Francesca Saperas i Miró

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaFrancesca Saperas i Miró
Biografía
Nacemento12 de febreiro de 1851 Editar o valor em Wikidata
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Morte21 de agosto de 1933 Editar o valor em Wikidata (82 anos)
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónanarcosindicalista , anarquista Editar o valor em Wikidata
MovementoAnarcosindicalismo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua catalá e lingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMartí Borràs i Jover
FillosSalut Borràs i Saperas Editar o valor em Wikidata
ParentesAntònia Fontanillas Borràs (neta (pt) Traducir)
Ariel Camacho (en) Traducir (great-grandson (en) Traducir) Editar o valor em Wikidata

Francesca Saperas i Miró, nada en Barcelona o 12 de febreiro de 1851 e finada na mesma cidade o 21 de agosto de 1933, foi unha militante anarquista e anarcosindicalista española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi filla de Isidre Saperas i Lafita, natural de L'Espluga de Francolí, e de Maria Miró i Barrot, nada en Montblanc.[1] En 1869 casou co zapateiro anarquista Martí Borràs i Jover,[2] primeiro director das revistas Tierra y Libertad e La Justicia Humana e secretario dirixente da Unión de Construtores do Calzado da Asociación Internacional dos Traballadores (AIT). En 1889 Saperas participou na organización dun mitin na Plaça de Catalunya de Barcelona. Porén, este finalmente non tivo lugar por os organizadores seren detidos. Borràs foi detido polo intento de asasinato de Arsenio Martínez-Campos na Gran Vía de les Corts Catalanes levado a cabo por Paulino Pallás en setembro de 1893, polo que foi encarcerado no Castelo de Montjuïc. Suicidouse o ano seguinte despois de despedirse de Saperas mediante unha carta.[3]

Saperas e Borrás, así como as súas cinco fillas (Salut, Antonieta, Mercé, María e Estrela), foron vítimas da represión que sufriu daquela o anarquismo. Pola detención de Borrás a raíz do atentado contra o xeneral Martínez Campos, Saperas e a súa filla Salut, quen estaba embarazada, foron encarceradas xunto con outras compañeiras de presos, entre elas Teresa Maymí, Asunción Vallvé e Teresa Claramunt.[4][5]

Saperas contribuíu á causa acollendo anarquistas perseguidos e converteu en refuxio a súa casa na Rúa Tallers de Barcelona. Foi compañeira do tamén militante anarquista Tomàs Ascheri, quen en 1897 foi condenado á morte e executado tras o Proceso de Montjuïc, baixo a acusación de ser o responsábel do atentado da Rúa dels Canvis Nous. Antes da execución, Tomàs Ascheri e Lluís Mas conseguiron o permiso para poderen casar con Francesca Saperas e coa filla desta, Salut, respectivamente. Tomàs e Francesca casaron no Castelo de Montjuïc o 3 de abril de 1897.[6] Posteriormente volveu ser detida coa súa filla Salut. A campaña internacional que desatou o Proceso de Montjuïc permitiu que as puxesen en liberdade, pero foron desterradas a Francia.[7] Instaláronse en Marsella, onde tiñan contactos labrados durante anos de loitas.

Tras o asasinato de Antonio Cánovas del Castillo en agosto de 1897 polo anarquista italiano Michele Angiolillo, quen pretendía vingar os executados, o novo presidente do Consello de Ministros, Práxedes Mateo Sagasta, permitiu o regreso dos desterrados. Así, en 1898 Saperas volveu durante un tempo a España.[8]

Máis tarde uniuse a Francesc Callís Calderón, un dos torturados no Proceso de Montjuïc e que, como o seu marido, tamén se suicidou. Entre 1912 e 1914 Saperas viviu en Buenos Aires co seu xenro Josep Fontanillas. Viviu en México coa súa filla Salut desde 1919 até 1923. Ese ano volveu a España definitivamente e viviu coa anarcosindicalista Teresa Claramunt. A súa saúde quedou afectada pola parálise e en 1929 organizouse unha comisión para axudala. Morreu en Barcelona en 1933 aos 82 anos.[8]

Saperas foi avoa de Antònia Fontanillas Borràs, outra importante figura do anarquismo catalán.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Rexistro de Nacementos do Concello de Barcelona, ano 1851, libro 1º, número de rexistro 614". Family Search. 
  2. "Rexistro de Matrimonios do Concello de Barcelona, ano 1869, folio 365, número de rexistro 1460". Family Search. 
  3. Riba Sanmartí, Caterina. "Francesca Saperas Miró". Diccionari biogràfic de dones (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2016. 
  4. Iturbe, Lola (2012). La mujer en la lucha social y en la guerra civil de España (en castelán). Madrid: LaMalatesta Editorial. ISBN 9788493830632. 
  5. "SAPERAS MIRÓ, Francisca". Dictionnaire international des militants anarchistes (en francés). 15 de agosto de 2009. 
  6. "Rexistro de Matrimonios do Concello de Barcelona, ano 1897, número de rexistro 566". Family Search (en catalán). 
  7. "Extrañamiento de anarquistas". El Imparcial (en castelán) (Madrid). 14 de xuño de 1897. p. 1. Consultado o 17 de setembro de 2023. 
  8. 8,0 8,1 "Saperas". Estel Negre (en catalán). 
  9. Vega, Eulàlia (2011). Pioneras y revolucionarias: Mujeres libertarias durante la República, la Guerra Civil y el Franquismo (en castelán). Barcelona: Icaria. ISBN 9788498882896.