Flores Historiarum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O rei Arturo, ilustración en miniatura das Flores Historiarum

Flores Historiarum (en galego: Flores das historias) é unha crónica en latín sobre a historia inglesa, que rexistra desde os primeiros anos até 1326 (aínda que algúns dos manuscritos máis temperáns terminan en 1306). Foi compilada por diversas persoas e rapidamente adquiriu popularidade contemporánea, polo que foi continuada por moitas mans en diferentes tradicións de escritura. Entre o vinte manuscritos conservados[1] están os compilados na abadía de St Benet, en Norfolk, continuados na abadía de Tintern (Royal Mss 14.c.6), na catedral de Norwich (Cottoniana Claudio E 8), na catedral de Rochester (Cottoniana Nerón D 2), na catedral de San Paulo en Londres (Lambeth Mss 1106), na catedral de Southwark (Biblioteca Bodleiana, Rawlinson Mss B 177), e na abadía de San Agostiño en Canterbury (Harleian Mss 641)[2]. O principal valor da obra pode verse no traballo realizado por Roger de Wendover, o seu relato dos acontecementos de 1216 a 1235.

Foi escrito orixinalmente na abadía de St Albans e logo na abadía de Westminster. O manuscrito máis antigo, que foi a base para todos os seguintes, consérvase na Biblioteca Chetham de Mánchester. Suponse que este núcleo da parte máis temperá de Flores Historiarum foi compilado por John de Cella (tamén coñecido como John de Wallingford), abade de St Albans entre 1195 e 1214, aínda que isto é cuestionábel. O traballo de John comezou a partir do ano 1188. Este manuscrito chegou até 1265, con breves notas e emendas da man de Mateo de París. A seguinte compilación levou a crónica até 1306, outra que comprendía de 1306 a 1325-1326 foi recompilada en Westminster por Robert de Reading e outro monxe de Westminster.

O título de Flores Historiarum foille asignado por outro escritor de St Albans, Roger de Wendover, quen levou a súa descrición cronolóxica até 1235, o ano previo á súa morte. Roger afirma no seu prólogo que seleccionou «dos libros dos escritores católicos dignos de crédito, así como se obteñen flores de varias cores de diferentes campos», por iso é polo que chamou á súa obra Flores Historiarum. A obra foi atribuída durante moito tempo a Matthew de Westminster, ata que Henry Richards Luard demostrou que en realidade se trataba de Mateo de París. Como a maioría das crónicas, na actualidade non se valora tanto polo que compilou de autores anteriores senón pola súa narrativa detallada e dinámica dos acontecementos contemporáneos, desde 1216 até 1235[3], incluíndo a firma da Carta Magna polo rei Xoán I de Inglaterra en Runnymede[4].

Tradición[editar | editar a fonte]

  • Flores Historiarum foi impreso por primeira vez, procedente dun só manuscrito, por Matthew Parker, Arcebispo de Canterbury, en 1567. A mellor edición é a edición completa coa introdución de Henry Richards Luard para Rolls series (3 volumes, Londres, 1890). Foi traducido ao Inglés por C. D. Yonge (Londres, 1853)[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De acordo con Reginald L. Poole, revisando a edición de Luard de 1890 en The English Historical Review 7 (xaneiro de 1892):146-150) p. 148.
  2. De acordo a Luard
  3. The Cambridge History of English and American Literature. Volumen I, capítulo IX, sección 19. Britannia History. Consultado o 17 de xullo de 2011.
  4. Signing of Magna Carta, Runneymede, 1215. Britannia History. Consultado o 17 de xullo de 2011.
  5. Ver a introdución de Henry Richards Luard e Charles Bémont en Revue critique d'histoire (París, 1891).