Faro de Monte Louro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 14 de marzo de 2017 ás 15:06 por BanjoBot 2.0 (conversa | contribucións) (→‎top: Arranxos varios)
Faro de Monte Louro.

O faro de Monte Louro é un faro situado na Punta do Queixal do monte Louro, na embocadura da ría de Muros e Noia. Comezou a funcionar o 15 de xullo de 1862.

Nos comezos contaba cun aparato catadrióptico de quinta orde, a súa luz era fixa e branca e acadaba as dez millas na normalidade do estado atmosférico.

O edificio é de planta rectangular e ten uns cen metros cadrados, coas dependencias distribuídas por un corredor central. A torre, troncopiramidal e coa sección hexagonal, alcanza os 5.30 m de altura e esta coroada por un balconciño cun lixeiro beiril, unha torre grande cilíndrica e a lanterna, poligonal e de 1.60 m. de diámetro, con cristais planos e montantes verticais.

Unha reforma alterou lixeiramente en 1919 o balconciño e a cuberta, adaptando ao aparato un xogo de pantallas xiratorias movidas por unha máquina de reloxaría da maquinista Valenciana. A característica fixouse en grupos de 4+1 ocultacións brancas.

A lámpada Maris estivo en uso ata o 18 de abril de 1949, en que foi substituída por un sistema de acetileno cun destellador AGA con válvula solar e queimador de 25 litros. A característica pasou a ser de grupos de 2+1 fulgores brancos, cun alcance de doce millas. O persoal suprimiuse e pasou a dar servizo ao faro de Rebordiño.

Actualmente atópase electrificado con utilización de enerxía fotovoltaica subministrada por seis módulos de 75 W/PÁX. Esta reforma foi realizada a principios do ano 1993.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos