Festival Internacional de Cinema de Venecia
| Festival Internacional de Cinema de Venecia | |||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| |||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||
O Festival Internacional de Cinema de Venecia (en italiano, Mostra Internazionale d'Arte Cinematografica della Biennale di Venezia, habitualmente Mostra del Cinema di Venezia) é un festival de cinema internacional organizado pola Bienal de Venecia que se celebra anualmente no Lido de Venecia, en Venecia, Italia, normalmente entre finais de agosto e comezos de setembro.[1]
Fundado en 1932, é o festival internacional de cinema máis antigo do mundo.[1][2] A súa primeira edición celebrouse do 6 ao 21 de agosto de 1932 na terraza do Hotel Excelsior, no Lido. A partir de 1935 converteuse nunha manifestación anual, aínda que a súa celebración sufriu diversas interrupcións e transformacións ao longo da súa historia.[1]
O festival forma parte das actividades da Bienal de Venecia, institución cultural fundada en 1895, que tamén organiza manifestacións internacionais dedicadas ás artes visuais, a arquitectura, a música, o teatro e a danza.[2]
A súa principal distinción é o León de Ouro (Leone d'oro), concedido á mellor película da competición oficial. O nome do galardón fai referencia ao León de San Marcos, símbolo de Venecia.
En 2026 celebrouse a 83.ª edición, do 2 ao 12 de setembro, baixo a dirección artística de Alberto Barbera.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]Fundación e primeiros anos
[editar | editar a fonte]
O festival naceu no contexto da ampliación das actividades culturais da Bienal de Venecia. En 1930, a Bienal, creada orixinalmente como unha exposición internacional de artes plásticas, converteuse nun organismo controlado polo Estado italiano e comezou a incorporar novas disciplinas: ese mesmo ano creouse o Festival Internacional de Música Contemporánea, en 1932 incorporouse o cinema e en 1934 o teatro.[4]
A iniciativa de crear unha exposición internacional dedicada ao cinema partiu principalmente de Giuseppe Volpi, conde de Misurata e daquela presidente da Bienal; do escultor Antonio Maraini, secretario xeral da institución; e de Luciano De Feo, secretario xeral do Instituto Internacional de Cinematografía Educativa, organismo vinculado á Sociedade de Nacións. De Feo converteuse ademais no primeiro responsable da selección cinematográfica.[1][5]
A creación do festival estivo relacionada tamén co desenvolvemento turístico do Lido. Volpi e outros empresarios venecianos impulsaran durante os anos anteriores unha reorganización económica da cidade que reservaba ao Lido un papel de gran centro balneario e turístico. Tras a crise económica de 1929, a nova manifestación cinematográfica servía tamén para atraer visitantes internacionais aos grandes hoteis da illa, entre eles o propio Excelsior.[6]
A primeira edición, denominada Esposizione Internazionale d'Arte Cinematografica, celebrouse entre o 6 e o 21 de agosto de 1932 na terraza do Hotel Excelsior.[7] A primeira película proxectada na historia do festival foi Dr. Jekyll and Mr. Hyde, de Rouben Mamoulian, na noite do 6 de agosto. Entre as obras exhibidas figuraron tamén Grand Hotel, de Edmund Goulding; Frankenstein, de James Whale; Gli uomini, che mascalzoni!, de Mario Camerini; À nous la liberté, de René Clair, e obras de autores como Ernst Lubitsch, Howard Hawks e Raoul Walsh.[1]
A edición inaugural non tivo carácter competitivo nin xurado oficial. Realizouse, porén, unha consulta entre o público para escoller as obras e os intérpretes máis apreciados. À nous la liberté, de René Clair, foi considerada a mellor película, mentres que o soviético Nikolai Ekk foi elixido mellor director.[1]
Non se celebrou unha edición en 1933, pois inicialmente estaba previsto que a manifestación, como a exposición de arte da Bienal, tivese carácter bienal. O éxito alcanzado levou á organización dunha segunda edición en 1934, xa baixo a denominación de Mostra, que por primeira vez tivo carácter competitivo. Participaron 19 países e acreditáronse máis de 300 xornalistas.[1]
Nesa edición instituíuse a Copa Mussolini (Coppa Mussolini), outorgada en dúas categorías: mellor película italiana e mellor película estranxeira. Aínda non existía un xurado propiamente dito: os premios eran decididos polo presidente da Bienal tras consultar expertos e público.[1]
A partir de 1935 o festival pasou a celebrarse anualmente e quedou baixo a dirección de Ottavio Croze. Ese ano os premios de interpretación recibiron a denominación de Copa Volpi, que se conservaría posteriormente.[1]
En 1936 constituíuse por primeira vez un xurado internacional. Ao ano seguinte inaugurouse no Lido o novo Palazzo del Cinema, deseñado polo enxeñeiro Luigi Quagliata e aberto o 10 de agosto de 1937. O edificio converteuse na sede histórica da Mostra.[1][8]

En 1938 organizouse a primeira retrospectiva do festival, dedicada ao cinema francés realizado entre 1891 e 1933.[1]
O festival durante o fascismo e a segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]O Festival de Venecia naceu durante o réxime fascista de Benito Mussolini. A primeira edición aínda conservou unha autonomía relativamente ampla respecto da política cinematográfica do réxime, pero ao longo da década de 1930 a manifestación foi progresivamente incorporada á política cultural e propagandística fascista.[6]
A presenza institucional do fascismo aumentou especialmente desde mediados da década, ao tempo que se estreitaban as relacións entre a Italia fascista e a Alemaña nazi. O ministro alemán de propaganda Joseph Goebbels asistiu ao festival desde 1936, e as edicións finais da década estiveron marcadas por unha crecente interferencia política na selección e na concesión dos premios.[6]
En 1938, a Copa Mussolini foi concedida ex aequo a Olympia, de Leni Riefenstahl, e a Luciano Serra pilota, de Goffredo Alessandrini, obras estreitamente asociadas respectivamente coa propaganda nazi e fascista. Estas decisións provocaron críticas internacionais. En 1939, no contexto da crecente politización do festival e da deterioración da situación internacional, a participación estranxeira diminuíu notablemente.[6][5]
Entre 1940 e 1942, xa durante a segunda guerra mundial, celebráronse tres manifestacións de participación moi limitada, dominadas por Italia, Alemaña e outros países aliados ou próximos ao Eixo. As proxeccións trasladáronse temporalmente fóra do Palazzo del Cinema. Estas tres edicións deixaron de ser contabilizadas posteriormente na numeración oficial do festival.[1]
A actividade interrompeuse completamente entre 1943 e 1945.[9]
Posguerra e expansión internacional
[editar | editar a fonte]O festival regresou en 1946, nunha edición de transición celebrada no cinema San Marco de Venecia, pois o Palazzo del Cinema permanecía requisado polas forzas aliadas. A edición coincidiu co nacemento do Festival Internacional de Cinema de Cannes, co que se acordou unha distribución temporal para evitar a coincidencia das dúas manifestacións.[1]
En 1947 o festival trasladouse ao patio do Palacio Ducal de Venecia, onde chegou a reunir arredor de 90 000 espectadores. Nesa edición regresou un xurado internacional e recuperouse unha ampla participación de cinematografías estranxeiras, incluídas as da Unión Soviética e doutros países de Europa oriental. A película checoslovaca Siréna, de Karel Steklý, recibiu o Gran Premio Internacional de Venecia.[1]
En 1949 a Mostra regresou definitivamente ao Palazzo del Cinema, no Lido. O principal premio pasou a denominarse León de San Marcos (Leone di San Marco), antecedente directo do actual León de Ouro.[1]
Durante a década de 1950 o festival experimentou unha forte expansión internacional e contribuíu á difusión en Europa de cinematografías ata entón pouco coñecidas no continente. Un dos fitos máis importantes produciuse en 1951, cando Rashōmon, de Akira Kurosawa, obtivo o León de Ouro e contribuíu decisivamente ao recoñecemento internacional do cinema xaponés.[1]
Nos anos seguintes, películas de Kenji Mizoguchi, entre elas Ugetsu monogatari e Sanshō dayū, recibiron tamén importantes recoñecementos. O festival contribuíu igualmente á difusión do cinema da India; en 1957, Aparajito, de Satyajit Ray, obtivo o máximo galardón.[1]
A Mostra foi ademais un importante escaparate para o neorrealismo italiano e para unha nova xeración de cineastas europeos. Películas de Roberto Rossellini, Luchino Visconti, Federico Fellini, Michelangelo Antonioni, Francesco Rosi e outros autores italianos tiveron unha presenza destacada no festival.[1]
Renovación e crise nos anos sesenta
[editar | editar a fonte]A comezos da década de 1960, a Mostra converteuse nun espazo importante para as novas correntes cinematográficas. Entre 1961 e 1962 presentáronse obras vinculadas ao Free Cinema británico, á Nouvelle Vague francesa e aos novos realizadores italianos, entre eles Pier Paolo Pasolini, Bernardo Bertolucci e os irmáns Taviani.[1]
Entre 1963 e 1968, baixo a dirección do crítico e teórico Luigi Chiarini, o festival adoptou criterios de selección máis estritamente artísticos e tratou de reducir a influencia das presións comerciais e da dimensión mundana da manifestación. Durante este período conviviron autores consagrados con novos cineastas e foron premiadas películas como Le mani sulla città, de Francesco Rosi; Il deserto rosso, de Michelangelo Antonioni; La battaglia di Algeri, de Gillo Pontecorvo, e Belle de jour, de Luis Buñuel.[5]
A crise social e política de 1968 tivo unha forte repercusión na Bienal e no festival. A institución seguía rexéndose por uns estatutos procedentes da época fascista, circunstancia que se converteu nun dos principais obxectos das protestas. Cineastas, estudantes e organizacións culturais reclamaron unha reforma da Bienal e cuestionaron a estrutura competitiva e a concesión de premios.[1][10]
A edición de 1968 chegou a celebrarse e o último León de Ouro antes da longa interrupción competitiva foi concedido a Die Artisten in der Zirkuskuppel: ratlos, de Alexander Kluge. A partir de 1969 suprimiuse a competición e deixaron de concederse os premios principais.[1]
A crise dos anos setenta
[editar | editar a fonte]Entre 1969 e 1972 a Mostra celebrouse como unha manifestación non competitiva. As edicións de 1969 e 1970 estiveron dirixidas por Ernesto G. Laura, e as de 1971 e 1972 por Gian Luigi Rondi.[1]
A pesar da desaparición da competición, mantivéronse algúns recoñecementos extraordinarios. En 1971 John Ford recibiu un León de Ouro á traxectoria, e ao ano seguinte foi distinguido Charlie Chaplin.[1]
As tensións entre a organización e unha parte dos cineastas italianos continuaron. En 1972, diversas asociacións de autores organizaron no centro histórico de Venecia as Giornate del cinema italiano, unha iniciativa alternativa á Mostra baseada en proxeccións e debates públicos.[1]
A edición prevista para 1973 non chegou a celebrarse. Ese mesmo ano, o Parlamento italiano aprobou un novo estatuto para a Bienal, substituíndo finalmente a normativa procedente do período fascista e reorganizando a institución mediante unha nova estrutura de goberno. Na ausencia da Mostra celebrouse unha segunda edición das Giornate del cinema italiano.[11]
Entre 1974 e 1976, baixo a dirección de Giacomo Gambetti, a actividade cinematográfica da Bienal adoptou unha fórmula diferente da do festival tradicional: organizáronse propostas de novos filmes, retrospectivas, homenaxes, encontros e debates, con diversas proxeccións distribuídas pola cidade.[1]
En 1977, o cinema integrouse nun programa xeral da Bienal dedicado á disidencia cultural e centrouse especialmente nas cinematografías de Europa oriental. En 1978 non se celebrou ningunha Mostra.[1]
O proceso de recuperación comezou en 1979 coa chegada á dirección de Carlo Lizzani e o retorno dunha manifestación cinematográfica organizada no Lido. A edición dese ano aínda non foi competitiva, pero estableceu as bases para a recuperación definitiva do festival.[1][12]
Relanzamento nos anos oitenta
[editar | editar a fonte]En 1980 restableceuse a competición oficial e volveu concederse o León de Ouro, que aquel ano foi compartido por Atlantic City, de Louis Malle, e Gloria, de John Cassavetes.[1]
Carlo Lizzani, director entre 1979 e 1982, procurou recuperar o prestixio internacional da Mostra e adaptar a súa estrutura ás transformacións do cinema contemporáneo. Xunto coa competición introduciu retrospectivas, propostas experimentais e seccións destinadas a películas de carácter máis espectacular ou pouco encaixables na competición tradicional.[1]
Durante estes anos o festival contribuíu á difusión internacional do Novo Cinema Alemán. Margarethe von Trotta converteuse en 1981 na primeira muller en recibir o León de Ouro, por Die bleierne Zeit, e Wim Wenders obtívoo en 1982 por Der Stand der Dinge.[1]
En 1983 regresou á dirección Gian Luigi Rondi, que consolidou a nova estrutura e volveu establecer unha numeración regular das edicións. En 1984 creouse a Semana Internacional da Crítica (Settimana Internazionale della Critica), organizada de maneira autónoma polo sindicato italiano de críticos cinematográficos e dedicada especialmente ás primeiras obras de novos directores.[1]
A partir de 1987, baixo a dirección de Guglielmo Biraghi, a Mostra prestou unha atención crecente ás cinematografías menos presentes nos grandes circuítos occidentais. A programación incorporou películas procedentes de países de Asia, África e Oriente Próximo e ampliou as seccións dedicadas á experimentación e aos novos autores.[1]
Os anos noventa
[editar | editar a fonte]A comezos da década de 1990, o festival continuou consolidando a súa diversidade internacional. Durante a etapa de Gillo Pontecorvo, primeiro como responsable da edición de 1992 e despois como director ata 1996, tratouse de reforzar tanto o cinema de autor como a participación do público e a presenza de realizadores novos.[1]
Pontecorvo introduciu, entre outras iniciativas, a sección Finestra sulle immagini, dedicada a novos formatos audiovisuais, curtametraxes, animación e obras experimentais. Durante este período obtiveron o León de Ouro filmes de autores como Robert Altman, Tsai Ming-liang e Trần Anh Hùng, mentres que a Mostra serviu de escaparate internacional a numerosos realizadores emerxentes.[1]
Entre 1997 e 1998 o festival foi dirixido por Felice Laudadio. En 1997 Hana-bi, de Takeshi Kitano, obtivo o León de Ouro, contribuíndo á consolidación internacional do realizador xaponés, e en 1998 o galardón recaeu en Così ridevano, de Gianni Amelio.[1]
En 1998 produciuse unha importante reforma institucional da Bienal de Venecia, que adquiriu personalidade xurídica de dereito privado baixo a denominación de Società di Cultura La Biennale di Venezia. O cinema permaneceu como un dos seus sectores permanentes.[13]
En 1999 foi nomeado director Alberto Barbera, que permaneceu no cargo ata 2001. Durante a súa primeira etapa creou a sección Cinema del Presente, paralela á competición tradicional, co propósito de dar maior visibilidade ás primeiras obras e ás propostas máis innovadoras.[1]
Século XXI
[editar | editar a fonte]As edicións de 2002 e 2003 estiveron dirixidas por Moritz de Hadeln, anteriormente responsable dos festivais de Locarno e Berlín.[14]
En 2004 asumiu a dirección Marco Müller, que permaneceu no cargo ata 2011. Durante esta etapa reforzouse a atención ás cinematografías internacionais e organizáronse amplas retrospectivas dedicadas, entre outros ámbitos, ao cinema italiano, asiático e ruso.[1]

En 2012, Alberto Barbera regresou á dirección artística. A nova etapa estivo acompañada da creación de Biennale College – Cinema, un programa destinado ao desenvolvemento e á produción de proxectos de baixo orzamento realizados por novos cineastas, e do Venice Film Market, orientado aos profesionais da industria cinematográfica.[1]
En 2016 o mercado evolucionou cara ao Venice Production Bridge, centrado non só na distribución de películas acabadas senón tamén no financiamento e desenvolvemento de proxectos cinematográficos e audiovisuais. Na mesma década, o festival comezou a prestar unha atención crecente ás novas tecnoloxías narrativas; en 2017 estableceu unha competición específica dedicada ás obras de realidade virtual.[1]
En 2020, a pesar da pandemia de COVID-19, a 77.ª edición puido celebrarse presencialmente no Lido entre o 2 e o 12 de setembro, aínda que con medidas sanitarias e modificacións importantes na programación. A sección de realidade virtual celebrouse en liña baixo a denominación Venice VR Expanded, e Venezia Classici foi trasladada excepcionalmente a Boloña.[15][1]
En 2022 o festival celebrou o 90.º aniversario da súa fundación cunha exposición documental organizada polo Arquivo Histórico da Bienal e outras iniciativas dedicadas á primeira edición de 1932.[16]
A etapa iniciada por Barbera en 2012 reforzou tamén a relación do festival co mercado cinematográfico internacional, as restauracións de clásicos, o cinema inmersivo e a produción de novos proxectos. En 2026 continuaba como director artístico da Mostra.[17]
A 83.ª edición celebrouse no Lido do 2 ao 12 de setembro de 2026.[18]
Sedes e infraestrutura
[editar | editar a fonte]O Festival Internacional de Cinema de Venecia celébrase principalmente nun conxunto de edificios e instalacións situado no Lido de Venecia, especialmente arredor do Lungomare Guglielmo Marconi. A Bienal de Venecia emprega durante a Mostra varias salas de proxección, espazos para a prensa e a industria cinematográfica e instalacións temporais.[19]
Entre os principais espazos empregados polo festival atópanse o Palazzo del Cinema, o Palazzo del Casinò, o PalaBiennale e a Sala Giardino. A eles súmanse outras salas menores, zonas para actividades profesionais e o Lazzaretto Vecchio, empregado pola sección Venice Immersive.[19]
Hotel Excelsior
[editar | editar a fonte]
O Hotel Excelsior, situado fronte ao mar Adriático, desempeñou un papel fundamental na orixe do festival. A primeira edición da Mostra, en 1932, celebrouse na terraza do hotel, onde tiveron lugar as primeiras proxeccións ao aire libre.[1]
A medida que o festival creceu, as proxeccións trasladáronse a edificios especificamente preparados para esta finalidade, mais o Excelsior continuou estreitamente asociado á Mostra. Na edición de 2026 acolleu parte das actividades profesionais do Venice Production Bridge, entre elas áreas de exposición, encontros da industria e o Industry Gold Club.[20]
Palazzo del Cinema e Sala Grande
[editar | editar a fonte]
O Palazzo del Cinema é a sede principal e o edificio máis estreitamente identificado coa Mostra. Foi deseñado polo enxeñeiro Luigi Quagliata segundo os modelos da arquitectura racionalista italiana da época e inaugurouse o 10 de agosto de 1937, coincidindo coa quinta edición do festival.[21]
No seu interior atópase a Sala Grande, escenario das principais estreas oficiais, das cerimonias de apertura e clausura e da entrega dos premios do festival. A sala conta actualmente con 1.032 localidades, ademais dos lugares reservados para persoas con discapacidade.[22]
O aumento da popularidade do festival despois da segunda guerra mundial obrigou a ampliar as instalacións. A comezos da década de 1950, cando a Mostra chegaba a superar os cen mil espectadores, Quagliata deseñou un ambicioso proxecto para ampliar o edificio con novas salas e servizos. O proxecto completo non chegou a realizarse por falta de financiamento, aínda que en 1952 se construíron unha arena ao aire libre e un corpo dianteiro, denominado Avancorpo, que permitiu ampliar o vestíbulo e crear espazos para oficinas e servizos.[21]
A Sala Grande foi reformada en diversas ocasións, especialmente na década de 1950, en 1995 e en 2011. Esta última intervención renovou profundamente o interior e adaptou a acústica, o sistema de proxección, a iluminación e os asentos ás necesidades técnicas contemporáneas, tratando ao mesmo tempo de recuperar elementos formais do deseño de 1937.[22]
O Palazzo del Cinema alberga ademais outras salas de menor capacidade, entre elas a Sala Pasinetti e a Sala Zorzi.[19]
Sala Darsena
[editar | editar a fonte]A Sala Darsena atópase xunto ao Palazzo del Cinema e é unha das principais salas de proxección da Mostra. Ocupa o espazo da antiga arena ao aire libre construída en 1952 durante as obras de ampliación do complexo.[23]
A antiga arena, con capacidade para máis de 1.500 espectadores, foi cuberta en 1991 cunha estrutura de madeira laminada proxectada polo arquitecto Enrico Valeriani e pasou a coñecerse como PalaGalileo. En 2014, a Bienal acometeu unha reforma substancial do espazo para convertelo nunha sala de proxección de características técnicas comparables ás da Sala Grande, coa renovación do interior, os equipamentos audiovisuais e o vestíbulo de acceso.[23]
A Sala Darsena funciona desde entón como unha das principais salas alternativas á Sala Grande e acolle proxeccións da selección oficial para público, prensa e profesionais acreditados.
Palazzo del Casinò
[editar | editar a fonte]O Palazzo del Casinò atópase ao lado do Palazzo del Cinema. Foi deseñado polo enxeñeiro municipal Eugenio Miozzi e construído en 1938, tamén segundo unha linguaxe racionalista, aínda que cun carácter máis monumental ca o Palazzo del Cinema.[24]
O edificio foi concibido orixinalmente como casino, con grandes salóns de xogo, restaurantes, cafés e espazos de lecer decorados con mármore, mosaicos e vidro artístico de Murano. Tras o peche do casino a finais da década de 1990, o edificio pasou a ser utilizado de maneira estable pola Bienal durante o festival, especialmente para os servizos de prensa, as actividades profesionais e diversas proxeccións.[24]
Entre os seus espazos cinematográficos figuran a Sala Perla, con 595 localidades, a Sala Volpi e a Sala Casinò, ademais das salas de conferencias e das áreas destinadas á prensa.[24]
PalaBiennale
[editar | editar a fonte]O PalaBiennale é unha gran sala temporal instalada durante a celebración do festival en via Sandro Gallo, a pouca distancia do núcleo principal do complexo. Cunha capacidade aproximada de 1.760 espectadores, é a sala con maior número de localidades da Mostra.[25]
Está destinada principalmente ás proxeccións para o público e aos espectadores acreditados. Unha das súas características habituais son as dobres sesións nocturnas destinadas ao público xeral.[25]
Nas súas proximidades atópase a Sala Corinto, situada no Parco Quattro Fontane. Utilizada pola Mostra desde 2022, dispón dunhas 340 localidades.[25]
Sala Giardino
[editar | editar a fonte]A Sala Giardino foi inaugurada en 2016 e forma parte do proceso de renovación dos espazos cinematográficos do Lido. Conta con 568 localidades e está equipada para proxección dixital e cinematográfica, sistemas de son Dolby 7.1, proxección en 3D e tradución simultánea.[26]
A sala sitúase na zona comprendida entre o Palazzo del Cinema e o Palazzo del Casinò e permite aumentar o número de proxeccións simultáneas durante os días de maior actividade da Mostra.
Espazos exteriores e Venice Immersive Island
[editar | editar a fonte]O complexo do festival complétase co Piazzale del Cinema, onde se atopa a alfombra vermella empregada nas principais estreas, os puntos de información e venda de entradas, a Terrazza Biennale e diferentes áreas destinadas ao público e aos profesionais.[27]
Fóra do núcleo principal do Lido, a Bienal emprega a pequena illa do Lazzaretto Vecchio, situada fronte á Riva di Corinto, como sede de Venice Immersive. Durante o festival recibe a denominación de Venice Immersive Island e acolle instalacións e experiencias de realidade virtual, realidade aumentada, realidade mixta e outras formas de medios inmersivos.[28]
Organización e seccións oficiais
[editar | editar a fonte]O Festival Internacional de Cinema de Venecia é organizado pola Bienal de Venecia e está recoñecido oficialmente pola Federación Internacional de Asociacións de Produtores Cinematográficos (FIAPF). Segundo o seu regulamento, a Mostra ten como obxectivo favorecer o coñecemento e a difusión do cinema internacional nas súas diferentes formas artísticas, de espectáculo e industriais, nun espírito de liberdade e diálogo.[29]
A selección das obras é responsabilidade da dirección artística do festival. O director da Mostra é asistido por un equipo de expertos e por correspondentes e asesores internacionais especializados en diferentes áreas xeográficas.[29]
A estrutura exacta da programación e os nomes dalgunhas seccións variaron ao longo da historia. Na 83.ª edición, celebrada en 2026, a selección oficial estaba formada pola competición principal, Venice Open – Fuori Concorso, Orizzonti, Venezia Spotlight, Venezia Classici, Venice Immersive e Biennale College Cinema.[30]
Competición principal
[editar | editar a fonte]A competición principal constitúe o núcleo da selección oficial. A denominación incorpora habitualmente o número da edición correspondente —por exemplo, Venezia 83 en 2026— e reúne unha selección internacional de longametraxes presentadas como estreas mundiais.[29]
Segundo o regulamento de 2026, podían participar ata 21 longametraxes. As películas debían ser obras recentes e, como regra xeral, non podían ter sido proxectadas previamente en público, difundidas por Internet nin presentadas noutras manifestacións cinematográficas.[29]
As obras da competición principal concorren aos principais premios oficiais do festival, entre eles o León de Ouro, os Leóns de Prata e as Copas Volpi.
Venice Open – Fóra de competición
[editar | editar a fonte]A sección Venice Open – Fuori Concorso reúne obras incluídas na selección oficial pero que non participan na competición principal. A denominación Venice Open foi incorporada á sección de fóra de competición no regulamento de 2026.[29]
A sección pode incluír filmes de cineastas xa consolidados, obras cunha marcada dimensión espectacular ou con propostas narrativas e expresivas particulares, películas non narrativas, así como series e miniseries de autor.[29]
Inclúense tamén nesta área da programación os filmes producidos no marco de Biennale College Cinema.[29]
Orizzonti
[editar | editar a fonte]Orizzonti («Horizontes») é unha sección competitiva dedicada ás novas tendencias estéticas e expresivas do cinema internacional. Presta especial atención ás primeiras obras, aos autores emerxentes ou aínda non plenamente consolidados, ao cinema independente e ás cinematografías con menor presenza nos grandes circuítos internacionais.[29]
Ademais das longametraxes, a sección inclúe Orizzonti Corti, competición destinada a curtametraxes de ata vinte minutos seleccionadas pola súa calidade e pola orixinalidade da súa linguaxe cinematográfica.[29]
Orizzonti dispón dun xurado internacional propio e dun conxunto de premios independentes dos da competición principal.
Venezia Spotlight
[editar | editar a fonte]Venezia Spotlight é unha sección destinada a filmes que procuran combinar a experimentación ou a innovación formal cunha relación particularmente directa co público. A selección admite obras de diferentes xéneros e formatos e presta especial atención ás producións que reinterpretan os xéneros cinematográficos ou buscan novas formas narrativas dentro do cinema contemporáneo.[29]
A sección recibiu a denominación Venezia Spotlight a partir de 2025; anteriormente era coñecida como Orizzonti Extra.[31]
A diferenza das principais seccións competitivas decididas por xurados profesionais, Venezia Spotlight está orientada especialmente á participación do público nas súas proxeccións.
Venezia Classici
[editar | editar a fonte]Venezia Classici está dedicada á conservación e á redescuberta do patrimonio cinematográfico. Presenta en estrea mundial unha selección de restauracións de películas clásicas realizadas durante o ano anterior por cinematecas, arquivos, institucións culturais, produtoras e outros organismos especializados.[32]
O obxectivo da sección é presentar obras pertencentes á historia do cinema nas mellores condicións posibles de imaxe e son e favorecer a súa descuberta ou redescuberta, especialmente entre as novas xeracións de espectadores.[32]
No regulamento de 2026 eran admisibles restauracións de filmes cuxa primeira proxección pública tivese lugar entre 1930 e 1995.[32]
Venice Immersive
[editar | editar a fonte]Venice Immersive é a sección da Mostra dedicada ás formas de expresión audiovisual inmersivas e ás tecnoloxías de realidade estendida (XR). Inclúe obras de realidade virtual (VR), realidade mixta (MR), realidade aumentada (AR), vídeos inmersivos, instalacións interactivas e mundos virtuais.[28]
A sección celébrase no Lazzaretto Vecchio, rebautizado durante o festival como Venice Immersive Island. A súa programación combina unha competición internacional con propostas presentadas fóra de competición.[29]
Dentro da programación fóra de competición existe a categoría Best of Immersive, dedicada a obras xa presentadas ou distribuídas desde a edición anterior, así como a unha selección de mundos virtuais en liña. Tamén se presentan proxectos desenvolvidos mediante Biennale College Cinema – Immersive.[29]
Biennale College Cinema
[editar | editar a fonte]Biennale College Cinema é un programa de formación, investigación e produción creado pola Bienal en 2012 para apoiar novos talentos cinematográficos e promover a realización de longametraxes de microorzamento.[33]
O programa selecciona equipos formados por directores e produtores, que participan nun proceso de desenvolvemento e formación que abrangue desde a concepción e escrita dos proxectos ata a produción, a montaxe, o marketing e a distribución.[33]
As obras finalmente producidas no marco do programa estréanse mundialmente durante o Festival Internacional de Cinema de Venecia e forman parte da selección oficial, aínda que se presentan fóra da competición principal.[29]
Seccións autónomas e paralelas
[editar | editar a fonte]Xunto á selección oficial existen dúas seccións cinematográficas autónomas e paralelas. A súa programación non é seleccionada directamente pola dirección da Mostra e cada unha delas se rexe polo seu propio regulamento.[29]
A Settimana Internazionale della Critica (Semana Internacional da Crítica) é organizada polo Sindacato Nazionale Critici Cinematografici Italiani e está dedicada fundamentalmente ás primeiras longametraxes de novos cineastas. O regulamento de 2026 permitía unha selección dun máximo de nove filmes.[29]
As Giornate degli Autori («Xornadas dos Autores») son promovidas pola Associazione Nazionale Autori Cinematografici e pola asociación 100autori. Inspiradas no modelo da Quinzaine des cinéastes do Festival de Cannes, constitúen unha programación autónoma orientada especialmente ao cinema de autor e ás novas voces cinematográficas.[29]
Aínda que estas seccións forman parte do programa xeral que se desenvolve durante a Mostra, a Bienal distingue formalmente entre elas e a selección oficial.
Actividades profesionais
[editar | editar a fonte]O Venice Production Bridge é a plataforma profesional e de mercado vinculada ao festival. Está destinada a produtores, distribuidores, axentes de vendas, editores, plataformas audiovisuais e outros profesionais da industria e procura facilitar o financiamento, a produción e a circulación internacional de novos proxectos.[20]
Entre as súas actividades figuran o Book Adaptation Rights Market, dedicado aos dereitos de adaptación cinematográfica de obras literarias; o Venice Gap-Financing Market, orientado a proxectos que buscan completar o seu financiamento; Final Cut in Venice, destinado a filmes en fase de posprodución; encontros con plataformas de distribución dixital e diferentes programas para proxectos inmersivos e para profesionais do sector.[20]
As súas principais instalacións profesionais sitúanse no Hotel Excelsior e, para as actividades relacionadas coas tecnoloxías inmersivas, no Lazzaretto Vecchio.[20]
Premios
[editar | editar a fonte]O Festival Internacional de Cinema de Venecia concede diferentes premios oficiais ás obras incluídas nas seccións competitivas da Mostra. A estrutura dos galardóns variou considerablemente desde a creación do festival en 1932, tanto nas súas denominacións como nas categorías premiadas.
Segundo o regulamento da 83.ª edición, celebrada en 2026, existen cinco xurados encargados dos premios oficiais: o da competición principal Venezia 83, o de Orizzonti, o do Premio de Venecia á mellor ópera prima «Luigi De Laurentiis», o de Venice Immersive e o de Venezia Classici.[29] A sección Venezia Spotlight, pola súa banda, concede un premio decidido mediante votación do público.
Competición principal
[editar | editar a fonte]O xurado internacional da competición principal está formado, segundo o regulamento, por un máximo de sete personalidades do mundo do cinema e da cultura procedentes de diferentes países. Non poden formar parte del persoas que participasen na realización das obras seleccionadas ou teñan intereses na súa distribución.[29]
Na 83.ª edición os premios da competición principal eran os seguintes:[29]
- León de Ouro á mellor película (Leone d'Oro per il miglior film);
- León de Prata – Gran Premio do Xurado (Leone d'Argento – Gran Premio della Giuria);
- León de Prata á mellor dirección (Leone d'Argento – Premio per la migliore regia);
- Copa Volpi á mellor actriz (Coppa Volpi per la migliore interpretazione femminile);
- Copa Volpi ao mellor actor (Coppa Volpi per la migliore interpretazione maschile);
- Premio Especial do Xurado (Premio Speciale della Giuria);
- Premio ao mellor guión (Premio per la migliore sceneggiatura);
- Premio Marcello Mastroianni a un actor ou actriz nova revelación.
O regulamento non permite premios ex aequo. Como regra xeral, unha mesma película tampouco pode recibir máis dun dos premios da competición principal. Excepcionalmente, o xurado pode conceder unha Copa Volpi ou o Premio Marcello Mastroianni a un intérprete dunha película que xa recibise outro galardón. Se a película en cuestión obtivo o León de Ouro, esta excepción require a unanimidade do xurado.[29]
León de Ouro
[editar | editar a fonte]O León de Ouro é o máximo premio do Festival Internacional de Cinema de Venecia e concédese á mellor película da competición principal.
O galardón utiliza como emblema o León de San Marcos, símbolo tradicional da cidade de Venecia e da antiga República de Venecia. A súa denominación actual consolidouse durante a década de 1950, despois de diferentes nomes empregados para o máximo galardón nas primeiras décadas do festival.[1]
Desde a recuperación da competición en 1980, o León de Ouro volveu constituír de maneira estable a principal distinción da Mostra.[1]
Leóns de Prata
[editar | editar a fonte]A denominación León de Prata foi utilizada en diferentes épocas do festival para galardóns de distinta natureza. Os primeiros Leóns de Prata concedéronse na década de 1950 como distincións secundarias fronte ao León de Ouro e podían recaer en varias películas nunha mesma edición.[34]
Na estrutura actual existen dous premios diferentes baixo esta denominación: o León de Prata – Gran Premio do Xurado, concedido a unha película, e o León de Prata á mellor dirección, destinado ao director ou directora dunha obra da competición principal.[29]
Copas Volpi
[editar | editar a fonte]As Copas Volpi son os principais premios de interpretación do festival. Concédense actualmente á mellor actriz e ao mellor actor das películas da competición oficial.[29]
Os premios de interpretación existen desde as primeiras edicións competitivas. En 1934 recibían a denominación de grandes medallas de ouro da Asociación Nacional Fascista do Espectáculo, e desde 1935 pasaron a denominarse Coppa Volpi, polo conde Giuseppe Volpi, fundador e primeiro presidente do festival.[1]
Tras a segunda guerra mundial, o premio foi recuperado en 1951 baixo a denominación de Premio Volpi e desde o ano seguinte volveu utilizar o nome tradicional de Copa Volpi.[34]
Premio Marcello Mastroianni
[editar | editar a fonte]O Premio Marcello Mastroianni (Premio Marcello Mastroianni) recoñece a interpretación dun actor ou actriz nova revelación nunha película da competición principal. O galardón leva o nome do actor italiano Marcello Mastroianni.[29]
Comezou a concederse en 1998, sendo o seu primeiro destinatario Niccolò Senni pola súa interpretación en L'albero delle pere, de Francesca Archibugi.[35]
Premios Orizzonti
[editar | editar a fonte]A sección Orizzonti conta cun xurado internacional independente, formado segundo o regulamento de 2026 por un máximo de cinco personalidades do cinema e da cultura.[29]
Concede sete premios oficiais:
- Premio Orizzonti á mellor película;
- Premio Orizzonti á mellor dirección;
- Premio Especial do Xurado Orizzonti;
- Premio Orizzonti á mellor actriz;
- Premio Orizzonti ao mellor actor;
- Premio Orizzonti ao mellor guión;
- Premio Orizzonti á mellor curtametraxe.
Non se permiten premios ex aequo e, como norma xeral, unha mesma película só pode recibir un dos galardóns da sección. Existe unha excepción similar á da competición principal que permite premiar unha interpretación dunha película xa galardoada.[29]
Premio do público Venezia Spotlight
[editar | editar a fonte]A sección Venezia Spotlight non dispón dun xurado profesional propio. Os espectadores presentes na proxección oficial de cada película poden emitir un voto e a obra que alcanza a valoración máis elevada recibe o Armani beauty Audience Award, ou Premio do Público Armani beauty.[29]
A denominación e o patrocinio deste premio poden variar segundo as edicións.
Venezia Classici
[editar | editar a fonte]Os premios de Venezia Classici están vinculados á recuperación e conservación do patrimonio cinematográfico.
Segundo o regulamento de 2026, un xurado formado por estudantes de estudos cinematográficos de universidades italianas, presidido por unha personalidade do mundo do cinema ou da cultura, concede o Premio Venezia Classici á mellor película restaurada.[29]
A estrutura destes premios variou entre edicións. En anos anteriores concedeuse tamén un Premio Venezia Classici ao mellor documental sobre cinema; por exemplo, este galardón continuaba formando parte dos premios oficiais na edición de 2025.[36] No regulamento de 2026 figura unicamente o premio á mellor restauración.[29]
León do Futuro – Premio «Luigi De Laurentiis»
[editar | editar a fonte]O León do Futuro – Premio de Venecia «Luigi De Laurentiis» á mellor ópera prima (Leone del Futuro – Premio Venezia Opera Prima «Luigi De Laurentiis») está destinado á primeira longametraxe de ficción dun realizador.[29]
Poden optar ao premio as óperas primas presentadas nas diferentes seccións competitivas da Mostra, tanto na selección oficial como nas seccións autónomas e paralelas. Deste xeito, unha película da Semana Internacional da Crítica ou das Giornate degli Autori tamén pode recibir este galardón.[29]
O premio é decidido por un xurado internacional específico. En 2026 estaba acompañado dunha dotación de 100 000 dólares estadounidenses, achegada por Filmauro e repartida a partes iguais entre o director e o produtor da película gañadora.[29]
Venice Immersive
[editar | editar a fonte]A competición Venice Immersive conta cun xurado internacional formado por tres personalidades vinculadas ao mundo creativo.[29]
Concede tres premios:
- Venice Immersive Grand Prize;
- Venice Immersive Special Jury Prize;
- Venice Immersive Achievement Prize.
Os galardóns poden recaer en obras de diferentes formas de realidade estendida, entre elas realidade virtual, realidade aumentada, realidade mixta, instalacións inmersivas e mundos virtuais.[29]
León de Ouro á traxectoria
[editar | editar a fonte]O León de Ouro á traxectoria (Leone d'Oro alla carriera) distingue personalidades que realizaron unha contribución destacada á arte cinematográfica.
Segundo o regulamento de 2026, poden concederse un máximo de dous Leóns de Ouro á traxectoria por edición. O director artístico do festival formula as propostas ao presidente e ao consello de administración da Bienal.[29]
Un dos galardóns pode destinarse a un director ou directora —ou a outra figura profesional de especial relevancia— pola contribución do conxunto da súa obra ao desenvolvemento da arte cinematográfica. O segundo pode concederse a un actor ou actriz pola súa contribución persoal ás artes interpretativas.[29]
Os Leóns de Ouro á traxectoria non forman parte da competición entre as películas seleccionadas.
Evolución histórica dos principais galardóns
[editar | editar a fonte]A estrutura dos premios do festival experimentou numerosos cambios desde 1932.
Na primeira edición, celebrada en 1932, non existían nin xurado nin premios oficiais. A organización realizou unha consulta entre o público, que permitiu outorgar diferentes recoñecementos. À nous la liberté, de René Clair, foi a película máis apreciada, mentres que Nikolai Ekk foi elixido mellor director por Putyovka v zhizn.[1]
Coa transformación da Mostra nun festival competitivo en 1934 instituíronse os primeiros premios oficiais. Durante o período fascista, o máximo sistema de galardóns estivo asociado á Copa Mussolini (Coppa Mussolini), denominada en honra de Benito Mussolini. Con diferentes fórmulas ao longo das edicións, distinguíanse as principais películas italianas e estranxeiras.[1]
A progresiva subordinación da Mostra á política cultural do fascismo italiano afectou tamén á concesión destes premios, especialmente a finais da década de 1930 e durante as edicións de guerra de 1940 a 1942.[1]
Coa desaparición do réxime fascista e a recuperación do festival despois da guerra eliminouse a Copa Mussolini. Na manifestación de 1946, de carácter transitorio, unha comisión internacional de xornalistas considerou The Southerner, de Jean Renoir, a mellor película.[37]
En 1947 creouse o Gran Premio Internacional de Venecia (Gran Premio Internazionale di Venezia), que se converteu no máximo galardón do festival. O primeiro filme en recibilo foi Siréna, do director checoslovaco Karel Steklý.[38] O Gran Premio mantívose tamén na edición de 1948, na que foi concedido a Hamlet, de Laurence Olivier.[34]
En 1949 o máximo premio foi substituído polo León de San Marcos (Leone di San Marco), denominado polo símbolo da cidade. O primeiro filme distinguido con el foi Manon, de Henri-Georges Clouzot.[34]
Durante a década de 1950 consolidouse a denominación León de Ouro. En paralelo, en 1953 comezaron a concederse Leóns de Prata como galardóns secundarios; naquela primeira utilización recibiron o premio varias películas na mesma edición.[34]
A secuencia histórica do principal galardón pode resumirse, por tanto, do seguinte xeito:
- 1932: sen premio oficial; consulta ao público.
- 1934–1942: Copa Mussolini e outros premios principais diferenciados segundo as películas italianas e estranxeiras.
- 1946: premio á mellor película dunha comisión internacional de xornalistas.
- 1947–1948: Gran Premio Internacional de Venecia.
- desde 1949: León de San Marcos, posteriormente denominado León de Ouro.
Tras as protestas e a crise institucional de 1968, a Mostra suprimiu a competición a partir de 1969. Durante a década seguinte non se concederon os Leóns competitivos, aínda que existiron recoñecementos especiais e Leóns á traxectoria.[1]
A competición foi restablecida en 1980, cando o León de Ouro foi concedido ex aequo a Atlantic City, de Louis Malle, e Gloria, de John Cassavetes. Desde entón o León de Ouro volveu ocupar de maneira estable o lugar de máximo galardón da Mostra.[1]
Premios desaparecidos ou transformados
[editar | editar a fonte]Ao longo da historia da Mostra existiron numerosos galardóns que posteriormente desapareceron, mudaron de nome ou foron integrados noutras categorías.
Entre eles destacan as Osellas (Oselle ou Oselle d'oro), empregadas durante diversas edicións para recoñecer contribucións artísticas e técnicas específicas, como a escrita do guión, a dirección de fotografía, a música, a escenografía ou outros aspectos da realización cinematográfica.
Por exemplo, na edición de 1996, Profundo carmesí, de Arturo Ripstein, recibiu Osellas de Ouro polo guión, a escenografía e a música.[39] En 1998, Éric Rohmer obtivo a Osella de Ouro ao mellor guión por Conte d'automne.[40]
A composición exacta dos premios técnicos foi cambiando co tempo e as Osellas deixaron de formar parte do sistema actual, no que existe, entre outros, un premio específico ao mellor guión.[29]
Premios colaterais
[editar | editar a fonte]Ademais dos galardóns oficiais da Bienal, durante o festival concédese un número variable de premios colaterais. Estes premios son outorgados de maneira independente por asociacións de críticos cinematográficos, organizacións culturais, entidades profesionais, fundacións e outros colectivos acreditados.[41]
Estes recoñecementos non deben confundirse cos premios oficiais decididos polos xurados da Mostra. A súa composición e denominación poden variar considerablemente dunha edición a outra.[41]
Retrospectivas
[editar | editar a fonte]As retrospectivas e homenaxes dedicadas á historia do cinema forman parte da programación do Festival Internacional de Cinema de Venecia desde os seus primeiros anos. Ademais de presentar novas producións, a Mostra desempeñou ao longo da súa historia unha función de recuperación e difusión de autores, cinematografías nacionais, movementos artísticos e períodos da historia cinematográfica.[1]
A primeira retrospectiva do festival organizouse en 1938 e estivo dedicada ao cinema francés entre 1891 e 1933. A iniciativa permitiu presentar de maneira sistemática a evolución dunha das cinematografías que maior presenza tiveran nas primeiras edicións da Mostra, desde os inicios do cinema ata a chegada do son.[1]
Tras a segunda guerra mundial, as retrospectivas adquiriron unha presenza regular dentro da programación. En diferentes edicións estiveron dedicadas a períodos do cinema mudo, a movementos de vangarda, a cinematografías nacionais, a grandes estudos cinematográficos e a cineastas individuais.
Entre as iniciativas organizadas durante as primeiras décadas da posguerra figuraron retrospectivas dedicadas ao cinema francés mudo, ao futurismo e ás vangardas cinematográficas europeas, ademais de homenaxes a autores que xa comezaban a ser considerados figuras fundamentais da historia do cinema.[42]
Durante a crise institucional da Mostra na década de 1970, as retrospectivas adquiriron unha importancia especial. Entre 1974 e 1976, baixo a dirección de Giacomo Gambetti, a actividade cinematográfica da Bienal afastouse da estrutura competitiva tradicional e organizouse arredor de novas películas, homenaxes, retrospectivas, encontros e debates.[1]
Co relanzamento do festival a partir de 1979, o director Carlo Lizzani situou novamente as retrospectivas entre os principais elementos da programación. A súa fórmula combinaba a competición con seccións dedicadas á investigación cinematográfica, recuperacións históricas e propostas destinadas a ampliar a concepción tradicional dun festival de cinema.[1]
Durante as décadas seguintes organizáronse retrospectivas dedicadas tanto a cineastas individuais como a períodos ou escolas cinematográficas. Na edición de 1983, por exemplo, celebráronse homenaxes retrospectivas a René Clair e Elio Petri, mentres que en 1987 se dedicou unha retrospectiva a Joseph L. Mankiewicz.[42]
As retrospectivas permitiron igualmente recuperar cinematografías ou períodos pouco coñecidos, presentar copias restauradas e revisar criticamente determinados momentos da historia do cinema. A programación histórica foi evolucionando progresivamente desde as retrospectivas tradicionais cara a unha actividade máis estreitamente vinculada coa restauración cinematográfica e a conservación do patrimonio audiovisual.
Desde 2012, a sección Venezia Classici, creada durante a segunda etapa de Alberto Barbera á fronte da Mostra, recolle unha parte desta vertente histórica do festival. A sección presenta en estrea mundial unha selección de restauracións realizadas durante o ano anterior por cinematecas, arquivos, institucións culturais e produtoras de diferentes países.[32]
Venezia Classici mantén deste xeito unha das funcións históricas das retrospectivas da Mostra: facilitar ao público contemporáneo a descuberta ou redescuberta de obras pertencentes á historia do cinema nas mellores condicións posibles de imaxe e son.[32]
Directores da Mostra
[editar | editar a fonte]A dirección artística da Mostra foi exercida ao longo da súa historia por críticos, historiadores, escritores, cineastas e responsables culturais. As atribucións exactas do cargo e a propia estrutura administrativa da Bienal variaron ao longo do tempo, especialmente durante as reformas das décadas de 1960 e 1970.[42]
Luciano De Feo, un dos principais impulsores da creación do festival, foi o primeiro responsable da selección cinematográfica en 1932. A partir de 1935, coa conversión da Mostra nun acontecemento anual, a dirección adquiriu progresivamente unha estrutura máis estable.[1]
| Período | Director | Observacións |
|---|---|---|
| 1932–1934 | Luciano De Feo e Attilio Fontana | De Feo foi o primeiro director-selector; Fontana participou tamén na dirección das primeiras edicións.[6] |
| 1935–1942 | Ottavio Croze | Dirixiu a Mostra desde a súa transformación en festival anual ata a última edición celebrada durante a guerra. |
| 1943–1945 | — | O festival non se celebrou por mor da segunda guerra mundial. |
| 1946–1948 | Elio Zorzi | Responsable da recuperación da Mostra na inmediata posguerra. |
| 1949–1953 | Antonio Petrucci | |
| 1954–1955 | Ottavio Croze | Segundo período á fronte da Mostra. |
| 1956–1959 | Floris Luigi Ammannati | |
| 1960 | Emilio Lonero | |
| 1961–1962 | Domenico Meccoli | |
| 1963–1968 | Luigi Chiarini | Impulsou unha renovación da selección baseada en criterios principalmente artísticos. |
| 1969–1970 | Ernesto G. Laura | Dirixiu as primeiras edicións non competitivas posteriores á crise de 1968. |
| 1971–1972 | Gian Luigi Rondi | |
| 1973 | — | A Mostra non chegou a celebrarse. |
| 1974–1976 | Giacomo Gambetti | Dirixiu unha programación reformulada, baseada en novas películas, retrospectivas, homenaxes e encontros. |
| 1977 | — | A actividade cinematográfica integrouse no programa da Bienal dedicado á disidencia cultural. |
| 1978 | — | Non se celebrou a Mostra. |
| 1979–1982 | Carlo Lizzani | Relanzou o festival e recuperou a competición e o León de Ouro en 1980. |
| 1983–1986 | Gian Luigi Rondi | Segundo período á fronte da Mostra. |
| 1987–1991 | Guglielmo Biraghi | Dirixiu cinco edicións da Mostra. |
| 1992–1996 | Gillo Pontecorvo | |
| 1997–1998 | Felice Laudadio | |
| 1999–2001 | Alberto Barbera | Primeiro período como director da Mostra; fora nomeado para o cargo a finais de 1998. |
| 2002–2003 | Moritz de Hadeln | |
| 2004–2011 | Marco Müller | |
| 2012– | Alberto Barbera | Segundo período á fronte da Mostra; en 2026 foi renovado no cargo para 2027 e 2028.[43] |
Luciano De Feo e os primeiros anos
[editar | editar a fonte]Luciano De Feo foi un dos tres principais artífices da creación da Mostra, xunto co presidente da Bienal Giuseppe Volpi e o secretario xeral Antonio Maraini. Como secretario xeral do Instituto Internacional de Cinematografía Educativa, organismo vinculado á Sociedade de Nacións, achegou contactos internacionais e experiencia na organización cinematográfica.[1]
Na primeira edición de 1932 exerceu como primeiro director e seleccionador das películas. Durante a etapa inicial colaborou tamén na organización Attilio Fontana. A partir de 1935, Ottavio Croze asumiu unha dirección máis estable coincidindo coa conversión do festival nun acontecemento anual.[42]
Luigi Chiarini
[editar | editar a fonte]A etapa de Luigi Chiarini, entre 1963 e 1968, supuxo unha das transformacións máis significativas da Mostra. Chiarini procurou reducir o peso dos intereses comerciais, do carácter mundano do festival e das presións externas, e estableceu criterios de selección centrados na calidade estética e na consideración do cinema como forma artística.[1]
Durante os seus seis anos de dirección conviviron na programación cineastas xa consagrados con autores emerxentes, entre eles Jean-Luc Godard, Ingmar Bergman, Akira Kurosawa, François Truffaut, Pier Paolo Pasolini, Robert Bresson, Marco Bellocchio e John Cassavetes. A súa última edición, en 1968, coincidiu coa grave crise política e institucional que levou á supresión temporal da competición.[1]
Carlo Lizzani
[editar | editar a fonte]O director e guionista Carlo Lizzani asumiu a dirección en 1979, tras unha década de crise e transformacións institucionais. A súa etapa, ata 1982, é considerada fundamental para recuperar o prestixio internacional do festival.[1]
Lizzani restableceu a competición en 1980, reforzou as retrospectivas e introduciu novas áreas de programación dedicadas á investigación cinematográfica e a obras afastadas dos modelos competitivos convencionais.
Entre elas destacou Mezzogiorno-Mezzanotte, ideada coa colaboración do crítico Enzo Ungari e destinada a filmes espectaculares, obras de culto, reedicións e producións difíciles de encaixar nas seccións tradicionais. Esta combinación de competición, investigación histórica e programación popular influíu posteriormente no modelo doutros festivais internacionais.[1]
Gillo Pontecorvo
[editar | editar a fonte]O cineasta Gillo Pontecorvo dirixiu a Mostra entre 1992 e 1996. Durante a súa etapa promoveu unha maior presenza dos novos realizadores, a participación do público e a diversificación da programación.
Entre as iniciativas introducidas figurou Finestra sulle immagini, sección dedicada a curtametraxes, animación, produción audiovisual, experimentación e novos formatos.[1]
Alberto Barbera
[editar | editar a fonte]Alberto Barbera ocupou por primeira vez a dirección da Mostra entre as edicións de 1999 e 2001. Durante esa etapa creou, entre outras propostas, a sección Cinema del Presente, destinada a filmes innovadores e a novos autores.[1]
Regresou á dirección artística en 2012. Durante o seu segundo período impulsáronse iniciativas como Venezia Classici, Biennale College Cinema, o mercado profesional posteriormente denominado Venice Production Bridge e a sección dedicada ás formas de cinema e narración inmersivas.[1]
A súa etapa caracterízase tamén pola ampliación das actividades de restauración e conservación cinematográfica, o apoio a novos cineastas e unha maior integración entre o festival, a produción cinematográfica e as novas tecnoloxías audiovisuais.
Filmes de apertura
[editar | editar a fonte]Desde a década de 1990, a inauguración da Mostra está asociada regularmente á proxección dunha película de apertura inmediatamente despois da cerimonia inaugural na Sala Grande do Palazzo del Cinema. O filme pode formar parte da competición principal ou presentarse fóra de competición, segundo a programación de cada edición.
A seguinte relación recolle os filmes de apertura desde 1994:[42]
En ocasións, a Mostra organiza tamén unha preapertura na véspera da inauguración oficial, habitualmente vinculada a unha restauración, unha homenaxe ou outra proxección especial. Esta actividade é independente do filme de apertura oficial.
Na edición de 2026, por exemplo, a preapertura estivo dedicada a unha copia restaurada en 4K de Col cuore in gola (1967), de Tinto Brass, proxectada o 1 de setembro na Sala Darsena.[48]
A apertura oficial da 83.ª edición correspondeu a Ink, de Danny Boyle, estreada mundialmente e en competición o 2 de setembro de 2026 na Sala Grande.[47]
Xurados internacionais
[editar | editar a fonte]A concesión dos principais premios do festival corresponde a diferentes xurados internacionais formados por personalidades do mundo do cinema, das artes e da cultura.
A primeira edición da Mostra, en 1932, non contou cun xurado oficial. Os recoñecementos daquela edición resultaron dunha consulta realizada entre o público. Na segunda edición da Mostra, en 1934, xa de carácter competitivo, os premios eran decididos polo presidente da Bienal tras consultar especialistas e espectadores.[1]
O primeiro xurado internacional propiamente dito foi constituído en 1936.[1] A introdución dun órgano formado por personalidades de diferentes países consolidou progresivamente o modelo de avaliación que, con diferentes modificacións, continúa vixente.
As circunstancias políticas da segunda metade da década de 1930 e da segunda guerra mundial alteraron este sistema. Tras a interrupción do festival, a edición de 1946 tivo carácter transitorio e unha comisión internacional de xornalistas participou na atribución dos recoñecementos. En 1947 restableceuse formalmente o xurado internacional, encargado de conceder, entre outros premios, o Gran Premio Internacional de Venecia.[1]
Desde entón, as composicións dos xurados variaron segundo as épocas e a estrutura competitiva da Mostra. Directores, intérpretes, guionistas, produtores, críticos, escritores, compositores e outras personalidades da cultura participaron nos diferentes xurados.
Xurado da competición principal
[editar | editar a fonte]O xurado internacional da competición principal é o encargado de conceder o León de Ouro e os restantes premios oficiais de Venezia.
Segundo o regulamento de 2026, está formado por un máximo de sete personalidades do mundo do cinema e da cultura procedentes de diferentes países. Non poden formar parte del persoas que participasen na creación das obras invitadas ou que teñan intereses na súa distribución.[29]
O consello de administración da Bienal de Venecia designa os membros do xurado por proposta da dirección artística do festival. O mesmo procedemento se emprega para a presidencia do xurado.[49]
Cada xurado funciona segundo o seu propio regulamento. O director da Mostra pode asistir ás reunións en función consultiva cando sexa necesario aclarar cuestións de procedemento ou de aplicación das normas.[29]
O xurado da competición principal decide o León de Ouro e os restantes galardóns de Venezia, detallados na sección de premios.[29]
Na edición de 2026, o xurado da competición Venezia 83 estivo presidido pola directora, actriz, guionista e produtora estadounidense Maggie Gyllenhaal. Os restantes membros foron a directora tunisiana Kaouther Ben Hania, o compositor británico Daniel Blumberg, o académico italiano Francesco Casetti, o cineasta francés Xavier Giannoli, a directora afgá Shahrbanoo Sadat e o director de Hong Kong Johnnie To.[49]
Outros xurados oficiais
[editar | editar a fonte]A progresiva diversificación da programación levou á creación de xurados específicos para outras seccións e premios.
Na estrutura de 2026, ademais do xurado da competición principal, existían xurados internacionais independentes para:[29]
- Orizzonti, formado por un máximo de cinco personalidades e encargado dos premios propios da sección;
- o Premio de Venecia á mellor ópera prima «Luigi De Laurentiis», cun máximo de tres membros, entre eles un produtor;
- Venice Immersive, formado por tres personalidades do ámbito creativo;
- Venezia Classici, integrado por estudantes universitarios de estudos cinematográficos e presidido por unha personalidade do cinema ou da cultura.
Na 83.ª edición, o xurado de Orizzonti estivo presidido pola cineasta francesa Valérie Donzelli, mentres que o do Premio «Luigi De Laurentiis» foi presidido pola directora e guionista italiana Carolina Cavalli.[50]
Presidentes do xurado
[editar | editar a fonte]A presidencia do xurado da competición principal adoita recaer nunha personalidade de recoñecida traxectoria cinematográfica ou cultural. A persoa que ocupa a presidencia coordina os traballos do xurado e participa, en igualdade cos demais membros, nas deliberacións e decisións sobre os premios.
A composición dos xurados cambia en cada edición e consérvase na documentación e no arquivo histórico da Bienal. Na 83.ª edición, en 2026, a presidencia correspondeu a Maggie Gyllenhaal.[49]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 51 52 53 54 55 56 57 58 59 60 61 62 63 64 65 "History of the Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "History". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "83rd Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Amarcord 1 (1895–1942)". Historical Archive (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 Zocaro, Ettore (2004). "Venezia, Mostra del cinema di". Enciclopedia del Cinema (en italiano). Istituto dell'Enciclopedia Italiana. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 4 5 "The Disquieted Muses. When La Biennale di Venezia Meets History" (PDF) (en inglés). La Biennale di Venezia. 2020. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "1932: The first Venice International Film Festival from the Archive of La Biennale di Venezia" (en inglés). Bienal de Venecia. 8 de xullo de 2022. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "From the beginnings until the Second World War". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "From the beginnings until the Second World War". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "The post-war period and the '60s". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "The post-war period and the '60s". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ Zocaro, Ettore (2004). "Venezia, Mostra del cinema di". Enciclopedia del Cinema (en italiano). Istituto dell'Enciclopedia Italiana. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "From the '70s to the reforms of 1998". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "La scomparsa di Moritz de Hadeln" (en italiano). Bienal de Venecia. 7 de xullo de 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Introduction by Alberto Barbera". 77th Venice International Film Festival (en inglés). Bienal de Venecia. 2020. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "1932: The first Venice International Film Festival from the Archive of La Biennale di Venezia" (en inglés). Bienal de Venecia. 8 de xullo de 2022. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Alberto Barbera: Artistic Director of the Biennale Cinema 2027 and 2028" (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "83rd Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 "Venues". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 4 "Venice Production Bridge". 83rd Venice International Film Festival (en inglés). Bienal de Venecia. 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "Palazzo del Cinema". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "Sala Grande". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "Sala Darsena". La Biennale di Venezia (en italiano). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 "Palazzo del Casinò". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 "PalaBiennale". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Sala Giardino". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Outdoor spaces". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "Venice Immersive". 83rd Venice International Film Festival (en inglés). Bienal de Venecia. 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 "Regulations". 83rd Venice International Film Festival (en inglés). Bienal de Venecia. 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Selezione ufficiale della 83. Mostra del Cinema". La Biennale di Venezia (en italiano). Bienal de Venecia. 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "La scomparsa di Giorgio Armani" (en italiano). Bienal de Venecia. 4 de setembro de 2025. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 4 5 "Venice Classics Regulations". 83rd Venice International Film Festival (en inglés). Bienal de Venecia. 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "Biennale College Cinema". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 4 5 "The post-war period and the '60s". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "L'albero delle pere". Archivio Storico delle Arti Contemporanee (en italiano). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Official awards of the 82nd Venice International Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 6 de setembro de 2025. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "History of the Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Siréna". Archivio Storico delle Arti Contemporanee (en italiano). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Profundo carmesi". Archivio Storico delle Arti Contemporanee (en italiano). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Conte d'automne". Archivio Storico delle Arti Contemporanee (en italiano). Bienal de Venecia. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "Collateral Awards and Events of the 83rd Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 11 de setembro de 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 4 5 Brunetta, Gian Piero (2022). La Mostra Internazionale d'Arte Cinematografica di Venezia 1932-2022 (en italiano). Venecia: La Biennale di Venezia / Marsilio. ISBN 978-88-297-1504-6.
- ↑ "Alberto Barbera: Artistic Director of the Biennale Cinema 2027 and 2028" (en inglés). Bienal de Venecia. 3 de marzo de 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Edoardo De Angelis’ Comandante is the opening film of the 80th Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 30 de agosto de 2023. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Tim Burton’s Beetlejuice Beetlejuice is the Opening Film of the 81st Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 2 de xullo de 2024. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Paolo Sorrentino’s La Grazia is the Opening Film of the 82nd Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 27 de agosto de 2025. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 "Danny Boyle's Ink is the Opening Film of the Biennale Cinema 2026". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 1 de setembro de 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "Deadly Sweet (Col cuore in gola, 1967) by Tinto Brass is the pre-opening film of the 83rd Venice Film Festival". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 1 de setembro de 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- 1 2 3 "The International Jury for Venezia 83 Competition". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 22 de xuño de 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
- ↑ "The juries of Orizzonti and the Venice Award for a Debut Film". La Biennale di Venezia (en inglés). Bienal de Venecia. 13 de xullo de 2026. Consultado o 5 de outubro de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Festival Internacional de Cinema de Venecia |