Fouga CM.170 Magister
Fouga CM.170 Magister | |
---|---|
![]() | |
Tipo | adestrador |
Fabricante | Fouga |
Primeiro voo | 23 de xullo de 1952 |
Introducido | 1956 |
Principais usuarios | Forza Aérea de Francia Forza Aérea de Israel Luftwaffe Forza Aérea de Finlandia |
Unidades construídas | 929 |
Variantes | Fouga CM.175 Zéphyr |
O Fouga CM.170 Magister é un adestrador a reacción bipraza francés dos anos 50 desenvolvido e fabricado polo construtor francés Fouga. Debido a fusións industriais o avión foi coñecido como Fouga CM.170 Magister, Potez (Fouga) CM.170 Magister, Sud Aviation (Fouga) CM.170 Magister e Aérospatiale (Fouga) CM.170 Magister, dependendo de onde e quen o construíse.
En 1948 comezou o desenvolvemento en Fouga dun novo avión de adestramento primario que aproveitaría a tecnoloxía de propulsión a chorro recentemente desenvolvida. O deseño inicial foi avaliado pola Forza Aérea de Francia e, en resposta á súa determinación de que o avión carecía de potencia suficiente para os seus requisitos, agrandouse e adoptou un par de turborreactores Turbomeca Marboré. O avión voou por vez primeira o 23 de xullo de 1952 e a primeira orde de produción recibíuse o 13 de xaneiro de 1954. Recibíronse pedidos de exportación que incluían acordos pra producir o tipo baixo licenza en Alemaña Occidental, Finlandia e Israel. Ademais, o relacionado CM.175 Zéphyr era unha versión embarcada desenvolvida e fabricada para a Armada de Francia.
Aínda que foi principalmente operado como adestrador, o Magister tamén foi usado frecuentemente en combate como plataforma aérea de apoio próximo por varios operadores. O Magister combateu na guerra dos Seis Días, na guerra civil do Salvador, na guerra do Sáhara Occidental, e na Crise do Congo. No servizo francés o Magister foi finalmente substituído polo Dassault/Dornier Alpha Jet. Tras a súa retirada da Forza Aérea francesa algúns Magister foron mercados por pilotos privados nos Estados Unidos e dende entón són operados na categoría experimental.
Desenvolvemento[editar | editar a fonte]
En 1948 os deseñadores Robert Castello e Pierre Mauboussin da construtora francesa Fouga comezaron a deseñar un novo adestrador primario a reacción,designado inicialmente CM.130, destinado á Forza Aérea de Francia como substituto do avión de pistóns Morane-Saulnier MS.475. A Forza Aérea revisou o proxecto e atopou que o avión carecía de potenciacos dous turborreactores Turbomeca Palas elixidos para o aparello;. En resposta, Fouga agrandou o deseño básico e equipouno cos máis potentes Turbomeca Marboré, mantendo a distintiva cola de bolboreta do planador Fouga CM.8, que fora usado por Fouga para experimentar cos motores a reacción.
En decembro de 1950 a Forza Aérea realizou un pedido por tres prototipos, e o 23 de xullo de 1952 o avión realizou o seu primeiro voo. En xuño de 1953 podíuse un lote de 10 avións de preprodución, seguido por un pedido inicial de 95 aparellos de produción o 13 de xaneiro de 1954.[1] En outubro de 1955 os 13 Magister de proprodución estaban completados, e o primeiro exemplar de produción estaba a piques de completarse. Tamén estaba programado para principios de 1956 o primeiro voo do CM.171, que funcionou como avión de probas para o previsto adestrador CM.195 con á en frecha e cola de bolboreta.[2]
Co obxectivo de fabricar o tipo, Fouga abriu unha nova planta de montaxe en Tolosa-Blagnac dentro dun complexo de nova construción.[3] Segundo a publicación de aviación Flight International, os pedidos de exportación recibidos tiñan prioridade sobre os pedidos realizados polo goberno francés; esta política permitiu que outros países adquirisen directamente o avión cun mínimo atraso entre a recepción dos pedidos e as entregas.[4]
A Aéronavale (armada francesa) decidiu adoptar un derivado embarcado do Magister, o CM.175 Zéphyr, que serviu como adestrador básico para aterraxes en cuberta e operacións embarcadas. Estes foron precedidos por dous prototipos de "proba de concepto" desigandos CM.170M Magister, que realizaron os seus primeiros voos en 1956 e 1957 respectivamente.
En 1960 máis de 350 Magister entraran en servizo con distintos operadores. Segundo Flight International, a produción dentro de Francia acadara un ritmo de cinco avións por mes, e agardábase que no país chegasen a producirse 600 unidades. O tipo tamén foi fabricado baixo licenza en Alemaña Occidental, Finlandia e Israel.[5] O primeiro cliente de exportación para o Magister foi Alemaña Occidental, que realizou un pedido inicial por 62 avións directamente a Fouga; outros 188 aparellos foron fabricados por Flugzeug Union Süd (un consorcio de Heinkel e Messerschmitt)[6] baixo licenza.[1] Ademais, o Magister tamén foi fabricado baixo licenza pola compañía finesa Valmet e pola israelí Israel Aircraft Industries (IAI). Como resultado deses acordos, 286 aeronaves fabricáronse baixo licenza.
A partir de 1960 produciuse unha versión mellorada, designada CM.170-2 Magister, que estaba impulsada por un motor Turbomeca Marboré IV máis potente. En 1962 rematou a produción do Magister en Francia, pero continuou en Finlandia ata 1967. O desenvolvemento do avión chegou ao seu fin cando a Forza Aérea francesa escolleu o Alpha Jet como o seu novo adestrador a reacción.
Notas[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Smith, Maurice A. (2 April 1954). "Fouga C.M.170 In The Air". Flight 65 (2358): 401–406.
- Taylor, John W. R. (1961). Jane's All the World's Aircraft 1961–62. London: Sampson Low, Marston & Company, Ltd.
- Taylor, John W. R. (1965). Jane's All The World's Aircraft 1965–66. London: Sampson Low & Marston Company, Ltd.