouse partidario de elixir novo rei ao xeneral Espartero mais, cando o elixido foi Amadeu I, acatou a elección e recoñeceu o novo soberano sendo nomeado ministro de Ultramar nun dos gobernos que presidiu Manuel Ruiz Zorrilla.
Cando a abdicación de Amadeu I desembocou na proclamación da Primeira República Española, Salmerón converteuse nun fervente defensor da mesma e participaría no primeiro goberno da República baixo a presidencia de Estanislao Figueras y Moragas como ministro de Ultramar entre o 11 de febreiro e o 24 de febreiro de 1873.
Cando o 18 de xullo de 1873 foi elixido presidente da República o seu irmán Nicolás, Francisco Salmerón foi nomeado Presidente do Congreso dos Deputados, posto que ocupou ata o 6 de setembro cando elixiuse un novo goberno presidido por Emilio Castelar.
Tras a caída da República e a restauración monárquica, Francisco Salmerón abandonou a vida política e finalmente fina en Madrid o 21 de novembro de 1878.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Antes era coñecida como Alhama la Seca
- ↑ Datos biográficos, en La Ilustración Española y Americana, ano XVII, num. VII; 16 de febreiro de 1873, páx. 105-106 (en castelán).