Flebotomo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Phlebotomus
Macho de Phlebotomus sp.
Macho de Phlebotomus sp.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Diptera
Familia: Psychodidae
Subfamilia: Phlebotominae
Xénero: ''Phlebotomus''
Loew 1845
Especies

P. alexandri
P. ariasi
P. azizi
P. balcanicus
P. brevis
P. chabaudi
P. kyreniae
P. langeroni
P. longicuspis
P. longiductus
P. major
P. mascittii
P. papatasi
P. perfiliewi
P. perniciosus
P. riouxi
P. sergenti
P. simici
P. tobbi

Os flebotomos (nome científico Phlebotomus) son un xénero de dípteros da subfamilia Phlebotomidae da familia Psychodidae. No pasado, ás veces foron considerados como pertencentes a unha familia propia, a Phlebotomidae, pero esta clasificación alternativa non tivo moita aceptación.[1]

Estas moscas son de curta vida. As femias aliméntanse de sangue pola noite, e os machos de zumes de plantas. Os adultos voan mal, xeralmente facendo pequenos voos de curta distancia.

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

A leshmaníase cutánea é unha enfermidade transmitida por Phlebotomus no Norte de África. Leishmania infantum = verde, Leishmania major = azul, Leishmania tropica = vermello[2]

No Vello Mundo, os Phlebotomus son principalmente responsables da transmisión da leishmaníase,[2] unha importante enfermidade parasitaria (no novo mundo a transmisión débese ao xénero Lutzomyia).[3] O protozoo transmitido e axente directo da doenza é Leishmania. A leishmaníase normalmente ten como reservorios roedores e outros pequenos animais como cánidos (leishmaníase canina) e Hyrax. As femias de flebotomos portan o protozoo Leishmania que tomaron ao alimentarse de animais infectados, transmitindo así a doenza, mentres que os machos se alimentan de zumes de plantas.

As especies de Phlebotomus son tamén os vectores da bartonelose, verruga peruana, febre pappataci, que é unha doenza causada por arbovirus concretamente causado por virus de flebotomos como as cepas de Nápoles e Sicilia, que son membros do xénero Phlebovirus (familia Bunyaviridae), que tamén inclúe o virus Toscana moi relacionado.[4][5] En Exipto, dúas especies de importancia médica son Phlebotomus papatasi e P. langerni.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Os adultos teñen unha lonxitude entre 1,5 e 3,0 mm e son amarelados en cor, con ollos negros conspicuos, e corpos ás, e patas pelosos. Levan as ás lanceoladas ovais ergueitas sobre o seu tórax xiboso. Os machos posúen terminais xenitais prominentes para agarrar. As femias teñen un par de rectos anais.

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Estas moscas poñen uns ovos diminutos (0,3–0,4 mm) que son máis ou menos ovoides e xeralmente castaños ou negros, e un exame microscópico coidadoso revela que teñen un patrón. Deposítanse de 30 a 70 ovos en cada oviposición. Crese que se depositan en pequenas gretas e buratos do chan, na base de montículos de térmites, en fendas de paredes de edificios e pisos, en granxas de galiñas, entre follas caídas. O tipo de sitio de ovoposición varía presumiblemente moito segundo a especie. Aínda que os ovos non se poñen na auga necesitan un microhábitat con alta humidade. Son incapaces de resistir o desecamento e eclosionan pasados de 4 a 20 días, aínda que a eclosión pode probablemente ser atrasada con tempo máis frío.

As larvas aliméntanse principalmente de materia orgánica como fungos, follas caídas en descomposición, vexetación semipodre, feces animais e corpos en dscomposición de artrópodos. Aínda que algunhas especies de flebotómidos, especialmente as do xénero Phlebotomus, viven en zonas semiáridas, os hábitats das larvas teñen que ter un alto grao de humidade. As larvas poden sobrevivir migrando a áreas secas se os seus lugares de cría quedan temporalmente asolagadas. Hai catro ínstares larvarios. As larvas maduras teñen de 3 a 6 mm de longo e teñen unha cabeza negra ben definida que está provista cun par de pequenas mandíbulas; o corpo é branco ou cincento e ten 12 segmentos. Ventralmente os segmentos abdominais teñen pequenos pseudópodos, pero a súa característica máis salientable é a presenza na cabeza de todos os segmentos corporais de sedas grosas moi aparentes con talos plumosos, que en moitas especies teñen extremos lixeiramente agrandados. Denomínanse pelos de "pau de mixto", e identifican claramente as larvas como de especies de Phlebotominae. Na maioría das especies o último segmento abdominal leva dous pares de longos pelos conspicuos chamados sedas caudais. O primeiro ínstar larvario teñen dúas sedas solitarias, non dous pares. Os desenvolvementos larvarios complétanse xeralmente despois de 20 a 30 días; a duración depende das especies, a temperatura e a dispoñibilidade de alimento. En áreas temperadas e rexións áridas poden invernar como larvas totalmente crecidas en diapausa. Antes da pupación as larvas adoptan unha posición ergueita no hábitat, a pel entón abre e a pupa sae. A pel da larva non é completmente desbotada, senón que queda pegada ao extremo da pupa. A presenza desta pel, cos seus característicos dous pares de sedas caudais, axuda no recoñecemento das pupas dos Phlebotominae.

Os adultos emerxen das pupas pasados de 6 a 13 días. O ciclo vital, desde a oviposición á emerxencia dos adultos, é de 30 a 60 días, pero esténdese a varios meses nalgunhas especies con larvas en diapausa. En áreas temperadas os adultos morren do final do verán ou outono e as especies hibernan como larvas, e os adultos emerxen na primavera seguinte. É xeralmente moi difícil atopar larvas ou pupas de flebotomos, e sábese relativamente pouco sobre a súa bioloxía e ecoloxía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "BDWD Family List". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2006. Consultado o 18 de xullo de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Aoun, K.; Bouratbine, A. (2014). "Cutaneous Leishmaniasis in North Africa: a review.". Parasite 21: 14. PMC 3952656. PMID 24626301. doi:10.1051/parasite/2014014. 
  3. Zeledón RA (1996). Hemoflagellates: Cutaneous and Mucocutaneous Leishmaniasis. In: Barron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. (via NCBI Bookshelf) ISBN 0-9631172-1-1. 
  4. Shope RE (1996). Bunyaviruses. In: Barron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. (via NCBI Bookshelf) ISBN 0-9631172-1-1. 
  5. Valassina M, Cusi MG, Valensin PE (2003). "A Mediterranean arbovirus: the Toscana virus". J Neurovirol 9 (6): 577–83. PMID 14602570. doi:10.1080/13550280390247678.