Folosa das canaveiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folosa das canaveiras
Unha folosa das canaveiras nunhas canas.
Unha folosa das canaveiras nunhas canas.

Son da folosa das canaveiras.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Superfamilia: Sylvioidea
Familia: Acrocephalidae
Xénero: Acrocephalus
Especie: A. scirpaceus
Nome binomial
Acrocephalus scirpaceus
(Hermann, 1804)

A folosa das canaveiras[2] (Acrocephalus scirpaceus) é unha ave da familia dos sílvidos (Sylviidae) e do xénero das folosas ou acrocefálidos (Acrocephalus).

Descrición[editar | editar a fonte]

Son folosas de tamaño mediano. Miden de 12,5 a 14 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de alas que vai dos 17 os 21 cm. Pesan entre 10 e 15 gramos. Os adultos teñen a parte superior do corpo castaña e a inferior branca amarelada. A testa é cha e o bico forte e aguzado. As aves dos dous sexos son semellantes. Poden vivir ata 12 anos e acadan velocidades de voo de 10 metros por segundo.

O seu canto é lento e pouco destacable, formado por estrofas curtas ás que se xuntan os típicos asubíos e a capacidade para imitar a outras aves dos acrocefálidos.

Distribución xeográfica e hábitat[editar | editar a fonte]

Crían en Europa e nas zonas temperadas do oeste de Asia. Son aves migratorias, que pasan o inverno na África subsahariana. Nas partes centrais de Europa están presentes entre abril e outubro. As datas e a dirección das migracións, que os levan a viaxaren distancias de ata 6000 km, están xeneticamente marcadas.

Viven entre os xuncos e o carrizal mesto e entre a vexetación das beiras de ríos, lagos, estanques e pantanos.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Aliméntanse agatuñando e choutando entre as plantas mestas. As súas presas principais son arañas, insectos e larvas, pequenos moluscos e invertebrados en xeral.

Polo de cuco no niño dunha folosa das canaveiras.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Acrocephalus arundinaceus

Maduran cando teñen un ano. A época de reprodución concéntrase entre maio e xullo. Tecen un niño de herbas e carrizos que sitúan protexido nos canavais, pendurado sobre a auga entre entre os talos de tres ou catro carrizos ou xuncos. Poñen de 3 a 4 ovos, que os dous pais se roldan para chocar entre 11 e 14 días. Os polos pasan de 10 a 14 días no niño. Crían dúas ou tres niñadas por ano. Os seus niños son parasitados habitualmente polos cucos, que poñen ovos de cores semellantes.

Situación[editar | editar a fonte]

As estimacións para Europa calculan a súa poboación nuns 3 millóns de parellas reprodutoras.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]